Un portal de transparencia e orzamentos participativos, medidas do PSdeG-PSOE para un “bo goberno”
Por Alejandro Espiño
O PSdeG-PSOE promete incrementar a participación cidadá dos pontevedreses se accede ao goberno municipal tras o 24 de maio. O seu candidato, Agustín Fernández, avanzou este mércores que incluirá no seu programa dúas medidas coas que espera superar o "desapego" da xente cara á política. Aposta por poñer en marcha un portal de transparencia e por elaborar os presupostos municipais contando coas achegas dos cidadáns.
Neste sentido, Agustín Fernández explicou que ese portal de transparencia, que estaría dispoñible a través da páxina web do Concello, serviría para publicar, por exemplo, a remuneración dos concelleiros ou a súa situación económica e patrimonial. Ademais, tamén se podería acceder ás resolucións de subvencións e convocatorias, así como aos diferentes contratos con provedores.
"A idea é que todo aquelo que teña vida dentro do Concello sexa coñecido polos cidadáns de forma inmediata", sinalou o candidato socialista. Os socialistas entenden necesario que se retransmitan por Internet os plenos municipais, para que "todos os veciños poidan ver os posicionamentos de cada que sobre os asuntos que lle poidan interesar".
Pola súa banda, Iván Puentes -número 3 da candidatura do PSdeG-PSOE- foi o encargado de detallar a proposta para impulsar os presupostos participativos en Pontevedra. "Sempre é polémico a que se destinan os cartos e por iso queremos que sexan os cidadáns os que decidan", indicou ás portas de Michelena 30, o edificio no que se encontran actualmente as dependencias municipais.
Será un traballo, dixo, que durará todo o ano. Nunha primeira fase, cada veciño a título individual presentará a través do portal de transparencia ou mediante un papel físico as obras e actuacións que consideren máis necesarias para a zona na que reside. Posteriormente un equipo técnico municipal avaliará cada unha destas propostas, as presupostará e verá se é posible executalas.
Nunha terceira fase, as asembleas veciñais de barrios e parroquias recibirán os devanditos informes e priorizará cada un dos investimentos en función do interese colectivo. Esa lista será enviada ao Concello e este comprometeríase a respectala e incluíla no presuposto. Finalmente, os veciños designarán delegados por barrios, que serán os encargados de supervisar, xunto co goberno municipal, que se cumpren as obras planificadas.
Trátase en definitiva que os veciños de Pontevedra "decidan o modelo de cidade que necesitan", concluíu.
Relacionadas:
-
Unha consulta popular sobre ENCE, proposta de Agustín Fernández sobre a continuidade da empresa na Ría
Por Redacción |
-
Besteiro (PSdeG-PSOE): "O binomio Rajoy-Feijóo foi absolutamente letal para as políticas sociais"
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE teme un pacto entre o BNG e o PP para montar a planta de compostaxe tras as eleccións
Por Cristina Saiz & Elsa Juliá Sánchez |
-
Agustín Fernández promete o remate da rede de saneamento durante a visita a Santa María de Xeve
Por Redacción |
-
Agustín Fernández avoga polo diálogo coa Xunta para retomar a ampliación do Hospital Montecelo
Por Redacción |