Familia, traballo, vida persoal e... campaña: os malabares para conciliar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
En pleno ano 2019, a conciliación da vida laboral coa familiar e persoal segue sendo unha das grandes materias pendentes que ten a sociedade. Aínda que é evidente que as mulleres adoitan ser as que máis complicacións atopan para lograr compatibilizar todos os aspectos do seu día a día, ningún colectivo social ou xénero se escapa ás dificultades. Tampouco a clase política.
Para poñer sobre a mesa o imprescindible debate sobre a necesidade de acometer cambios estruturais e sociais neste ámbito, PontevedraViva quixo charlar con integrantes das candidaturas dos principais partidos que se presentan ás eleccións municipais para que expoñan as súas realidades, como concilian no seu día a día e como o fan nunha época convulsa como unha campaña electoral, na que todos van contrarreloxo e teñen que facer aínda máis malabares dos habituais para lograr atender todos os seus aspectos vitais sen desatender as súas obrigacións nos seus partidos.
Para equilibrismos, os de María Rey, concelleira de Cidadáns o últimos catro anos e número 2 da candidatura, A campaña chegoulle nun dos momentos do ano con máis carga laboral na asesoría que posúe en Pontevedra e debe compaxinar decenas de declaracións da renda ao día co coidado ela soa dos seus tres fillos de 10 e 16 anos e cos compromisos políticos. O resultado, unha axenda na que lle custa atopar ocos libres e fai que bote aínda máis en falta a existencia de programas municipais de permitan conciliar e que, por exemplo, as nais ou pais poidan levar aos seus fillos a actividades municipais.
En campaña, "es complicadísimo", de modo que ela aposta por implicar aos seus fillos, que sen necesidade de que llo pida redobran a súa participación nas tarefas domésticas. "Mis hijos van educados en igualdad y en conciliación", explica, consciente de que "la conciliación hay que llevarla como bandera desde la cuna" e "no podemos quejarnos de que no hay igualdad si no educamos en igualdad".
Ela practica esa educación en valores feministas e en campaña está a recoller os seus froitos, aínda á conta de que estes días goza menos do que desexaría dese "tempo de calidad" cos pequenos que tenta aproveitar habitualmente. Ademais, aproveita para reivindicar que a conciliación non só é necesaria para ter tempo para os seus fillos, senón "en todos los ámbitos" e que para lograla é necesaria a implicación "de la empresa, de la administración y de la sociedad en general". Ela, para lograla apostou por crear a súa propia empresa e presume de que todos os seus traballadores ""siempre han podido conciliar". "No podemos quitarles a los niños la infancia por estar trabajando y eso también es conciliar", engade.
Herminia Dios, número 6 da lista de Marea Pontevedra; Yoya Blanco, número 2 do PSOE; ou Mar Moreira, número 5 de Podemos- EU, tamén están a levar aos seus fillos estes días aos seus postos de traballo ou a actos do partido para poder conciliar e encaixar as súas vidas persoais nun día a día do que Herminia asegura que adoita ser "cronometrado" e estas dúas semanas, ademais, faille afianzarse na necesidade de que as mulleres que están en partidos políticos defendan un "feminismo transversal" e que a nivel municipal póñanse en marcha "políticas de igualdade efectivas, que non sexan de propaganda" con "fondos públicos que axuden á conciliación".
Herminia Dios sábese con "sorte" porque o seu traballo é como administrativa no partido e "respectan os meus dereitos e non teño dificultades ou rixidez" para poder conciliar o coidado das súas fillas de 20 meses e cinco anos e da súa nai de 82 e porque os comparte co seu marido. Estas dúas semanas el tívose que implicar máis e tiveron que confiar en persoas da súa familia, "delegar o coidado, non che queda outra". Aínda así, en 20 días, este luns puido gozar da primeira tarde coas súas fillas, aínda tendo que facelo mentres respondía o teléfono e co computador diante.
Emprender e crear a súa propia contorna laboral foi, para Yoya Blanco, a fórmula máis efectiva para poder conciliar. É avogada e ten o seu propio despacho, de modo que, durante a campaña electoral, tivo a posibilidade de "reorganizar a axenda" e encargarse só de "os asuntos máis urxentes" para poder acudir a actos de partido. Aínda así, tivo que delegar no seu marido máis do habitual para o coidado dos seus fillos de 4 e 7 anos que normalmente comparten a partes iguais e non puido evitar tirar de avós e levalos a algunha actividade.
Os esforzos forman parte do seu día a día e tivo que aproveitar momentos como a tarde do domingo para preparar un xuízo ao que tivo que acudir o luns, en plena campaña. Nestes momentos é aínda máis consciente do habitual de que, aínda que non fose o seu caso, "a factura da maternidade séguenos pasando a nós" e de que as familias monoparentais téñeno moito máis complicado.
Non está a resultar sinxela a campaña para Ana Isabel Vázquez, número 4 do PP. Embarazada de 26 semanas, a medida que avanza o día, o cansazo vaise apoderando dela, de modo que se ve obrigada a ausentarse de máis actos dos que lle gustaría. Ademais, no seu caso, segue compatibilizando estas dúas semanas de actos electorais co seu traballo como xerente da Cidade da Cultura de Galicia, co coidado do seu fillo de apenas un ano e co necesario descanso.
