O plan contra incendios do PSOE incluirá un protocolo de emerxencias e crear 'vías de escape' no monte
Por Redacción
Os socialistas cren que Pontevedra debe contar cunha acción planificada que preveña catástrofes como os incendios forestais. De aí que unha das primeiras propostas do PSOE nesta campaña electoral sexa aprobar un plan contra incendios no que colaboren as propias comunidades de montes.
Entre as medidas que se incluirían neste plan, segundo destacou o número 5 da lista socialista, Marcos Rey, estaría a obriga de manter a distancia de seguridade de 50 metros en relación ás vivendas que establece a lexislación; a plantación de máis especies autóctonas como os carballos ou a xeración de cortafogos vexetais.
O tamén presidente dos comuneiros de Verducido considera "imprescindible" desenvolver un plan de medidas de prevención e autoprotección "bastante máis amplo e integral" do que propón o Concello, que implicaría ter os puntos de auga sinalizados, un protocolo de emerxencias ou a creación de zonas que permitan escapar do lume.
Para iso, o PSOE pretende contar para a súa elaboración co asesoramento de colectivos como a Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia ou impulsar un proxecto semellante ao levado a cabo no seu día a través do plan Monte Vivo, coa finalidade de acadar un modelo de xestión autosustentable.
Ademais, os socialistas pretenden "imitar o exemplo de Vigo" e establecer unha colaboración máis directa, tanto a nivel técnico como económico, coa Mancomunidade de Montes de Pontevedra, recoñecendo a "enorme labor social" dos montes periurbanos do municipio.
Así, xunto a unha asesoría por parte dos servizos técnicos municipais, Marcos Rey considera que é preciso que se axilicen as tramitacións das subvencións autonómicas, xa que é "inasumible" que unhas axudas para a xestión e o roce do monte cheguen en pleno verán.