Luís Rei: "Hai máis proximidade entre o goberno de Lores e o PP que entre o goberno de Lores e Marea Pontevedra"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Luís Rei (A Coruña, 1958), candidato de Marea Pontevedra á alcaldía, aspira a poder desenvolver as súas 182 propostas presentadas nesta campaña durante os vindeiros catro anos. É a segunda vez que o xornalista e escritor encabeza a candidatura desta agrupación política. Nesta ocasión vai acompañado por dúas persoas de experiencia nos primeiros postos, Teresa Casal e Manuel Fontán, ambos con experiencia como concelleiros en anteriores corporacións co PSOE e o BNG, respectivamente.
Rei sorrí cando se lle fala das enquisas que poñen en dúbida a obtención do segundo concelleiro nestes comicios e amosa a súa pouca confianza nestas sondaxes.
Iso é tan irreal. Esa posibilidade non a contemplamos. Aválanos a nosa traxectoria, o traballo destes catro anos de oposición útil no Concello de Pontevedra. Sobre a demoscopia, no ano 2015 dábannos cero concelleiros e obtivemos dous. Agora dan 2 e para arriba. O traballo que consolidou o noso proxecto demostra que estamos aquí para quedar en Pontevedra, a iso hai que sumarlle a experiencia de xestión de Teresa Casal e outros activos que contribúen a que a candidatura municipal de Marea Pontevedra ofreza plenas garantías aos cidadáns de poñerse a traballar a partir do 27 de maio en beneficio de todos.
Si, pero en 2015, Marea Pontevedra recollía un tipo de voto do descontento, onde pode agora recoller apoios a súa formación?
Temos que crecer no espazo de abstención. Se a xente se abstén é porque non atopa propostas cribles. Na medida en que nós as ofrezamos permitirá que crezamos nese espazo e tamén nos descontentos. Un goberno que se eterniza e deixa os grandes problemas aparcados de Pontevedra, ten que sufrir un correctivo. Foi modesto no ano 2015 pero serviu para que entrasemos nós, cunha representación modesta, pero agora vai ser superior. Pasados outros 4 anos, a política da avestruz fixo que os graves problemas do goberno sigan aí.
Pero vostedes están pasando unha situación complicada coa división de Podemos, que presenta a súa propia candidatura a estas eleccións. Teñen cuantificado cantos votos pode restar a Marea Pontevedra?
Eu son portavoz dun partido local de Pontevedra, que no seu momento recolleu o traballo e naceu do impulso e no ronsel do Nunca Máis, do Non á guerra e o movemento espontáneo do 15-M en clave pontevedresa. Temos os estatutos dun partido local de Pontevedra, por tanto seguimos traballando en clave local e tamén cos pontevedreses. O rebumbio que pode haber ao redor noutros ámbitos, en Galicia ou no Estado, debería influírnos máis ben pouco. Como eu me presento co aval deste tempo e cun equipo reforzado, a xente sabe o que votará. En cambio, outras opcións son unha incógnita espichada nun misterio.
Entón, debemos entender que os votos irán máis dirixidos a apoiar a Luís Rei e non tanto a Marea Pontevedra?
As dúas cousas. Eu non son "el llanero solitario", formo parte dun proxecto e dun equipo e colectivo de xente que tiña nas súas miras impulsar o cambio das políticas do Concello de Pontevedra e iso segue aí. Hai moita xente que sabe quen son e a traxectoria que desenvolvín no Concello e iso vai abrir paso e coa campaña que estamos facendo, a única dúbida que existe é se imos ter un tope moi arriba ou menos arriba, pero o tope vai ser bastante arriba.
Que balance realiza dos primeiros catro anos de Marea Pontevedra na corporación municipal?
As espectativas sempre é difícil telas colmadas ao 100%. Somos autocríticos e sabemos que hai obxectivos que nos marcabamos e que non puidemos levar a cabo. Autoflaxelarnos non conduce a ningures ou á melancolía unicamente. Aprendemos diso. O nivel de insatisfacción máis importante é con que algúns compromisos que arrancamos do goberno do Concello non os levase a término. Niso somos autocríticos pero, no fondo, é unha crítica que non nos corresponde a nós senón a quen non cumpriu os compromisos adquiridos con nós.
Pero non pode negar que permitiu a gobernabilidade ao equipo de Fernández Lores durante este mandato, malia as súas críticas frecuentes.
Nos primeiros orzamentos votamos en contra. Nos tres seguintes abstivémonos e si, facilitámolos. Na última sabiamos que non eran fiables e merecían unha resposta contundente. Pero eran os orzamentos de 2018 a 2019 e podían ser moi retocados a través da fórmula á que o Concello recorre con asiduidade da modificación extraordinaria de crédito.
A partir do 27 de maio unha nova composición no Concello permitirá que aqueles temas que consideramos prioritarios se poderán levar a cabo. Na sesión constitutiva do mandato que está rematando votamos por nós mesmos, porque nos presentabamos ante os cidadáns cun proxecto alternativo ao de Lores e, polo tanto, dicíndolles aos cidadáns que, como somos alternativa, queremos a alcaldía nós.
E con quen estaría disposto a pactar a partir do 27 de maio?
Marea Pontevedra vai pactar cos veciños de Pontevedra. É o que chamamos o noso contrato coa xente: 182 propostas ata 2023. Pactamos cos veciños e votamos por nós mesmos. Imos ir á sesión constitutiva do Concello sen pactar previamente con ningún grupo. Se desa sesión saio eu alcalde ou outra persoa é esa persoa, a través dos pactos e alianzas, quen ten que buscar a estabilidade do Concello. Pero iso é despois.
Escóitanse críticas sobre a súa relación co goberno do BNG, hai quen non entende como en ocasións son máis duros vostedes que o Partido Popular coa xestión de Fernández Lores cando, en teoría, deberían manter unha conexión ideolóxica máis achegada.
Eu estou moi próximo á liña política do BNG de Santiago e de Galicia pero o Bloque de Lores é moi difícil. Mentres os outros nos concellos onde teñen representación na oposición piden a remunicipalización dos servizos, escolas infantís... aquí, onde gobernan, non fan nada diso. Criticaban no seu momento que Juan Luis Pedrosa, último alcalde do PP, concedese a xestión da auga a unha empresa durante 20 anos e agora eles fan o mesmo coa mesma empresa. Ideoloxicamente podemos estar moi próximos de moita xente, pero o importante é como se xestionan as cousas e somos moi críticos con como xestiona as cousas este goberno municipal. Iso denota que hai máis proximidade entre o goberno de Lores e o Partido Popular que entre o goberno de Lores e Marea Pontevedra.
Vostedes, que servizos intentarían remunicipalizar?
Rescatar a auga sería complicado. Pero a do lixo, rematou a concesión no 2017, fíxose unha prórroga que remata ao longo do vindeiro mandato. Se chegas ao Concello, elaboras un plan de rescate. Non podes improvisalo dun día para outro pero si que podes, a través dun plan, antes de ir á xestión directa do servizo, búscarse fórmulas. É posible facelo co contrato de recollida de lixo, máis de 6 millóns de euros ao ano. Necesitan un parque móbil moi importante, pero están amortizados moitos vehículos que son propiedade do Concello de Pontevedra. Pode dicirse que son obsoletos, pero entón por que non lle pide ao concesionario que os renove?
O mantemento dos xardíns require dun investimento tan grande de maquinaria? Non. E a xestión é máis barata para os cidadáns? Non. Se tes externalizado un servizo, a empresa que o leva a cabo obtén o seu beneficio industrial e o Concello ten que pagar o 21% do IBI. Se o xestiona directamente, o IBI afórrao. É menos custoso e é algo relativamente fácil de facer.
O que non hai é vontade... e esa pregunta pode facerselle a eles. Por que noutros concellos piden isto e por que aquí queren que unha gran corporación asuma este servizo?
E unha decisión destas características, de que maneira afectaría á cidadanía?
