Unha consulta popular sobre ENCE, proposta de Agustín Fernández sobre a continuidade da empresa na Ría
Por Redacción
O PSdeG-PSOE está decidido a dar un impulso á participación cidadá no próximo mandato. Así o reiterou este venres o seu candidato á Alcaldía, Agustín Fernández. E neste sentido avanzou que se o próximo día 24 de maio é elixido alcalde de Pontevedra convocará unha consulta popular sobre a permanencia de ENCE nas marismas de Lourizán.
A proposta forma parte das medidas de transparencia e bo goberno dos socialistas e queda encadrada no compromiso de elaborar nun prazo de tres meses a ordenanza reguladora desta consulta, unha posibilidade que aparece legalmente contemplada na Lei de Bases de Réxime Local.
Agustín Fernández explicou que ENCE é un asunto que "sempre está na campaña electoral e se repite constantemente no debate social" e por iso entende que os cidadáns "teñen dereito a decidir se quere un futuro para os seus fillos con ENCE na ría ou fóra da ría".
Aínda que reiterou que o PSdeG-PSOE sobre o fondo do asunto "está clara" e que faría campaña a favor da súa saída da ría no 2018, Fernández insistiu en que "cómpre ser valentes e darlle voz aos cidadáns, sen medo a que falen nos asuntos transcendentes da cidade, máis alá dos intereses que poidan ter algúns partidos políticos ou determinados grupos empresariais".
OUTRAS MEDIDAS
Ademais, o candidato socialista adiantou que aposta por crear a figura do "concelleiro 26", de forma que calquera veciño poida formular rogos e preguntas no Pleno; e aceptarán que se poidan presentarse iniciativas populares, é dicir, que os cidadáns debidamente organizados e recollendo un número determinado de sinaturas poderán levar mocións ao Pleno para que se debatan e se adopten acordos vinculantes.
Relacionadas:
-
Besteiro (PSdeG-PSOE): "O binomio Rajoy-Feijóo foi absolutamente letal para as políticas sociais"
Por Alejandro Espiño |
-
Un portal de transparencia e orzamentos participativos, medidas do PSdeG-PSOE para un “bo goberno”
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE teme un pacto entre o BNG e o PP para montar a planta de compostaxe tras as eleccións
Por Cristina Saiz & Elsa Juliá Sánchez |