Marea Pontevedra analiza os dereitos sociais nun acto na Casa da Luz
Por Redacción
Marea Pontevedra reuniu a persoas interesadas nos dereitos sociais para levar a cabo un coloquio sobre a situación no Concello de Pontevedra. O acto, presentado por Teresa Casal, centrouse na necesidade de establecer actuacións desde a institución municipal para facer fronte á pobreza e crear emprego.
Javier Pérez, integrante da candidatura de Marea Pontevedra explicaba que, como perceptor dunha RISGA, resultaba vergoñento que Pontevedra careza dun albergue para persoas sen fogar. Ademais sinalou a invisiblidad da pobreza da muller e a alta porcentaxe de pobreza en familias monomarentais, que podería ter unha solución cunha Renda Social Municipal.
Herminia Dios, tamén integrante da lista de Marea Pontevedra, agradeceu á concelleira da súa formación Carmen Moreira a súa defensa nos plenos da petición dunha Renda Social Municipal, que finalmente se lograba.
O economista e activista en defensa das pensións Xabier Pérez Davila reivindicou a necesidade de que a pensión mínima se equipare ao salario mínimo. Tamén o deputado de En Marea, Manuel Lago puxo o punto de mira na taxa de desemprego en Pontevedra alcanza o 17%, a máis alta das sete principais cidades de Galicia e engadiu que afecta maioritariamente o sector servizos.
O acto finalizaba coa intervención do candidato á alcaldía, Luís Rei, que se comprometeu a crear a Oficina municipal de emprego que recollería fondos da Unión Europea, do goberno central e da Xunta. Con ela, apuntou, pódese axudar a paliar o problema do desemprego desde o Concello.