O seu día a día xa de seu atarefado obrígalle, para conciliar, a "buscar no tanto la cantidad de momentos que pasas con tu familia sino la calidad de los mismos" pero nestes días está a perderse instantes importantes como as ceas ou os baños do seu fillo. De forma habitual, conségueo porque conta coa axuda dos seus pais e porque comparte a crianza co seu marido.
A número 4 do PP recoñece que "las mujeres lo tiene más complicado" para conciliar, en especial durante o embarazo e a lactación, pero esas dificultades nunca lle fixeron pensar en renunciar a parte da súa vida, pois "me gusta mi trabajo, lo disfruto y entiendo que si prescindo de esta parcela hay algo que falta en mi vida".
A conciliación non é só necesaria para coidar aos fillos, senón para garantirse unha vida persoal plena e, no caso doutros dous candidatos ás eleccións municipais de Pontevedra, encargarse dos netos e lograr tempo para seguir asumiendos as súas obrigacións laborais e coas súas parellas. É o caso de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra e número 1 do BNG para a reelección, e Andrés Núñez Rajoy, número 1 de Compromiso por Galicia (CxG). PontevedraViva acompañou esta semana aos distintos candidatos para ver como conciliaban e, no caso de ambos, puido ver como se encargaban da compra diaria.
Fernández Lores ten fillos xa maiores e tan só un deles, de 26 anos, vive en casa e comparte coa súa esposa as obrigacións do día a día. A el tócalle a compra de produtos non perecedoiros, que fai dous ou tres días á semana, e, en xeral, todo o que ten que ver coa cociña, desde recoller tras a comida para preparar determinados pratos como cocidos ou caldeiradas. Ademais, as tardes aprovéitaas para pasar tempo e gozar dos netos, como sempre fixo cos seus fillos, aos que sempre acompañou nas súas competicións deportivas, e para coidar da súa cadela e de catro cachorros da camada de 14 que tivo hai semanas e que aínda ten na casa. Para eles incluíu la compra varios quilos de comida.
Ese día a día non se detén pola campaña, como tampouco a necesidade de coidar o xardín ou o necesario descanso. Tenta buscar tempo e sempre comer e cear na casa. Ademais de permitirlle comer máis san, explica que "non durmo ben e necesito descansar un pouco pola tarde" e que estes días está a ter traballo moi cedo pola mañá porque seguen as súas tarefas como alcalde e moi tarde pola noite por actos do partido. A igualdade é, para el, imprescindible e é consciente de que hoxe en día as persoas novas con fillos teñen moitas dificultades para conciliar.
Núñez Rajoy tampouco desatende as súas obrigacións durante a campaña e acode ao supermercado para facer a compra diaria. Os seus catro fillos tamén son xa maiores e tanto el como a súa muller traballan -é funcionario na Xunta de Galicia-, de modo que todas as tarefas domésticas son compartidas. Ademais da compra, el encárgase da cociña, de coser e de todas as tarefas de casa excepto tender a roupa. Pasar o ferro, por exemplo é mesmo unha necesidade, pois destaca o "pracer" de durmir con sabas pasadas o ferro e de coidar a súa colección de paxarelas e chapeus, que leva coleccionando 35 anos.
A súa conciliación tamén pasa por encargarse, sempre que o seu fillo e a súa nora necesítano por traballo, do coidado dun dos seus dous netos. De media dúas tardes á semana tócalles o coidado e non se detén coa campaña. Tampouco a necesidade de encargarse da horta que ten nunha leira na parroquia de Xeve, aínda que estes días tena un pouco descoidada. No seu caso, non entendería a vida sen que a súa muller e el compartisen todo en igualdade de responsabilidades, "por principios e por ideais". "Para min, o feminismo é iso", conclúe.
Con dous nenos de 13 e 17 anos, o seu traballo na axencia de viaxes que posúe en Pontevedra e as súas obrigacións como candidata de Podemos, o día a día de Mar Moreira tampouco sería posible actualmente se non o compartise todo coa súa parella. Durante a campaña, el estase encargando máis do habitual do negocio e ela, para poder compatibilizar todo, responsabilízase máis de tarefas do partido que poida facer por teléfono ou por Internet, pois aos actos presenciais adoita chegar sempre co tempo xusto.
"Non é conciliación, son malabares", resumo e aproveita para reivindicar máis políticas públicas para facilitar esa conciliación, pois "Pontevedra está ben para vivir no centro, pero as zonas limítrofes son vergoñosas" e a ela, por exemplo, viríalle ben contar con transporte público para xestionar as actividades dos seus fillos. Agora, súpleo con sacrificios como abrir o seu negocio máis tarde ou que os nenos pasen tempo intermedio na súa axencia de viaxes. "Iso non é conciliar".
Relacionadas:
-
Rumbo ao 26M: compara as propostas dos partidos no ámbito deportivo
Por Natalia Puga |
-
Rumbo ao 26M: do turismo ás festas. Así propoñen dinamizar a vida da cidade os distintos partidos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Rumbo ao 26M: consulta as propostas dos partidos para o rural pontevedrés
Por Natalia Puga |
-
Rumbo ao 26M: compara as propostas dos partidos para a promoción económica de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Rumbo ao 26M: consulta as propostas dos partidos para o modelo urbano pontevedrés
Por Natalia Puga |
-
Rumbo ao 26M: compara as propostas dos partidos en materia cultural
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |