O PP explica as súas propostas para impulsar e revitalizar o comercio local
Por Oskar Viéitez
O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, deu a coñecer este luns as súas propostas para impulsar e revitalizar o comercio local. Fíxoo acompañado da Directora Xeral de Comercio, Sol Vázquez, do seu número 2, Pepa Pardo, e o seu número 3, Pablo Fernández. Xuntos percorreron varios establecementos do centro de Pontevedra para presentar explicar as súas propostas.
Rafa Domínguez cre que "el pequeño comercio es fundamental para reactivar la actividad económica de Pontevedra".
Os populares sinalaron a existencia de "muchísimos bajos comerciales vacíos" algo que achacan a que "la ciudad no está funcionando económicamente" polo que se comprometen a "mejorar las condiciones de los comerciantes de Pontevedra" cun programa que inclúe unha rebaixa de impostos como o IBI e a viñeta.
Domínguez aposta tamén por medidas como a implantación do transporte público urbano e a adhesión de Pontevedra ao Plan de Transporte Metropolitano. Ademais, incrementará o tempo de aparcamento na zona de servizos pasando de 15 a 30 minutos; aposta por dotar á cidade de máis e mellores aparcamentos disuasorios; por negociar a consecución de descontos nos aparcadoiros da cidade e pola creación dun aparcamento público e gratuíto fronte ao Pavillón Municipal dos Deportes.
Tamén se inclúen cursos gratuítos para o pequeno comercio (escaparatismo, fachadas, contabilidade, novas tecnoloxías…) e medidas de emprendemento e posicionamento dixital coas que se establecerán diversas liñas de axuda para a innovación e a dixitalización do comercio ou creación de tenda propia online, entre outras.
Por último, o PP propón a creación dun banco de baixos, a creación da Oficina do Comerciantes e axilizar os trámites e reducindo os tempos de espera de licenzas a través da Licenza Exprés.
Durante esta cuarta xornada de campaña electoral, Rafa Domínguez tamén participará nun paseo polo centro da cidade, acompañado pola conselleira de Educación, Carmen Pomar, que incluirá un encontro con directores e profesores de centros escolares do municipio. E finalizará o día participando nunha charla organizada polo Rotary Club de Pontevedra no Hotel Galicia Palace.