José Vilas presenta a candidatura coa que o PSOE busca "facer Bueu xuntas"
Por Redacción
José Vilas presentou este xoves a candidatura do PSOE que encabeza de cara ás eleccións municipais do próximo 26 de maio baixo o lema "Fagamos Bueu xuntas".
Na súa presentación, horas antes do inicio da campaña, quixo manifestar o seu orgullo por poder contar con todas as persoas que o acompañan na candidatura e polas ganas que lle poñen todos ao proxecto. "A política non é fácil pois non é o noso oficio", destacou, convencido de que van "a dalo todo" e conseguir que as urnas arroxen "o mellor resultado ata agora".
O candidato á alcaldía recordou que fai catro anos recordou "neste mesmo sitio que ía aguantar estoicamente", tarefa que foi capaz de desenvolver grazas "ao traballo realizado durante estes catro anos de oposición polas mulleres" que lle acompañaron e as súas achegas.
"As tres dedicacións exclusivas deste goberno nunca deron unha explicación nin do seu traballo nin do resultado do mesmo", denunciou Vilas durante a súa intervención, criticando as obras no estaleiro, "que dixeron que ían rehabilitar e tiraron e fixeron un novo", ou a contratación a dedo de persoal no concello.
Vilas estivo acompañado do secretario provincial do PSOE, David Regades, que mostrou "todo o apoio do partido" para a candidatura, á vez que tendeu a man para "colaborar" unha vez sexa alcalde coa Zona Franca, da que é delegado.
"Bueu ten a oportunidade de elixir un equipo de goberno que poña no centro da acción política ás veciñas e veciños", defendeu o secretario xeral provincial do partido. A colaboración entre os diferentes gobernos "ten que ser o eixo" que sirva aos gobernos municipais "para transformar as vilas e facelas medrar, creando oportunidades para que a cidadanía poida ter unha vida digna".
O acto tamén contou coa presencia da deputada autonómica María Pierres, que se mostrou contenta "como voceira de Igualdade" do lema escollido polas socialistas de Bueu. "As mulleres coma min só podemos aplaudir a vosa implicación coas políticas de igualdade e de visibilización das mulleres", defendeu.