María Biempica: "Nós apostamos por parques e eles apostan por lombos"
Por Mónica Patxot
O escritor pontevedrevés Rodrigo Cota entrevistou este xoves a María Biempica na Praza da Peregrina. Durante a entrevista fíxose un repaso da vida política da actual concelleira non adscrita, dende que entrou no Partido Popular ata a súa candidatura actual por Tod@s por Pontevedra.
Preguntada pola saída do seu anterior partido, Biempica asegurou que a súa decisión foi motivada pola falta de entendemento co actual líder do Partido Popular en Pontevedra: "Jacobo Moreira non ten proxecto. Sempre lle reprochei non loitar por Pontevedra, sempre facendo o que lle din dende Santiago".
Igualmente, Cota preguntou sobre o seu voto en contra a Lei del Aborto pormulgada por Gallardón. Biempica reclamou liberdade de voto dentro dos partidos cando se trata de temas de conciencia: "Por que todos temos que dicir mesmo a todo aínda que sexamos do mesmo partido? Iso non pasa na sociedade, non pasa no teu traballo, non pasa cos teus amigos, non pasa coa túa familia... Por que ten que pasar nos partidos? ".
Sobre o partido Tod@s por Pontevedra, Biempica insitiu en que ten "un grande equipo de diversos ámbitos profesionais que están preparados para afrontar o que veña e que te ganas de traballar por Pontevedra. Así quedou patente no programa, no que realizamos un gran traballo e é nosa gran baza".
En liña co programa, dixo que unha das súas grandes apostas é loitar contra o desemprego e construír unha cidade con futuro: "Temos un plan serio e apostamos pola innovación, ademais dun plan estratéxico pensando no medio prazo". Tamén falou do seu modelo de parque para Pontevedra: "pradeairas de herba para gozar, relaxarse e descansar, ao estilo do que xa teñen en Londres con Hyde Park ou en Madrid con El Retiro". Aproveitou este asunto para lanzar unha crítica ao Concello: "Nós apostamos por parques e eles apostan por lombos".
Sobre ese asunto dixo que "hai que rebaixar os lombos e eliminar algúns. Hai outros mecanismos para controlar a velocidade e non che estragan o coche".
Rodrigo Cota preguntou á candidata de Tod@s por Pontevedra sobre as outras opcións políticas que xurdiron en Pontevedra nos últimos tempos. "Tod@s por Pontevedra é o único partido que toma as súas decisións só en Pontevedra. Porque as decisións de Pontevedra se teñen que tomar en Pontevedra. Non dependemos nin de Santiago, nin de Madrid, nin de Cataluña. Dependemos só dos pontevedreses", dixo a candidata.
Para despedir o acto, o escritor pontevedrés fixo unha reflexión que aplaudiron os asistentes ao acto: "Ogallá todos os candidatos fosen tan valentes de expoñerse así: cun micro e diante dá xente. Sen nada máis".