Se ti resolves a recollida de lixo por algo menos de 6 millóns de euros anuais, os cidadáns no recibo tamén poden pagar algo menos. Se en Xixón a recollida de lixo e a auga lévaa unha empresa pública ou se no Concello da Coruña realízao unha empresa do Concello (Emalcsa), por que en Pontevedra temos que ser menos e non poder facelo. Se a xestión é directa e se busca unha fórmula eficaz de resolvelo, entón se benefician tamén os cidadáns.
"O que pedimos para que Pontevedra non perda eses postos de traballo nin a riqueza que xera Ence é que as administracións se impliquen na busca dun emprazamento alternativo con datas no calendario"
Falemos da situación de Ence, vostedes son partidarios de que a empresa abandone a ría de Pontevedra, pero que se lle pode dicir aos traballadores da fábrica ante a posibilidade de perder o seu emprego?
Nós comprendemos aos traballadores de Ence e ás familias que dependen desas nóminas. Temos unha proposta que debería valer para eles. Ence é unha empresa creada noutro escenario político, para todo o mundo cun emprazamento inadecuado e que desde a lei de Costas de 1988, unha lei progresista, tiña un horizonte de actividade económica que remataba 30 anos despois. Un treito de tempo razoable para que se poidan buscar alternativas. Non se fixo cando era pública e cando se remata a privatización, quen compra a empresa sabe que tiña 17 anos de actividade dos 30 da concesión e adquiriu a empresa a un prezo case de saldo. Sabía que en 17 anos tiña que pechar. Non se aproveitou ese tempo e agora a empresa utiliza os traballadores para chantaxear a toda a sociedade.
Como somos compresivos cos traballadores, o que pedimos para que Pontevedra non perda eses postos de traballo nin a riqueza que xera é que as administracións se impliquen na busca dun emprazamento alternativo con datas no calendario. Iso é algo que tiñan que facer os partidos que ostentaron responsabilidades de goberno. Non o fixo o PP, nin o Psoe nin o Bloque. Sabendo que remataban as concesións en 2018 e antes de que se consumase a contrarreforma da lei de Costas en 2013, antes diso, entre 2005 e 2009, gobernaban o PSOE e o Bloque na Xunta, cun conselleiro de Industria do Bloque e un de Medio Ambiente do PSOE, e ademais no goberno do Estado gobernaba o PSOE e non se avanzou nada.
Agora a empresa nos quere chantaxear. E nós dicimos traslado negociado de Ence, iso que pode representar? que a empresa reciba axudas da administración para facelo? Pois si. E iso pode supoñer que faga uso da prórroga que se lle concedeu? Pois tamén entendemos que no beneficio de que o custo social desa operación de traslado sexa cero, debería negociarse desa maneira.
Estivemos en contra da prórroga de 60 anos e por iso pedimos que se declarase a Mariano Rajoy "persoa non grata", que foi quen a asinou. Pero entenderiamos que para negociar un acordo satisfactorio para todo necesitamos tres, catro ou cinco anos máis para resolver isto.
Outro dos puntos importantes nesta campaña está na ampliación da Estación depuradora de Praceres, que promove a Xunta, á que vostedes se opoñen. Marea Pontevedra quere crear mini depuradoras noutros concellos, iso non é trasladar o problema a outras administracións locais?
Alégrome de que me fagas esa pregunta. Hai depuradoras no litoral e tamén hai concellos no interior, o que non hai é unha ría como a de Pontevedra con tan só tres depuradoras: unha macro depuradora e dúas pequenas.
No litoral das Rías Baixas, desde Muros ata Baiona, todos os Concellos con fachada ao litoral dispoñen dunha ou máis dunha depuradora. En Arousa teñen 10, en Vigo teñan 11 e en Pontevedra só tres. Poio con 17.000 habitantes e Marín con 25.000 mandan as augas residuais á macro estación depuradora de Lourizán. Non pedimos que se peche da noite á mañá. Pedimos que non se amplíe. A ampliación non é só unha agresión aos veciños de Lourizán, é un ataque a toda Pontevedra. Temos que ser solidarios cos veciños desa parroquia e con nós mesmos.
