A chuvia desloce a tradicional pegada de carteis para as eleccións municipais
Pasada por auga. Así comezou a campaña electoral en Pontevedra para as eleccións municipais do próximo 26 de maio. A choiva desanimou a moitos a estrear estes quince días acudindo á tradicional pegada de carteis na Alameda onde, xunto aos candidatos, tan só estiveron os máis fieis duns e outros partidos.
Con puntualidade case británica, ás doce da noite os primeiros carteis comezaron a decorar os paneis habilitados na Alameda, onde se reuniron case todas as candidaturas que optan á Alcaldía de Pontevedra. Tan só faltaron VOX e o PP, que optou nesta ocasión por celebrar unha festa de inicio de campaña na Praza do Teucro.
Os populares, que animaron o arranque da campaña coa 'Rafaneta', optaron por afastarse do centro neurálxico desta primeira noite de actividade electoral e, nun encontro con simpatizantes no centro histórico, celebraron a chegada de dúas semanas "vibrantes" nas que prometen percorrer "cada recuncho" dunha Pontevedra que "pide cambio".
Farano, segundo Rafa Domínguez, para presentar un proxecto "serio" no que o emprego e a actividade económica será o seu "eixo fundamental" e que está impulsado por xente que "vén con forza". O PP, engadiu o seu candidato, é a "alternativa clara" a un goberno do BNG con Lores á fronte, que consideran que está "desgastado e canso".
A parroquia máis numerosa, a do BNG, arroupou a un Miguel Anxo Fernández Lores que confía en que as municipais lle permitan "revalidar unha maioría suficiente" que lle permita seguir gobernando a cidade e continuar "poñéndoa no máis alto". O actual alcalde mostrouse "convencido" de que a sociedade pontevedresa "quere que Pontevedra avance, siga crecendo e sendo un referente en moitos aspectos".
Tras destacar o logro que "toda a xente" teña sitio en Pontevedra para "gozar do espazo público", Fernández Lores asegurou que "o mellor está por vir" e que co apoio dos cidadáns "non daremos nin un paso atrás".
Na súa intervención ante a militancia, o socialista Tino Fernández recorreu ao éxito electoral de Pedro Sánchez para animar ao voto ao PSOE o próximo 26 de maio e "aproveitar a onda progresista de cambio e optimismo" para enviar nas urnas outra mensaxe "contundente" aos tres partidos de dereitas.
Os socialistas, que aseguran que a cidade viviu os seus anos de "maior desenvolvemento" co PSOE no goberno, avanzaron que "daremos voz" ás reivindicacións dos veciños e defenderán os intereses de Pontevedra, xa que "por moito que a algúns lles moleste" o presidente do Goberno demostrou, segundo Fernández, que "nos escoita e moito".
Pola súa banda, Luís Rei lembrou ante os seus que Marea chegou á política municipal "para quedar" hai catro anos e tras "consolidar" o seu proxecto durante todo este tempo. Agora, sinalou, é o momento de "expandirnos" cunha candidatura que lles permitiu "chegar a moita xente nova".
Desta campaña espera que "se abra paso" a proposta de Marea entre a cidadanía, un traballo do que "debería saír" unha representación "moito máis nutrida" na corporación que lles permita "facer fronte ao cambio que nós queremos impulsar".
Ata a Alameda achegáronse tamén Cidadáns, onde o seu candidato Goyo Revenga espera que esta sexa unha campaña "limpia" na que se fale "de lo que realmente importa" que é a cidadanía de Pontevedra; e Podemos-Esquerda Unida, con José Ramón Otero á fronte, que apuntou que están "moi animados" ante un período que enfocarán "cara o tema social".
O máis orixinal, sen dúbida, foi o candidato de Compromiso por Galicia que, ademais de pegar os seus correspondentes carteis, deixou o seu particular sinal nos paneis en forma de chapeu e paxarela, dous complementos que lle adoitan acompañar nos seus actos públicos. "Necesitamos ideas novas e máis políticas sociais", sinalou Andrés Núñez.
Baixo o lema "coa túa confianza, unha Pontevedra mellor", Núñez avanzou que as prioridades do seu programa serán propostas para defender os dereitos dos maiores, das mulleres e dos máis novos, traballando nun futuro "diferente" para que o municipio non acabe convertido nunha "cidade dormitorio de Vigo".