Eu corro, tí camiñas, el pedalea
Por Redacción
Camiñas habitualmente?, corres?, saes en bicicleta?... se estas preguntas as expuxéramos hai un par de décadas en Pontevedra, desde logo os alistados ao non, superarían con fartura aos do sí. Certo que as mensaxes fomentando a vida saudable foron incrementando e calando na poboación; pero tamén é certo que a contorna alenta ou retrae a práctica de exercicio físico.
A aposta por recuperar e acondicionar espazos naturais, máis ou menos próximos á zona urbana; ou priorizar o tránsito peonil e ciclista foron un estímulo para a práctica de deporte ao aire libre.
Non só quen se decantou pola súa práctica gañou en saúde; senón que os negocios adicados á venda de roupa, material e complementos deportivos ou vehículos de dúas rodas tamén rendibilizan este espírito do "mens sana in corpore sano".
Un dos emprazamentos máis concorridos é o paseo xunto á Ría e o Lérez -desde a Avenida de Marín ata a urbanización de Monte Porreiro, onde a ruta encamíñase cara a Lérez e Bora, ou pasando pola Illa das Esculturas-, a trasfega de camiñantes, ciclistas ou runners é constante. Algúns, os menos perezosos, cando aínda non rompeu o día comezan a xornada cuns quilómetros entre peito e costas. Durante a mañá, o mediodía e a tarde uns van, outros veñen; e os que faltan entre estes adeptos, descargan tensións diarias entrada a noite.
UN MODELO QUE FAVORECE EL DEPORTE
Víctor Riobó, atleta e propietario de Miler Vintage Running Club, ratifica que efectivamente hai un boom social polo running "pero cando pase a moda, calará que o deporte é saudable e os beneficios de facer exercicio". No caso de Pontevedra, entende que o modelo de cidade favoreceu tamén esta práctica "dá pé a que a xente se bote á rúa, agora ves que chova ou non, hai xente camiñando, correndo ou en bicicleta. Pola miña profesión tamén viaxo moito e a xente está a reclamar este modelo noutras cidades, Santiago por exemplo".
Outro acicate para o fomento de hábitos saudables, é a celebración de eventos deportivos internacionais. "En vinte e sete anos de práctica deportiva podo dicir que o emprazamento axuda, pero tamén os referentes. Aquí temos casos como David Cal ou Gómez Noya. A Copa de Europa de Tríatlon foi un evento fundamental. A xente viu un referente na súa cidade e animouse a practicalo. As edicións da Volta Ciclista tamén xeraron un ambiente na cidade que acaba contaxiando", considera Riobó, quen engade que "eses eventos benefíciannos a todos".
Víctor Riobó: "agora ves que chova ou non, hai xente camiñando, correndo ou en bicicleta"
Pero non todo está concluído, sempre queda algo que mellorar. A falta de iluminación en varias zonas limita as posibles rutas practicables. Ademais, os profesionais, botan en falta máis pistas de terra ou herba para evitar zonas duras como o asfalto. Entre os afeccionados á bici, sobretodo de montaña, entenden que é "onde falta tomar de decisións de máis calado". Así o apunta Juan Ignacio Cons, propietario de Moto Bike Pontevedra e membro da Mesa Pola Bici, -que promoveu o Concello reunindo a clubs e asociacións vencelladas á bicicleta- "as rutas existentes son para iniciados, pero para quen é xa avezado, non é suficiente", di, engadindo que "tamén se poderían facer máis actuacións para fomento do sendeirismo".
Cons súmase á opinión de que "este modelo repercute no fomento da actividade deportiva. Foi unha aposta deste goberno e Pontevedra préstase a iso". No seu negocio evidenciouse en maior grao a venda da bici de paseo. Matiza que "isto non é Holanda, pero en determinadas épocas como Nadal ou co bo tempo, aumentan as vendas. E nótase que hai persoas que xa a utilizan todo o ano".