México, destino da primeira misión comercial de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
2018 volveu a ser, igual que os anteriores, un ano cheo de recoñecementos ao modelo urbano de Pontevedra. Pero, nesta ocasión, cunha novidade: a primeira misión comercial ao exterior organizada polo goberno municipal, que compartiu os eloxios das autoridades de México cunha decena de empresas locais que abriron novos mercados.
A feira Expopymes foi a primeira parada desta misión, unha cita que permitiu ás compañías pontevedresas establecer interesantes acordos comerciais. Ademais, as axendas paralelas que estas empresas mantiveron en México, coa mediación do Concello, contribuíron a que todas elas pechasen diferentes negocios no país azteca.
Pontevedra e Cidade de México, por outra banda, tamén aproveitaron para avanzar na firma dun convenio estable que permita potenciar as relacións comerciais de ambas as rexións. Así, abrirán vías de cooperación en diferentes sectores, entre os que destacan o turismo, o deseño urbano ou a gastronomía.
Nesta misión comercial tamén se falou do modelo urbano de Pontevedra, que foi o protagonista de diferentes actos públicos na capital de México e nos municipios de León, Querétaro ou Celaya. O broche de ouro foi a intervención do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ante o Senado da república mexicana.
Ata Corea do Sur viaxou tamén o alcalde de Pontevedra para recoller un premio concedido por Cittaslow, un colectivo de cidades de todo o mundo que apostan pola mobilidade amable. A Boa Vila foi recoñecida na categoría de mellor práctica, por "impulsar unha mobilidade para facer unha cidade mellor".
A nómina de premios completouse co galardón recibido en Valencia pola Asociación Española para a Xerencia dos Centros Urbanos pola peonalización do centro histórico que, segundo esta entidade, "permitiu recuperar o espazo público para o cidadán e converter a Pontevedra nun modelo de referencia internacional a nivel de intervención urbana".
Ademais, Fernández Lores ou edís do seu grupo goberno acudiron a diferentes cidades para participar en actos ou conferencias sobre mobilidade e urbanismo, presentando o modelo urbano pontevedrés, como Santander, Irún, Valencia, Granada, Barcelona, Puente Genil (Córdoba) ou Grenoble (Francia).
Pero non todo foron viaxes. Ata á Boa Vila desprazáronse numerosas localidades e rexións, principalmente españolas e portuguesas, para comprobar de primeira man por que Pontevedra converteuse nun referente de calidade urbana. Así o certificaron todas e cada unha das delegacións que pasaron pola cidade ao longo de 2017.
Así, acudiron a Pontevedra, entre outros, representantes do goberno municipal de Cádiz ou concelleiros da oposición do concello de Salamanca.
De máis alá das nosas fronteiras chegaron políticos e técnicos de Andorra La Vella (Andorra), Foz de Iguazú (Brasil), das localidades francesas de Thau ou Sète e as rexións portuguesas de Braga, Famaliçao, Cascais ou Guimarães.
A guinda a este traballo foi a visita de dúas delegacións da rexión de Benguela (Angola) e Guinea Bissau, os primeiros países de África en tomar nota das solucións adoptadas por Pontevedra para crear unha cidade amable; ou a admiración mostrada polo embaixador de Taiwan en España, Simón Ko, que expuxo mesmo irmandamentos con cidades do seu país.
Relacionadas:
-
Pontevedra volve a México para expor o seu proceso de transformación no Mextrópoli 2018
Por Anxo Lourido |
-
Simón Ko, embaixador de Taiwan en España: "Pontevedra ten moito espazo público para a xente. É interesante"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Todas as empresas participantes na misión comercial a México fixeron negocio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Lores considera que o modelo urbano de Pontevedra abre portas internacionais
Por Redacción |
-
Pontevedra, un modelo que "alenta" o Senado de México a buscar cidades "máis humanas"
Por Alejandro Espiño |