De 'casco vello' a centro histórico
Por Redacción
Pouco ou nada recorda o actual centro histórico a aquela zona vella de comezos da década dos noventa. Aquela zona degradada, evitada ao tránsito en gran medida, converteuse na principal referencia de convivencia, gozo lúdico e cultural dos cidadáns.
Unha transformación que comezou coa decisión de peonalizar todo este espazo, alá polo ano 1999. Os inmobles tamén mudaron a súa estampa, ben de man da administración en caso da titularidade pública, ben mediante axudas aos propietarios en caso da titularidade privada.
Non só cambiaron a súa imaxe, senón tamén o seu uso e finalidade. Serven de exemplo a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, a actual Vicerreitoría da Universidade de Vigo, a sede de Turismo de Pontevedra na Casa da Luz, a Casa Azul na rúa Sor Lucía ou o Mercado de Abastos, entre outros.
Os residentes e diversos establecementos comerciais, de hostalería e restauración, dispoñen de todos os servizos renovados, ademais de gas natural e canalización de fibra óptica. Durante estes anos tamén se deu maior visibilidade ao Camiño Portugués a Santiago, que atravesa a zona monumental. Traballouse e trabállase na renovación ou mellora da pavimentación e do mobiliario urbano de rúas e prazas.
Este proxecto transformador non quedou relegado ás actuacións físicas de recuperación e dotación. As seguintes iniciativas foron implicar aos residentes e resto de cidadanía para promocionar o centro histórico e levar a todos estes recunchos actividades múltiples. O expoñente multitudinario desta idea é a Feira Franca.
Como noutros ámbitos, tamén a evolución rexistrada recibiu mencións como o Premio Nacional Cultura Galega. Un galardón que por primeira vez concedía a Xunta de Galicia en 2008 recoñecendo a revitalización do centro histórico. E no 2006 a Asociación de Graniteiros concedía ao Concello de Pontevedra o Premio Cidade de Pedra, polo magnífico uso que fixera coa pedra para a citada transformación.