A capital galega coa poboación menos envellecida
Por Redacción
A mobilidade poboacional, voluntaria ou inducida, a natalidade e mortalidade son as variables que fan oscilar as estatísticas poboacionais. As dúas primeiras poden ter un elemento propiciatorio: un óptimo modelo urbano.
No caso de Pontevedra, as estatísticas sitúan a esta capital como a única das sete grandes cidades galegas con poboación en aumento. De feito, segundo os datos do padrón de habitantes, a peche de 2014, había 83.464 persoas censadas no municipio, case un centenar máis que un ano antes.
O incremento responde: a un crecemento vexetativo positivo -os nacementos superaron ás defuncións-; e a unha subida das persoas que fixaron a súa residencia en Pontevedra.
Pola contra, evidénciase unha porcentaxe de baixada a peche de 2014, o da inmigración, un 13,09% e que fixaba a poboación estranxeira en Pontevedra en 3.027 persoas.
Analizando algúns parámetros da estrutura poboacional, os datos estatísticos evidencian que o indicador de envellecemento desta capital é o máis baixo das sete grandes cidades galegas, cun media de idade de 42,8 anos. Aínda que a diferenza resulta ínfima, a tendencia resultante é o aumento da poboación menor de 20 anos, fronte á maior de 64 anos.
Algo máis da metade desta poboación, concretamente un 57,3%, naceu e reside en Pontevedra. Un 27,7% é natural doutro concello ou provincia galega; mentres que un 15% reside nesta cidade pero pertence a outras comunidades autónomas ou países.
A zona urbana de Pontevedra concentra o 75,24% da poboación, e é onde se produce o incremento poboacional. Pola contra, a zona rural do municipio perdía no último ano un 1,5% do seu padrón.