75 anos respirando ilusión de cor granate
Por Diego Espiño
O pasado 16 de outubro de 2016 o Pontevedra Club de Fútbol cumpriu 75 anos de vida, unha efeméride que a cidade celebrou con diversos actos.
O club granate consolidouse este ano na Segunda División B tras concluír a liga na novena posición a pasada campaña e iniciar unha nova, a do 75 aniversario, na que conseguiron ilusionar á afección pelexando por obxectivos ambiciosos, ao terminar o ano e a primeira volta da liga na cuarta posición.
Fixérono despois dunha primeira volta de record, con nove triunfos seguidos en Pasarón e un partido especial ante o Lealtad, precisamente o día 16 de outubro, que supuxo o fin de festa soñado a unha semana de celebración granate.
O TEUCRO, A RECUPERAR O SEU LUGAR
Non lle foron tan ben as cousas á Sociedad Deportiva Teucro, que certificou en Cangas nun dramático encontro o seu descenso á División de Honra Prata tras unha segunda volta de liga na que non puido confirmar as boas sensacións da primeira.
A directiva azul apostou pola continuidade dun proxecto e renovou a Quique Domínguez pese ao descenso co obxectivo de recuperar o seu lugar na máxima categoría do balonmán nacional.
Si se produciu renovación no plantel, e tras superar un inicio de competición irregular o Teucro foi crecendo co paso das xornadas ata pechar a primeira volta como líder en solitario da categoría, nunha dura pugna con Zamora e Palma del Río pola única praza de ascenso directo que, todo apunta, manterase ata o final da competición.
O PEIXE GALEGO, UN EQUIPO DE 'OURO'
O ascenso destacado do ano 2016 correspóndelle a un equipo marinense, o Peixe Galego, que por primeira vez na súa historia gañou o dereito para xogar na liga LEB Ouro de baloncesto, a antesala da liga ACB.
Logrouno o 25 de marzo derrotando na Raña ao Aceitunas Fragata Morón nun partido que foi todo un acontecemento na localidade pontevedresa e que pechou unha tempada máxica para o equipo adestrado por Javi Llorente.
Agora, tras pelexar a directiva por conseguir os fondos necesarios para saír en LEB Ouro, e tras un inicio de liga esperanzador, o Peixe atravesa unha xeira negativa de resultados pero mantén viva a esperanza de lograr a permanencia, que sería de novo unha auténtica xesta a teor dos orzamentos cos que se mide o equipo.
Relacionadas:
-
Rafa Vidal, 40 anos de historia viva do Pontevedra que agora será "un afeccionado máis"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
75 anos granates ben merecen un regreso ás Palmeiras
Por Redacción & Diego Torrado |
-
75 anos de paixón polo Pontevedra
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Final cruel para o Teucro, que consuma en Cangas o seu descenso (26-26)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Marín Peixe Galego culmina unha tempada máxica co ascenso a LEB Ouro tras derrotar a Morón (83-68)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |