"A única alternativa seria e sensata a Lores en Pontevedra é un alcalde do PSdeG-PSOE"
Por Alejandro Espiño
Non é a primeira vez que Agustín Fernández (Pontevedra, 1957) está inmerso nunha contenda electoral, pero si debuta como candidato do seu "partido de toda a vida", o PSdeG-PSOE. Tras acompañar a Antón Louro hai catro anos, a retirada do ex delegado do Goberno da política municipal abriulle as portas para que sexa el a persoa elixida polos socialistas para pelexar pola Alcaldía na capital da provincia.
Intentará mellorar os resultados logrados en 2011, cando o PSdeG-PSOE retivo tan só tres dos seis concelleiros que tiña. Pero Agustín Fernández, que asegura ser "optimista" ao respecto das aspiracións da candidatura socialista, apunta máis alto. A pesar de que as enquisas non lle son moi favorables, afirma que "aspiramos a gañar as eleccións" e chega a sinalar que a única alternativa "seria e sensata" a Lores sería un alcalde do PSOE.
Como prepara o PSdeG-PSOE unha campaña electoral no medio deste ambiente político tan convulso a nivel nacional?
É bastante complicado, porque o panorama político está moi volátil. Calquera cousa que fagan ou que digan en Madrid ten unha influencia enorme en campaña. É difícil formular unha campaña dende o punto de vista tradicional. Hai que innovar e hai que intentar ser o máis próximo e crible aos cidadáns. As campañas de antes, onde se prometía todo, se remataron. A xente é máis selectiva, está máis suspicaz e temos que ser máis serios e rigorosos. Pero eu nese campo síntome moi cómodo.
Estás contento coa candidatura que formastes?
Creo que é unha declaración de intencións. Fronte a outras propostas que están anquilosadas en listas do pasado e sen ningunha renovación, nós cremos que Pontevedra necesita savia fresca, xente nova, con moita máis ilusión da que poidan achegar outros. Son xente que a pesar da súa xuventude acumulan unha bagaxe e unha experiencia política importante. Temos un importante legado de xuventude e experiencia, que é o que nos demandaban os cidadáns. Vainos beneficiar e vai prexudicar a quen non o faga.
Antes de entrar no voso programa electoral, vouche pedir que mires atrás. Que resumo farías deste último mandato?
Aínda que pareza unha inmodestia, cando se recorde este mandato o que se vai recordar é o que se fixo dende as concellarías socialistas. Vaise recordar o esforzo que se fixo en promover a actividade económica a través de eventos deportivos, feiras ou congresos. Fomos capaces de crear unha marca Pontevedra moi importante, colocándonos nun lugar de prestixio en Europa, pero non por un evento illado senón pola capacidade organizativa. É o mellor legado que podemos transmitir aos que veñan, que ogallá sexamos nós.
Cal é a principal preocupación do PSdeG-PSOE en Pontevedra?
A principal preocupación é que hai máis de 8.000 parados, segundo os datos oficiais. É unha cifra alta, unha barbaridade nunha poboación de 83.000 persoas. É un drama para eles e as súas familias e ese será o eixe central da campaña e da política que poidamos facer dende o goberno municipal de Pontevedra. Non podemos escudarnos en que non temos competencias e que corresponde a outros, ou como dixo o alcalde en que sexa demagoxia. Non o é.
E que propoñedes facer se accededes á Alcaldía tras o 24 de maio?
Nós si cremos que se poden facer moitas cousas, de forma directa ou indirecta. De forma indirecta, aprobando un novo PXOM porque ordena a cidade que nós queremos que sexa e, entre outras cousas, ordena o chan industrial e comercial. Desta crise sairemos e temos que ser capaz de ofertar ás empresas e emprendedores chan barato para que se poidan ofertar aquí. E necesitamos un porto seco en Leborei para complementar o porto.
