Pontevedreses por padrón
Por Redacción
Que o titular non leve a engano. Non nos imos a referir aos habitantes desta capital oriúndos do municipio padronense. Podería ser o caso, pero calquera que non nacese en Pontevedra e acabase residindo na cidade do Lérez, podería ser motivo desta entrevista. É dicir o 43% da poboación da capital.
Desas decenas de miles, a elección veu en forma de aniversarios. E non uno calquera, 104. María Aquilina Alonso Pérez, de agora en diante e co seu permiso Quila, visitou estes días pasados ao alcalde, con motivo deste aniversario. Gañouse a simpatía e admiración dos medios de comunicación e declarou ademais que un dos seus temas habituais de conversación é a cidade de Pontevedra.
Sanxenxo é o seu municipio natal. Con curta idade marchou a vivir a Vigo. Os estudos levárona ás Irmás da Caridade de Marín, e a súa primeira incursión en Pontevedra para seguir co seu currículo académico, na Escola Normal de Mestras. "A Normal" estaba no actual edificio administrativo da Deputación en Montero Ríos -anteriormente a Delegación de Educación-. Daqueles primeiros anos na capital, Quila relata: "cando copabamos as clases escapabámonos ás Palmeiras. A señorita Fondevila atopábanos e dicíanos: que facedes aquí pícaras?, vide comigo!". Parece que hai instantáneas que non cambian, nin de lugar.
BOLSEIRA EN PARÍS
Unha bolsa na Sorbona de París, sacouna de Pontevedra. Como segue lembrando Quila, "na cidade da luz e o amor coñecín ao meu home, Fernando. Vino, díxenlle ven connosco e collino do brazo. E cando o collín, pasoulle a cambra e xa non se separou de min". El almeriense, ela pontevedresa, casaron en Poio e fixaron a súa residencia en Barcelona. A etapa na cidade condal concluíu á morte do seu esposo.
Foi entón, hai algo máis de vinte anos, ao quedar viúva, cando decidiu regresar a Pontevedra: "é unha cidade pequena pero encantadora. Rúas fermosas e limpas, con moitos xardíns e árbores, que a min gústanme moito. Non cambiaría Pontevedra por nada".
Tamén apunta a proxección que conseguiu Pontevedra: "agora vén moita xente, sobre todo da terceira idade coas excursións. No verán énchese totalmente, case non se pode andar. Pontevedra agora coñécese en todas partes. Eu estou orgullosa dela, case son pontevedresa xa".
A Quila, cando Lorenzo acompaña, gústalle pasear: "dou paseos e logo sento nunha cafetería. Agora teño unha compañeira que sae comigo, chámase cadeira; pero vou ben. Tamén teño persoas que me acompañan, como ela, que é a mellor amiga que teño" (ela é Carmela Juega Puig, que a acompaña nesta entrevista).
Dado ese hábito de pasear, bota en falla bancos: "agora somos moitos os que chegamos á cuarta idade e gústanos sentarnos a ver como pasa a xente". Fala encantada da cidade e tamén do seu alcalde: "acepta as propostas que lle fan, porque hai algúns que escoitan e logo fan o que queren".
Ollo señor alcalde, Quila engade que na última visita ao Concello prometeulle un banco que levaría o seu nome.
Relacionadas:
-
Falece a popular centenaria Aquilina Alonso
Por Redacción |
-
O segredo da lonxevidade dos 105 anos de Aquilina
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Menos nenos e máis xubilados nunha Pontevedra que conta con 83.407 habitantes
Por Alejandro Espiño |
-
A capital galega coa poboación menos envellecida
Por Redacción |
-
Aquilina Alonso, 104 anos: "Con los viejos no me gusta salir porque no tienen conversación"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |