Lores: "Quen propón un novo PXOM está a propoñer unha volta atrás cara a Pontevedra do século pasado"
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Miguel Anxo Fernández Lores ten claro que todos os partidos que se presentan a estas eleccións municipais, excepto o BNG, "están facendo propostas para cargarse o modelo urbano de Pontevedra". A máis significativa, o impulso a un novo PXOM.
"Quen propón un novo PXOM está a propoñer unha volta atrás cara a Pontevedra do século pasado", sostivo o alcalde, que considera que aprobar un novo plan con base na Lei do Solo vixente en Galicia supoñería "destruír o modelo da cidade".
Co actual PXOM, segundo o candidato nacionalista, Pontevedra ten marxe para construír 21.000 novas vivendas en todo o municipio. Un plan adaptado á normativa galega recortaría á metade esa edificabilidade, ao contemplar un máximo de 12.000 vivendas.
Esta redución do parque de vivendas futuras "estrangularía o mercado", sinalou o líder do BNG de Pontevedra, o que provocaría un aumento do prezo "e unha fuxida da veciñanza procurando fogares máis asumibles a nivel económico noutros lugares".
Pero máis aló da limitación aos terreos edificables, subliñou Fernández Lores, redactar un novo PXOM, obrigaría a unha ocupación da edificación por baixo do 25% do territorio, "xerando unha dispersión absoluta e espallando a cidade".
Ademais, os requirimentos incluídos na Lei do Solo, que o alcalde definiu como o "modelo Xunta", obrigarían a construír carrís máis anchos para o tránsito dos vehículos e a habilitar beirarrúas máis pequenas das que deseñan en Pontevedra.
Lores insistiu no que o plan vixente en Pontevedra, aprobado en 1989, é "flexible" e permite seguir desenvolvendo o modelo urbano mediante modificacións puntuais, apostando por unha cidade "densa e compacta" con edificacións en altura.
Este modelo, segundo o rexedor pontevedrés, "é o que mellor combina a defensa do territorio", o acceso aos servizos e unha mobilidade activa peonil e ciclista.
No BNG "non temos a máis mínima dúbida", asegurou Miguel Anxo Fernández, que garantiu que serán "inflexibles" na decisión de manter o PXOM actual "con todas as modificacións precisas que nos permitan avanzar con este modelo".