Non ten sentido ampliar Os Praceres sen que Marín e Poio asuman a súa cota de responsabilidade. Queremos paralizar a ampliación e ir resolvendo cun plan integral a depuración de augas de toda a ría de Pontevedra. É un contrasentido traer auga de Raxó a Lourizán a través duns tubos que pasan por debaixo da ría e despois desde Lourizán mandar iso a través do emisario.
Nós vamos estar sempre cos veciños de Lourizán. A través do noso traballo no Concello serviu para amosar que o emperador estaba espido. Había unha comisión para un plan integral e aí estaban caladiños o Partido Popular, o PSOE e o Bloque de Lores, que nunca dixo nada en contra da ampliación ata estes últimos meses. Para neutralizar o descontento que se estaba organizando parece que foron comprensivos coas demandas dos veciños pero cremos que o fan para adormentar o movemento e as plataformas. E se despois das eleccións, lles sae ben a operación, aí o coitelo vai entrar ata o fondo.
Nós tamén nos comprometemos cos policías locais a dotalos dunha sede que remate coa precariedade na que teñen que desenvover unha importante función
Cambiemos de tema, como resolvería Marea Pontevedra o conflito laboral aberto entre o persoal que traballa no Concello e o goberno local?
Ten que solucionarse a través do diálogo e da negociación colectiva. Implica recuperar o poder adquisitivo perdido e equipar entre as distintas categorías para rematar cos agravios e, ademais, introducir a carreira profesional do Concello para que se estimule os traballadores públicos do Concello para que desenvolvan coa mellor das disposicións o traballo importante que teñen de cara aos veciños e veciñas. O noso compromiso é resolver iso nun período negociado cos sindicatos.
Nós tamén nos comprometemos cos policías locais a dotalos dunha sede que remate coa precariedade na que teñen que desenvover unha importante función. Levan 20 anos desprazados no Pazo da Cultura, nunhas condicións bastante deficientes. Ía ser un emprazamento provisional pero pasaron 20 anos e converteuse en definitivo. Iso non se resolve dun día para outro. Pero ao longo dos próximos catro anos pode resolverse e hai que facelo.
Contemplan algunha opción para levar a cabo ese traslado?
A que gusta é no que eran os terreos de Tafisa pero habería que buscar unha ubicación axeitada e realizable. Iso hai que facelo. Non tivo tempo o Bloque de Lores para facelo, en 20 anos? Parece que están para o "facilito", pero para o que implica algo complexo, iso metémolo nun caixón e aí segue. Pois isto hai que facelo.
Que propostas ten Luís Rei para as parroquias de Pontevedra?
As parroquias non teñen os memos servizos que o centro da cidade, polo que un cambio en impostos non estaría mal. O IBI que paga alguén por unha casa na parroquia pode triplicar, nalgúns casos, o que paga o seu irmán, o seu pai ou o seu fillo por un piso no centro da cidade.
Os veciños das parroquias, eu entre eles, non entendemos porque temos que pagar de IBI moito máis tendo moitos menos servizos que o resto dos pontevedreses. Se estivo invitando, a través do desleixo con que se levou o rural durante todo este tempo, a que a xente o fose abandonando en beneficio da chamada "cidade compacta". En 20 anos a poboación de Pontevedra que vivía no rural de ser un tercio pasou a ser un cuarto. Cremos que hai que invertir esa tendencia e axudar a fixar poboación nas parroquias, sobre todo daqueles que queren vivir voluntariamente nas parroquias.
O saneamento e o abastecemento de auga que sendo obriga do Concello, xa non só legal senón moral, non se garanten. Non somos un Concello que careza de recursos, dun lugar perdido no medio de non sei que monte. Somos unha capital de provincia e unha cidade importante en Galicia e hai moitos veciños que a auga que sae pola billa da súa casa é dun pozo que teñen eles ou dunha traída comunal. Iso demostra que a xestión privatizada non é a mellor para os veciños. E o mesmo é para as augas residuais.
