Compromiso propón traxectos subvencionados de taxi en rutas rurais
Por Redacción
Seguindo unha vella demanda dos condutores de taxi, que lamentan o agravio comparativo co transporte en autobús no referido a subvencións, o candidato á alcaldía por Compromiso por Galicia, Andrés Núñez Rajoy, propuxo este luns que os traxectos en bus con pouca demanda sexan complementados por taxis compartidos.
Na busca da eficiencia, estes traxectos en taxi, que estarían preestablecidos, serían subvencionados polo concello, e solicitaríanse por teléfono ou mediante unha app. O usuario só pagaría o equivalente á tarifa de autobús. "O custo, para cubrir a demanda sería duns 40.000 euros anuais e axudarían principalmente ás persoas con menos mobilidade", afirmou Núñez Rajoy, mencionando un estudo preliminar realizado por membros do gremio taxista.
Entres as rutas incluiríanse os traslados a Montecelo e aos edificios administrativos de Campolongo desde o rural. Este servizo priorizará as persoas con revisións periódicas e a aquelas que teñan mobilidade reducida e lles sexa dificultoso acceder a unha parada de autobús.
No tocante á xestión, Andrés Núñez Rajoy propón a creación dunha aplicación semellante á que ofrece o servizo Blablacar para traxectos privados. Nela os usuarios poderán ver as rutas e os horarios e solicitar as paradas. O plantexamento é que, ao tratarse dun coche, este poida chegar a todas as casas, sen depender dunha marquesiña.
A proposta do taxi subvencionado enmárcase dentro do plan de transporte comarcal que Compromiso propón para Pontevedra. Este inclúe chegar a un acordo coa Xunta no relativo aos traslados en autobús. "Debemos poñer os medios para que o transporte comarcal e urbano funcionen, xunto co taxi, dun xeito integrado, servindo como autobuses interurbanos e tamén como urbanos cando chegan á cidade", dixo Núñez Rajoy.
Relacionadas:
-
A tarifa de taxis de Pontevedra actualizarase para 2021 cunha subida do 2,5%
Por Redacción |
-
Andrés Núñez Rajoy, candidato de Compromiso, ofrece a creación dun plan comarcal de emprego
Por Redacción |
-
O divertido vídeo de Andrés Núñez Rajoy, de Compromiso por Galicia, coas súas propostas para a cidade
Por Redacción |