Lores, no mitin central do BNG: "As cidades que queren avanzar miran para o que se fai en Pontevedra"
Tiña o BNG o reto de encher o auditorio de Afundación -o de maior aforamento da cidade de Pontevedra- e logrouno de sobra. Miguel Anxo Fernández Lores, que opta ao seu quinto mandato como alcalde probablemente no seu mellor momento político, deuse un baño de masas entre os seus recuperando un formato, o de mitin, que salvo a excepción de Monte Porreiro fora desterrado da campaña nacionalista.
Co rap soando de fondo e con continuas referencias ao comic -foron moitos os que se referiron ao candidato como Lorix, o seu alter ego no papel-, Fernández Lores enarborou a bandeira do modelo urbano de Pontevedra para reiterar que "depende de nós" dar un paso adiante "aproveitando ás posibilidades que se abren cara o futuro". Algo que, dixo, só será posible cunha "maioría social" que avale o BNG.
"As cidades que queren avanzar miran para o que se fai en Pontevedra", sinalou o candidato do BNG, que lamentou que, pola súa banda, o resto de forzas políticas "propoñen que Pontevedra adopte as medidas fracasadas que as outras cidades queren abandonar". De aí, que reiterase que "o único que ten modelo, proxecto e iniciativas de futuro para Pontevedra enriba da mesa é o BNG".
Con respecto aos seus rivais nas urnas, Miguel Anxo Fernández Lores destacou que o panorama que presentan é "demoledor", asegurando que "o menos malo é o quen non di nada, agardando por se caen os votos televisivos ou madrileños".
A este respecto, cualificounos como "tristes e amargados" por non se alegrar dos premios á cidade ou non encaixar con humor o comic do BNG, ou de "falsos e fariseos" porque PSOE e PP culpen ao Concello das cifras do paro cando "son os mesmos que provocaron esta desfeita" dende o Goberno central.
A pesar de todo iso, Lores adiantou que "contra vento e marea" seguirán avanzando o modelo de cidade que se puxo en marcha hai dezaseis anos "entre todos os que lle queremos a Pontevedra".
XAVIER VENCE: "O QUE SE FAI EN PONTEVEDRA É 100% BNG"
No mitin participou tamén o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, que volveu destacar que Pontevedra é o "emblema" do modelo de goberno polo que apostan os nacionalistas para toda Galicia. "O que se fai en Pontevedra non é unha excepción, é 100% BNG, é a guía do que queremos facer en todos os concellos do país, un modelo que implantamos alí onde gobernamos", sinalou.
O dirixente nacionalista sinalou a "sintonía" de Lores coa xente da cidade, fronte a outros que "se deixan caer en campaña, porque só ven Galiza como unha despensa de votos", en relación ao mitin que tamén este venres protagonizou Mariano Rajoy en Pontevedra.
Vence afirmou que o próximo 24 de maio, os pontevedreses teñen a oportunidade de mandar unha "mensaxe clara" de rexeitamento ás políticas do PP, instando a "quitar do medio o que representa un Feijóo sempre submiso a Madrid e ás grandes empresas madrileñas, amigas de Rato, Aznar e Aguirre". Todos eles non fixeron nada por Pontevedra, criticou, "salvo enredar, como volven facer agora con Ence, porque parece que lles interesa a pasta".
Carme da Silva e Marcos Rodríguez foron os condutores deste acto, no que a música e os videos tiveron un gran protagonismo. Ademais, dirixíronse ao público mediante breves intervencións distintos membros da lista do BNG como Luís Bará, Demetrio Gómez, Alberto Oubiña, Anabel Gulías, Lola Dopico, Miguel Filgueira, Henrique Juncal, María Rodríguez e Pilar Comesaña.
Relacionadas:
-
"A Xunta presentouse ao premio de Dubái. Como non llo deron, Feijóo critícao. Debería caerlle a cara de vergonza"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Lores conta cos taxistas para establecer un transporte público a demanda no rural
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Tino Fernández saca peito coa xestión socialista no Concello
Por Redacción |
-
Lores xunta mulleres rurais para reafirmar o seu compromiso coa dinamización económica das parroquias
Por Redacción |
-
Máis de 300 mozos apoian a reelección de Lores como alcalde
Por Redacción |
-
Pontevedra conquista Nova York: "Sodes un modo de dicirlles a moitas cidades que podemos facer iso"
Por Alejandro Espiño |