Están por resolver temas como o transporte, non depender só do coche para desprazarse ao centro da cidade; que nas parroquias poidan gozar da internet coas mesmas coberturas que no centro; ou que haxa centros de día descentralizados no Concello e a coordinación dos centros socio culturais do Concello. As parroquias necesitan unha atención preferente nos próximos 4 anos porque estiveron desantendidas nos últimos 20.
E como resolverá Marea Pontevedra unha das principais demandas da cidadanía, os aparcadoiros?
Hai que buscar espazos axeitados para aparcadoiros disuasorios porque a xente non ten por que destinar unha parte importante dos seus ingresos para pagar polo estacionamento dos seus coches. Agora o gran aparcadoiro disuasorio é no recinto feiral. En todas as saídas da cidade debería haber un aparcadoiro disuasorio.
O modelo da cidade amigable que implica peonalizar o centro histórico, que é un gran acerto, hai que estendelo de maneira razoable a outras moitas rúas. É evidente que os coches non pintan nada aparcados na praza da Peregrina, na Ferrería ou na Praza do Concello, pero ao mellor non fan ningún mal nunha das beirarrúas de San Antoniño, que están reservadas para moitas horas de carga ou descarga ou na subida a Barcelos. Moitas das melloras que se fixeron non debían ser incompatibles con que os cidadáns puideran seguir aparcando en superficie. Hai que reducilo pero non eliminalo.
Seriamos partidarios de que determinadas rúas, aínda que se sometan a un plan de melloras que se faga permitindo a convivencia do estacionamento coas melloras.
Que ideas manexan para impulsar o comercio local ante o aumento de peches de pequenos establecementos?
Non temos a "varita mágica" para resolvelo. En todas as cidades hai moitos baixos pechados, comercios con moita solera desapareceron e Pontevedra non é allea a ese fenómeno, pero si se pode facer moito.
Requírese un plan especial para a zona monumental e para o mercado, como foco da actividade principal de todo un territorio
Na zona monumental un de cada tres baixos está abandonado ou pechado ou, ás veces, en edificios en ruínas. Foi especializándose en establecementos de hostelería e perdeu a biodiversidade que sempre tivo de comercio local e de proximidade e iso foi unido a unha perda de importancia da praza de Abastos como foco de actividade principal. Se deixa de tirar da demanda dos pontevedreses, iso implica que a súa contorna deixe de facelo. Son cousas que van unidas. Aquí se lle estivo facendo o caldo gordo a algunhas multinacionais con sede de ouro na milla de ouro e se abandonou o comercio local. Requírese un plan especial para a zona monumental e para o mercado, como foco da actividade principal de todo un territorio. Un mercado doutra maneira con outro tipo de xestión e ambición podería converterse nun foco turístico, que é o que pasa no de Santiago ou en Valencia.
Pero non pasa por preparar como boutique o andar superior e acabar privatizándoa. Que é o temor que teñen moitas praceiras neste momento. Relanzar o mercado implica escoitar a xente que vive dos postos do mercado e facilitarlles as cousas para que poidan volver a gañar clientes e que volvan mover cantidades de diñeiro máis bonitas que as actuais.
Entre as súas propostas, Marea Pontevedra reclama a recuperación do asilo de anciáns, como se podería xestionar?
Non é propiedade do Concello. Estivo aberto durante máis de 100 anos e é resultado do traballo da congregación propietaria pero tamén un valor social acumulado do que participaron as administracións. Non entendemos como unhas instalacións que acollen a máis de 150 residentes pecha dun día para outro porque, se cadra, non cumpre algúns parámetros legais. Pontevedra perde esa instalación e non fai nada por recuperala.
Dado a boa situación que ten o Asilo e que moitas xeracións de pontevedreses contribuíron ao seu sostemento e tendo en conta que somos deficitarios en prazas de residencias para persoas maiores , invitaría a que o Concello lance unha ofensiva para rescatar o Asilo. A OMS sitúa no 5% as prazas recomendables para persoas maiores de 65 anos en residencias, en Galicia iso está lonxe de cumprirse, en Pontevedra non chega ao 2%. Para unha poboación de 19.000 persoas maiores de 65 anos en Pontevedra unicamente se lle ofrecen as prazas públicas da residencia de Campolongo, que se completan con algunhas privadas que se verán incrementadas co espazo que se abra nas instalacións do que foi a casa cuartel da Garda Civil.
