Luís Rei presenta 180 propostas de Marea Pontevedra baseadas na igualdade, na inclusión e na xustiza
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Luís Rei, candidato de Marea Pontevedra á alcaldía e Teresa Casal, número dous da listaxe da agrupación, acompañados por diversos integrantes da candidatura presentaban neste primeiro día de campaña o programa con 180 propostas para mellorar a vida no municipio.
Teresa Casal indicaba que se trata dun contrato que pensan cumprir baseado en tres ideas centrais: a igualdade, a inclusión e a xustiza. Neste sentido, a incorporación estrela de Marea Pontevedra afirmaba que chegou a hora de que a xente que vive alonxada do centro non se sinta excluída da cidade ao non participar das melloras das rúas céntricas. Utilizou como exemplo a rúa Ernesto Caballero, que segue a agardar por unirse a Valdecorvos ou a rúa Monte do Taco.
Casla afirmou tamén que a xente de Pontevedra bota de menos que o goberno local fale con ela. Por este motivo, Marea Pontevedra mantivo encontros e continuará realizando xuntanzas para coñecer as necesidades de persoas invidentes, con problemas auditivos, con colectivos como Amencer ou con Juan XXIII. Desde a agrupación política compraron os problemas de accesibilidade que presenta a cidade e que Luís Rei quere corrixir.
Ademais queren que o municipio sexa máis xusto socialmente coa creación de garderías municipais, residencias para maiores de titularidade pública e coa desprivatización de servizos como o da auga ou o do lixo.
LUÍS REI APOSTA POR UNHA RELACIÓN IGUALITARIA
Pola súa parte, Luís Rei indicou que Marea Pontevedra traballa en clave local, sen ataduras e que se presenta co aval da súa traxectoria como oposición útil e con incorporacións con experiencia na xestión municipal como é o caso de Teresa Casal. E sinalou que as propostas que realizan tentarán que sexan realidade durante os vindeiros catro anos.
Entre elas manteñen ideas avaladas por un arquitecto do prestixio de César Portela como a de converter o peirao das Corvaceiras nun punto de encontro entre a cidade e o litoral coa creación da Praza do Mar. Tamén apostan por un plan de transporte, o fomento do deportte de base ou o rescate do asilo.
Luís Rei cre que "chegou a hora" dos barrios das parroquias, da accesibilidade, da xustiza social e da constitución dun Concello con relación igualitara en dobre dirección coa cidadanía. Por este motivo van impulsar un cambio de regulamento de participación para que interveñan os portavoces dos distintos colectivos nos plenos e que se permita escoller aos representantes de consellos parroquias por sufraxio. Ademais, Marea Pontevedra quere introducir no capítulo sexto dos orzamentos a fórmula de "orzamentos participativos" para que a cidadanía poida decidir en que se investirán os cartos publicos e os recursos de todos.
"Chegou a hora de agradecerlle os servizos prestados a Lores e ao seu equipo", afirma Luís Rei, que cre que tamén é o momento de decrilles "que hai un equipo de xente disposta a tomar o relevo con plenas garantías" con Marea Pontevedra.