O ITU Multisport de tríatlon, unha experiencia irrepetible para Pontevedra cun final de conto
Por Diego Espiño
Dificilmente poderá esquecer Pontevedra o ano 2019 no deportivo, especialmente polo que supuxo a celebración na cidade dos campionatos do Mundo multideporte de tríatlon, o ITU Multisport que supoñía a organización dos mundiais de dúatlon, acuatlón, aquabike, tríatlon cros e tríatlon de longa distancia.
A Boa Vila converteuse durante algo máis dunha semana en toda unha explosión multicolor, con case 4.000 deportistas rexistrados chegados de 54 países para vivir o maior evento dos organizados ata a data na cidade. Cada rúa e cada recuncho contaxiáronse do espírito do tríatlon desde a cerimonia inaugural dos campionatos.
A cita supuxo un importante esforzo e despregamento organizativo, e deixou multitude de imaxes para o recordo, ademais de completarse cun calendario de actividades como os concertos protagonizados pola Osquestra Panorama, Mercedes Peón ou Dr Queen, entre outros.
Os días foron pasando e as medallas foron caendo nas diferentes carreiras de grupos de idade e elite ata chegar ao fin de festa, un sábado 4 de maio que supoñía o prato forte co Mundial de tríatlon de longa distancia no que participaban os máximos referentes pontevedreses como Javi Gómez Noya, Pablo Dapena e Saleta Castro. Coas rúas ateigadas de seguidores para apoiar aos seus, Pontevedra explotou de xúbilo vivindo a medalla de ouro de Gómez Noya e a prata de Dapena, coma se dun guión elaborado pola organización se tratase.
Foi un final soñado, no que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores reforzou a aposta co deporte do tríatlon dando a súa palabra de "que isto algún día se repetirá". O ITU Multisport foi tal éxito que a propia federación internacional deulle "matrícula de honra" á súa organización, segundo sinalou o presidente da Federación Española, e animou a Pontevedra a anunciar que pelexará por albergar en 2023 a Gran Final das Series Mundiais.
ESTREA DUNHA NOVA COMPETICIÓN, O PRO TOUR
O idilio de Pontevedra co tríatlon tivo outra cita destacada en 2019 coa estrea dunha nova e espectacular competición organizada pola Federación Española, o Pro Tour, que tivo lugar no mes de outubro como gran festa de fin de tempada a nivel nacional.
Nin a choiva que obrigou a suspender a súa primeira xornada e concentrar toda a súa actividade na segunda desluciu un evento no que participaron os 40 mellores triatletas da tempada en cada categoría, feminina e masculina, e que reuniu por primeira vez aos tres campións mundiais españois deste deporte en modalidade olímpica: Iván Raña, Javier Gómez Noya e Mario Mola.
Precisamente o mallorquino Mario Mola foi o vencedor en categoría masculina, con Gómez Noya subindo ao podio nunha meritoria terceira posición a pesar de disputarse a competición nunha pouco propicia para el distancia sprint. O vigués Antonio Serrat foi prata mentres que a proba feminina adxudicoulla Anna Godoy nun vibrante sprint final con Anneke Jenkins.
Relacionadas:
-
Pontevedra repetirá en 2025 como sede do Mundial Multideporte de tríatlon
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra presenta a súa candidatura para acoller a Gran Final das Series Mundiais de tríatlon en 2023
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya e Pablo Dapena, a pola Ryder Cup do tríatlon, o evento co maior botín da historia
Por Manu Otero |
-
Anna Godoy e Mario Mola, vencedores na espectacular posta en escena do Pro Tour de tríatlon
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
A ITU dálle "matrícula de honor" á organización dos Mundiais Multideporte de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra será candidata para acoller a final das Series Mundiais de tríatlon
Por Oskar Viéitez & Nacho Fuentes |
-
Pontevedra vibra nun multitudinario fin de festa do ITU: "Palabra que isto algún día se repetirá"
Por Redacción & Xan Xiadas |
-
VÍDEO.- Pontevedra explota de xúbilo co ouro mundial de Gómez Noya e a prata de Pablo Dapena
Por Diego Espiño & Xan Xiadas |