"Podemos-EU-Son en Común" presenta o seu proxecto de "recuperación da ría para a cidadanía"
Por Redacción
A creación dun novo bulevar ao longo da ría, o adecentamento da praia urbana de Cabo e a recuperación da de Lourizán para a cidade, e unha mellora na calidade de vida e na oferta para a veciñanza, son os principais puntos do Plan de Recuperación Integral da Ría que presentou este sabado no paseo a Marín a coalición Podemos-EU, Son en Común.
Un proxecto "para comezar a gañar a ría de Pontevedra para a cidadanía, devolvendo o esplendor, a beleza e a riqueza que tivo noutros tempos" explicou o candidato á alcaldía da formación, José Ramón Otero que estivo acompañado pola número dous da candidatuta, Bárbara García Iglesias e do deputado autonómico Marcos Cal, nunha andaina polo paseo a Marín.
O Plan de Podemos-EU, Son en Común propón unha intervención en distintas fases, con varias accións: A recuperación da Praia do Cabo, da súa barriada e a praza do nucleo histórico de Praceres, recuperando a circulación peonil e eliminando a degradación da actual vía elevada.
Transformación da actual PO 11 nunha estrada de dúas vías, creando, nos dous carrís do lado da ría, un bulevar con carril bici e paseo peonil de ronda, retirando a pasarela e eliminando as barreiras visuais que xera. "Unha intervención de coste baixo, segundo os informes de todos os expertos que temos a nosa disposición", explica Otero, que, dixo, "tamén se xustifica pola baixa usabilidade da vía a Marín, tal e como se reflicte nos datos de Tráfico". Así, poderase engadir, a prolongación dos dous paseos peonís de Praceres e Pontevedra ata unilos, para recuperar o eixe Pontevedra-Marín cun bulevar peonil e ciclista.
Creación dunha barreira vexetal con especies autóctonas na zona da mediana da PO 11; promover o transporte público interurbano de proximidade sostible; recuperar e promover a urxente restauración do Pazo de Lourizán para a cidadanía, e como concluíu García Iglesias, "adecuar unha nova praia urbana dotada de servizos e acceso por transporte público de balde en tempada alta, accesible" e onde se poden desenvolver moitas actividades.