Compromiso aposta por crear un cluster das artes no antigo edificio de Facenda
Por Redacción
A creación artística e o deseño industrial teñen que converterse, segundo Compromiso por Galicia, na base dun modelo económico que potencie o emprego xuvenil. De aí que o partido propoña crear un cluster das artes no antigo edificio de Facenda, en San Francisco.
O seu candidato, Andrés Núñez, considera que Pontevedra pode ter na arte, a creatividade e o deseño un dos seus principais motores económicos e empresariais. Na cidade xa están, recordou, grandes centros de referencia neste eido como as facultades de Belas Artes e Comunicación, a Escola de Moda, a Escola de Cantería ou a Escola de Restauración.
"Temos que apostar por un modelo que xunte a economía de servizos da creatividade cunha economía da arte, da moda, o moble e madeira ou a publicidade que nos permita deixar de ser permanentemente unha das cidades con máis altos niveis de desemprego de Galicia", sinalou.
O partido aposta por un modelo que achegue a innovación e o desenvolvemento cara unha nova pequena e mediana industria, capaz de xerar empresas con emprego de calidade e respecto ao medio ambiente. O cluster, explicou Núñez, é unha busca da mellora da competitividade e da multiplicación de novos proxectos empresariais na cidade.
Neste novo centro incluiríanse obradoiros e postos para traballar, ademais de puntos de axuda ao emprendemento e asesoramento xurídico e fiscal.
A proposta considera que a adhesión das administracións e a universidade sería positiva, agrupando e atraendo a Pontevedra diferentes empresas, facilitando os espazos para a súa implantación e orientando a súa cooperación conxunta.
Este proxecto enmárcase dentro da aposta de Compromiso por Galicia pola creación de emprego, en especial dos máis novos, que en Pontevedra "dispoñen de poucas oportunidades", engadiu o candidato á Alcaldía.
Relacionadas:
-
Os residentes e o persoal de comercios terán prioridade para aparcar se vence Compromiso
Por Redacción |
-
Compromiso invita a loitar pola igualdade a través do deporte base e os equipos mixtos
Por Redacción |
-
Compromiso por Galicia fai súas as demandas de melloras laborais dos policías locais
Por Redacción |
-
A chuvia desloce a tradicional pegada de carteis para as eleccións municipais
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Andrés Núñez Rajoy será o cabeza de lista de Compromiso na cidade de Pontevedra
Por Redacción |