O PSOE reivindica o seu papel como "gran transformador" da cidade e pide apoios para "botar" ao PP da Deputación
O PSdeG-PSOE protagonizou este martes o mitin máis orixinal, en canto a formato e escenario, do que levamos de campaña electoral en Pontevedra. Afastado do formato habitual, os socialistas optaron por reunir os seus fieis ao aire libre, na emblemática praza da Peregrina. Alí recibiron o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, que arroupou o candidato á Alcaldía, Agustín Fernández.
Máis dun centenar de persoas acudiron a este informal acto político que, cun marcado estilo televisivo, estivo conducido por Paloma Castro e Iván Puentes, números 2 e 3 da lista do PSdeG-PSOE en Pontevedra, que foron analizando os logros dos edís socialistas, especialmente en urbanismo, educación, deportes ou promoción económica, as súas áreas de responsabilidade nos últimos catro anos de goberno.
Ambos os dous deron paso a Gómez Besteiro que, tras saudar efusivamente a Agustín Fernández, tomou a palabra para pedir o voto para o PSdeG-PSOE, un voto "a favor da confianza no progreso e en contra do radicalismo de dereitas que tanta pobreza está traendo". Asegurou que o PP foi, estes últimos anos, o partido "máis radical" á hora de recortar servizos e dereitos aos cidadáns.
A este respecto, destacou que os socialistas protagonizan "actos abertos nas rúas e sen escapar dos veciños", a diferenza doutros partidos "que non poden estar nela porque lle deron ás costas durante catro anos". De feito, puxo como exemplo á Xunta, á Deputación de Pontevedra e aos concellos gobernados polo PP como xestión "pechada" para os seus respectivos ámbitos "e sobre todo, lonxe dos seus veciños".
O líder dos socialistas galegos sinalou que, polo tanto, "cada voto ao PSdeG en Pontevedra é unha chave para abrir a Deputación á cidadanía" e convertela nunha institución "libre, transparente e moderna". Grazas a este apoio, dixo, esperan "desaloxar aos delegados de Feijóo" das institucións, xa que asegurou que os alcaldes do PP "so están para recibir ordes por teléfono e defender os intereses do seu partido, por riba dos cidadáns".
Con respecto a Pontevedra, Besteiro cualificou a Agustín Fernández como un candidato "con voz propia" e que ve na cidade "dinamismo, fortaleza e oportunidade", fronte a un PP que só ve nela "nada máis que un lugar de veraneo". De aí que vaticinase que na provincia de Pontevedra, os populares terán os seus peores resultados porque é "onde mellor coñecen a Feijóo e Rajoy, e tal vez por iso onde menos os queren".
Pola súa banda, Agustín Fernández animou aos seus a dar un "paso máis" para que o próximo 24 de maio, as urnas " se enchan de puños e rosas" e Pontevedra conte cun alcalde do PSdeG-PSOE. Trátase do único partido, dixo, que "fala de futuro" e ten un programa "claro e definido", fronte a un BNG "que cre que o ten todo feito" e un PP que "esconde as miserias dun partido que abandonou a Pontevedra e que non ofrece nada porque non son cribles".
Tras repasar algunhas das propostas que foi debullando durante a campaña, como o seu compromiso coa creación de emprego, o impulso ao PXOM, o aumento da participación cidadá na xestión municipal ou a consulta cidadá sobre ENCE, Fernández pediu o voto para a súa candidatura por "sensatez e coherencia" e recordou que os socialistas son "responsables" das grandes transformacións da cidade.
O candidato do PSdeG-PSOE avanzou ademais, que á investigación que leva a Fiscalía sobre o sobrecoste de Pasarón, denunciado por el mesmo e cuxo responsable, sinalou, é a "sociedade Louzán-Lores"; sumarase proximamente un novo procedemento sobre o Sexto Edificio do Museo que custou o dobre do previsto. "Así é como manexan algún os cartos públicos e por iso é tan importante votar ao PSOE, para botar ao PP da Deputación, concluíu.
A anécdota do mitin produciuse cando, nada máis tomar a palabra Agustín Fernández, un espontáneo subiuse ao alto da fonte da Peregrina e acompañou o seu discurso con xestos e espaventos cos que tratou de chancear sobre os aspectos que foi analizando o candidato socialista.
Relacionadas:
-
'Mini-mitin' do PSdeG-PSOE na Oliva para falar "cara a cara" cos pontevedreses
Por Redacción |
-
Agustín Fernández promete 'mimar' á hostalería, un piar "importante" do turismo na cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Tino Fernández saca peito coa xestión socialista no Concello
Por Redacción |
-
Pasarón entra en campaña: Tino Fernández pono como "exemplo do que non debe ser a política deportiva"
Por Redacción |