O PSOE quere converter a beira do Lérez nunha 'terraza fluvial' na que "mollar os pés"

Por Manu Otero

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
O proxecto impulsado pola candidatura do socialista Iván Puentes para a renaturalización dos ríos deniminado Pontevedra Flúe inclúe unha proposta chamada Terrazas do Lérez. Unha intervención consistente en rehabilitar a zona de transición entre o río e a cidade nos treitos que discorren entre as pontes dos Tirantes e O Burgo, eliminando o actual muro que canaliza o Lérez e substituíndoo por unhas bancadas horizontais que descendan cara ao río a xeito de terrazas.
Os 25 millóns de euros comprometidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica servirán para facer realidade esta actuación así como outras para completar unha profunda transformación de toda a franxa fluvial da Boa Vila.
Ademais de permitir unha transición máis amable e natural, cunha vexetación propia dunha ribeira fluvial que potenciará a súa riqueza biolóxica, tal e como avanzou hoxe a número catro da lista socialista, Paloma Castro, "estes novos espazos estarán concebidos para que poidamos mollar os pés no río e realizar un paseo agradable, contarán con zonas de sombra e solarios e estarán dotados de mobiliario axeitado para tomar o sol, de xeito que a cidadanía poida utilizalos como se fosen unha praia", dixo no Club Naval antes de subirse a unha piragua para dar un paseo polo río.
"A conversión das beiras do río en suaves terrazas traducirase nunha serie de plataformas dispostas de xeito escalonado cara ao río, que constitúan unha suave pendente e que conserven na súa zona inferior o leito natural do río, eliminando o actual muro de cemento", engadiu.
O proxecto plantexa a mellora do paseo e a conservación da súa función de mobilidade peonil e ciclista, suprimindo a mobilidade motorizada en Rafael Areses. A intervención implicaría a eliminación da rampla de acceso que comunica o párking do Pazo da Cultura coa parte superior do parque Rosalía de Castro, deixando como único acceso o que comunica directamente coa avenida de Compostela. Tamén se liberarían de coches tanto a plataforma inferior, que actualmente está pavimentada, como a propia rúa.
A parlamentaria socialista explicou que a elaboración do proxecto técnico "terá en conta as solucións baseadas na natureza, adoptando aquelas fórmulas máis sostibles e amables co medio natural, de tal xeito que o resultado sexa beneficioso para o ecosistema".
Partindo dunha liña fluvial "pouco agradecida e de aspecto duro" na fachada que discorre por diante do Pavillón dos Deportes e o Recinto Feiral, o proxecto Terrazas do Lérez "aspira a ter unha forza icónica capaz de converterse nun novo símbolo da cidade, ofrecendo tanto aos pontevedreses como a quen nos visita novas postais urbanas dun río mimado, utilizado, acolledor, solleiro e apetecible", rematou.
Relacionadas:
-
O ministro Escrivá reclama "poner énfasis" nas políticas para as personas máis vulnerables
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PSOE apela a desbotar "viejas recetas" para "relanzar" Pontevedra con Iván Puentes á fronte
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Iván Puentes quere cubrir a praia de vías de Conde Bugallal para crear o maior aparcamento disuasorio da cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Un carril de tráfico e conexión co Paseo das Palmeiras, o plan do PSOE para Raíña Vitoria
Por Manu Otero |
-
O PSOE quere aproveitar o 'ciclón vigués' e crear unha marca propia para o Nadal pontevedrés
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Miquel Iceta pide o voto para Iván Puentes porque "a Pontevedra le toca un buen meneo"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |