'Xornada morada' para presentar as políticas sociais de Podemos, o "eixo central" do seu programa
Por Redacción
As políticas sociais son "o eixo central" do programa de Podemos-EU, Son en Común de cara ás eleccións municipais do 26 de maio, de maneira que este martes quixeron darlle o protagonismo que merecen e a candidatura encabezada por José Ramón Otero organizou na súa sede unha 'Xornada Morada' para presentalas.
Ademáis de Otero e a número dous da lista, Bárbara García, participaron na xornada a ex deputada de Unidas Podemos no Congreso, Angela Rodríguez 'Pam' e os deputados autonómicos Paula Quinteiro, Julia Torregrosa e Marcos Cal.
Unha das iniciativas máis destacadas da formación morada é unha renda básica municipal, que o Concello de Pontevedra aprobou o ano pasado a instancia de Marea Pontevedra. A iniciativa de Podemos pasa por que esa renda teña un importe individual de 650 euros mensuais para 100 persoas durante 24 meses. A idea é poñela en marcha "en colaboración con outras administracións, fundacións e universidades".
En materia de vivenda propoñen a creación dun parque municipal de vivendas de aluguer, cun mínimo de 30 vivendas, que prioriza a persoas con poucos recursos, familias monoparentais e mulleres vítimas de violencia machista.
Outra das súas propostas ten que ver con programas relacionados coas persoas maiores. En concreto, promoven a potenciación de políticas e programas de envellecemento activo, adestramento cognitivo, relacións interxeneracionais, coidados para o coidador e iniciativas para evitar a soidade non desexada.
José Ramón Otero tamén se detivo nas súas propostas en materia de emprego e, subliñou que nunha cidade cun 17% da veciñanza por debaixo do limiar da pobreza, e cos niveis de paro e traballo precario que ten "non podemos seguir permitíndonos estar á cola das cidades galegas en investimento en políticas sociais por habitante".
En materia de igualdade, Bárbara García explicou que a coalición morada promove novas medidas de conciliación laboral como a contratación pública con empresas con plans de igualdade, concienciación e formación en perspectiva de xénero; festas libres de violencia machista e outras medidas do novo Consello Municipal de Igualdade, no que terá presencia o tecido asociativo feminista. A isto engádese, segundo comentou, "unha diagnose participativa sobre as desigualdades que afronta o colectivo LGTBIQ no municipio".