Floristería La Gardenia: "A rosa vermella é a que leva a palma, pero cada vez estamos a facer cousas máis novas"
Cando se trata de agasallos para o Día de San Valentín, as flores son o detalle máis escollido. "A rosa vermella é a flor que leva a palma", confírmanos Amparo Rúa, a propietaria de Floristería La Gardenia desde 1988.
Esta experimentada florista recoñece que entre as datas do ano máis sinaladas para o mundo das flores, San Valentín e o Día da Nai son as súas campañas preferidas.
Sobre o tipo de perfil do cliente que se achega ata a tenda da rúa José Millán, 2, de Pontevedra, a poucos metros do Hospital Provincial, Amparo confírmanos as estatísticas e recoñece que "en San Valentín veñen maioritariamente homes pero xa hai algunha muller que se achega para regalar flores á súa parella, pero son minoría". Entre uns e outras, alternan aquelas persoas que traen unha idea clara do que queren regalar pero tamén quen non o ten claro e déixase aconsellar. "De entrada, cando nos piden consello sempre ofrecemos en primeiro lugar a rosa vermella. E se non lles convence xa pasamos a outras opcións".
En canto a tendencias, Amparo Rúa avánzanos que "saíndo do ramo de rosas, cada vez estamos a facer cousas máis novas: caixiñas con flores que vaian acompañadas por uns bombóns, unha planta ou un peluche". Tamén nos propón "unha rosa soa posta para agasallo ou unha orquídea ou o bouquet de tulipanes".
Outro dos produtos que teñen moita saída nestas datas é a flor preservada. "Simplemente é unha rosa natural, pero foi tratada para que quede como deshidratada e ten dous anos de garantía". Amparo explícanos máis en detalle como se pode chegar a obter unha flor cun aspecto natural por tanto tempo. A clave está nos dous procesos que experimenta: primeiro, quítaselle todo o osíxeno á flor, e despois pasa por un proceso de secado.
A flor preservada pódese escoller en varias cores, en formato individual ou en composicións nunha cúpula "como a da Bela e a Besta", aclara Amparo, nunha copa ou nunha ponchera de cristal.
Floristería La Gardenia incorpora novidades sempre pensando no cliente. "Dependendo do orzamento, ofrecémoslle preparar o ramo con seis, cun par de flores ou unha ducia, por exemplo. Tamén llas levamos a domicilio, ou ao traballo, aquí en Pontevedra sen ningún problema e sen cargo".
Ademais, tamén ofrecen a opción de personalizar o agasallo. "Temos unhas pizarriñas e unhas tarxetas e aí ponse a mensaxe que o cliente queira: hai quen vén cunha idea fixa do que quere poñer e hai quen che pregunta que lle podo escribir, mesmo que poñamos nós o que queiramos. Neste caso dicímoslles 'que che parece esta frase?' e normalmente está de acordo, porque sempre ten que ser o cliente o que decida".
Desde Floristería La Gardenia aseguran que a pesar de que "contamos sempre que os nosos clientes son previsores e uns días antes xa fan o encargo, sempre hai algún que o mesmo día sae do traballo e compra no día. O teléfono ese día está a soar seguido desde cedo e temos a tenda aberta en xornada continuada de 9:30 a 9 da noite".
Amparo Rúa confíanos que hai un momento no 14 de febreiro que para ela é impagable. "O máis bonito de todo é a entrega, ver ese sorriso ou mesmo ver á persoa toda colorada ao recibir un ramo no traballo porque non o esperaba. Tamén hai clientas que levan anos connosco e máis ou menos pódense esperar algo, pero iso non quita que lles faga moita ilusión".
Unha vez recibido o agasallo, a vinculación de La Gardenia non termina. "As nosas rosas sempre son garantidas, se o cliente ou clienta leva o Día dos Namorados un ramo de doce rosas, por exemplo, e se esas rosas non duran unha media dunha semana, co coidado que teñen que ter, o cliente tráenos ese ramo e nós sen nada que obxectar devolvémoslle unha ducia de rosas".
Para que o agasallo de San Valentín perdure Amparo detállanos estes coidados. "A flor hai que poñela en auga, vai acompañada dun conservante que nós lle mandamos e a partir de aí cada dous ou tres días quítase do vaso, córtase medio centímetro o talo, lávanse os talos se é necesario e vólvese a meter nun vaso con auga limpa".