O asilo está aí e está moi céntrico, son 13.000 metros cadrados, con xardín para pasear as persoas maiores, próximo e ben comunicado coa estación de ferrocarril e de tren. Está moi próximo ao Hospital Provincial, nun barrio que depende do movemento que se viron afectados co peche do Asilo e o Concello debe desenvolver unha estratexia para salvar o asilo. A reforma necesaria para volver a abrilo sería moitísimo menos custosa que construír unha nova residencia, independentemente de que as necesidades obrigue a contruílo. O Asilo non ten por que estar pechado á espera da ruína. Queremos ser proactivos niso.
Temos o exemplo da delegación da Xunta de Galicia, era un edificio que xa estaba aí, abandonado durante unha serie de anos. A reforma custou menos de 4 millóns de euros. Construír un novo edificio dos xulgados na Parda custa preto de 14 millóns de euros. Para as Administracións tráelle a conta rehabilitar espazos. E para os cidadáns, sen dúbida. Que gañamos con que estea pechado e que dentro duns anos sexan unhas ruínas? O intelixente é recuperar iso e poñelo en servizo para ofrecer algo que Pontevedra demanda.
No apartado cultural, vostedes propoñen a creación de bibliotecas municipais, entenden que resulta insuficiente a Bilbioteca Pública de Pontevedra?
Bibliotecas municipais: Pontevedra, cero; Oleiros, nove. Podes dicir Oleiros non é unha cidade e está descentralizado o Concello e como non hai facultades necesitan nove. A Coruña: oito. A Coruña ten unha universidade, todas as facultades teñen biblioteca, hai unha biblioteca pública que é cinco veces a de Pontevedra, hai a da Deputación e oito municipais.
Sucede como coas escolas infantís, onde en Pontevedra son 500 prazas públicas e satisfácense da Xunta a través de tres escolas. As prazas son insuficientes e o Concello di que depende da Xunta de Galicia. Sanxento tamén ten e o de Vilagarcía tamén, municipais. E Pontevedra non ten.
Os libros teñen que chegar á xente. O Concello debe ter bibliotecas e unha axencia de lectura que funcione nos centros socioculturais que se foron abrindo.
E ao fío do que me explica, cantas escolas infantís municipais deberían abrirse?
En Pontevedra hai algo menos de 2.000 nenos de menos de 3 anos de idade cunha oferta pública de 500 prazas. Os pais cada ano fan mil solicitudes. A un 50% dos nenos, os pais teñen que levalos a garderías privadas ou telos na casa. O Concello de Pontevedra pode facer moito niso. Se a demanda, ano tras ano, duplica a oferta, hai que resolver iso.
A última pregunta, se vostede resulta elexido, que faría o primeiro día desde o seu despacho da alcaldía?
Entregar as primeiras rendas sociais. E xa de paso, o mesmo día ou ao seguinte, asinar a adhesión de Pontevedra ao plan de transporte metropolitano de Galicia, que permitiría que os menores de 19 anos puideran viaxar en autobús gratis.
Relacionadas:
-
Luís Rei: "Estou decepcionado polos resultados das eleccións e polos erros que cometemos"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Luís Rei anuncia que creará un viveiro de empresas agrarias e rurais no antigo colexio de Pío-Bora
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra festexa o centenario da chegada de Castelao á cidade
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra dálle cabazas ao BNG pola xestión do mercado de abastos
Por Nacho Fuentes & Anxo Lourido |
-
Debate no Sánchez Cantón: Que entenden vostedes por política?
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Marea Pontevedra reivindica na Casa da Luz unha mirada violeta
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Marea Pontevedra e Prosagap queren que o Hospital Provincial manteña un uso sanitario
Por Redacción |
-
Luís Rei propón rescatar a autoestrada do Atlántico e paralizar as obras da A-57
Por Redacción |
-
VIDEO.- Marea Pontevedra navegou polo espazo que reivindican como "Praza do Mar"
Por Oskar Viéitez |