Pontevedra será en tres anos a primeira cidade "totalmente saneada" de Galicia, di o BNG
Por Redacción
Máis de cen millóns de euros. Son os cartos que, segundo o BNG, vanse investir nas parroquias do rural durante os próximos anos. Isto converterá a Pontevedra, no prazo de tres anos, na primeira cidade de Galicia "totalmente saneada".
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destaca que o BNG quere potenciar nas parroquias no vindeiro mandato impulsando, de xeito definitivo, o modelo urbano no rural facendo que sexa un espazo "máis activo, dinámico e con alta calidade de vida".
Neste "salto cualitativo", avanzou Fernández Lores, é "fundamental" a colaboración e apoio da veciñanza a través das comunidades de augas, comunidades de montes ou asociacións veciñais, culturais e deportivas, que integran os consellos parroquiais nos que se definen e priorizan as actuacións de cada parroquia.
Así, xunto coa finalización do saneamento, os próximos anos suporán a extensión da rede municipal de auga potable ás parroquias do sur e se colaborará coas comunidades de augas para garantir o servizo en boas condicións de salubridade.
Ademais, o alcalde recordou que se investirán 9.5 millóns para actuacións de sostemento do espazo público, entre elas, a limpeza das beiras dos camiños, a atención ao coidado do patrimonio ou o mantemento en boas condicións da rede de parques, centros sociais, núcleos de centralidade ou infraestruturas deportivas.
Outros 7.5 millóns serán para renovar a rede de iluminación, 1.5 millóns para estender o sistema de compostaxe ao rural, 13.5 millóns na definición de núcleos de centralidade en cada parroquia e medidas de seguridade viaria e 8.5 millóns para novas dotacións deportivas, centros sociais ou parques forestais.
A proposta do BNG inclúe 2 millóns para a dinamización socioeconómica do rural para apoiar o sector hostaleiro, o sector do viño ou a potenciación de actividades agrícolas e forestais e, ademais, inventariar as terras en desuso para coordinar aos seus propietarios e poñer a disposición de explotacións agrarias o aproveitamento destes predios.
Relacionadas:
-
As obras de mellora da Peralba entran na súa recta final
Por Redacción |
-
O BNG porá en marcha "no prazo máis curto posible" o seu transporte a demanda
Por Alejandro Espiño |
-
Lores asegura que Pontevedra será a primeira cidade con capacidade para cumprir coa normativa europea de compostaxe
Por Redacción |
-
O BNG quere converter a rúa Serra nun referente para os creadores noveis
Por Redacción |
-
O BNG impulsará unha plataforma que agrupe as vendas 'online' dos comercios de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG considera "fundamental" para Pontevedra completar a A-57 ata Curro
Por Alejandro Espiño |