"Aínda que pareza unha inmodestia, cando se recorde este mandato o que se vai recordar é o que se fixo dende as concellarías socialistas"
De forma directa, hai que seguir a senda que xa iniciamos con cursos de formación e con plans de emprego que queremos que sexan máis importantes no futuro. Ademais, defendemos axudas directas a empresas para fomentar a contratación, a contratación directa na medida do posible ou rebaixas fiscais e exencións para os emprendedores que queiran iniciar a súa actividade en Pontevedra ou para as empresas que estean aquí. Son medidas que se puxeron en marcha noutros sitios e que están a funcionar ben.
Oíndote falar así, a xente pode pensar que esta postura non casa co voso rexeitamento á continuidade de ENCE...
A utilización demagóxica do emprego e ENCE é noxenta. Seguimos estando en contra por coherencia, temos unha postura do Parlamento que di que ni ano 2018 ENCE tense que ir, un acordo que non foi revogado. E hai unha cuestión legal, a lei de costas di que se ten que ir. Non hai discusión posible, hai que facer cumprir a lei. Cando se fala de prórroga esquécesenos que hai un proceso de recuperación dos terreos abertos que ten que rematar en outubro de 2015 e xa veremos que di ese procedemento.
Non vexo como se pode prorrogar unha concesión a unha empresa se se demostra que incumpriu as cláusulas da devandita concesión. O que temos que facer é poñernos a pensar e traballar en cal é o futuro de Pontevedra tras ENCE, porque ten que habelo. Aquí, por desgracia, pecharon moitas empresas e os traballadores buscáronse novas ocupacións. Temos tres anos por diante, aproveitémolos entre todos e busquemos as mellores solucións.
Propoño que todas as administracións nos sentemos a falar con sensatez, con rigorosidade e con lealdade para buscar as alternativas a ENCE no futuro de Pontevedra, porque temos que solucionar o problema dos traballadores tanto directos coma indirectos. Non poden esquecernos deles. En lugar de estar a tirarnos os trastes á cabeza e asubiar mentres miramos para outro lado, as administracións temos que traballar coordinadamente, que é o que nos piden os cidadáns.
E tampouco estades de acordo coa construción da planta de compostaxe.
Hai unha guerra semántica que creo que imos perdendo. Baixo a denominación de planta de compostaxe, o que se esconde é unha planta de tratamento de residuos. Así está escrito no protocolo. Van traer para os montes de Pontevedra o lixo de 21 concellos da provincia. Encaixa perfectamente co plan de residuos da Xunta.
Dende o punto de ecolóxico, o monte está para ser gozado. Non pode ser que digamos coa boca grande que queremos recuperar as marismas de Lourizán e ao mesmo tempo que queremos destruír un espazo físico máis ou menos similar. Iso é incompatible. Se queremos ir á compostaxe, usemos os espazos que hai para iso, que son os polígonos industriais. É dicir, planta de compostaxe si pero nun polígono e dimensionar ao tamaño necesario.
"Hai unha parte importante deste modelo que forma parte do ADN socialista, pero o modelo de cidade é moito máis que peonalizar as rúas do centro"
Dende hai tempo reivindicades que o PSdeG-PSOE contribuíu o modelo de cidade, pero hai algo que cambiariades?
O concepto de cidade como está concibido ten unha parte importante de xestión do PSOE, dende o casco histórico ou a reforma de zonas como a Seca ou San Antoniño. Hai unha parte importante deste modelo que forma parte do ADN socialista, pero o modelo de cidade é moito máis que peonalizar as rúas do centro, significa estendelo a barrios periféricos e parroquias. E tamén facer que a xente se sinta cómoda en Pontevedra. É moito máis que gañar premios porque se poida pasear pola cidade.
Por exemplo, Pontevedra é unha cidade que expulsa moi ben os coches, pero tes grandes dificultades para entrar. Iso hai que varialo. Non se trata de meter no centro unha carga extensiva de coches, pero si de flexibilizar a súa entrada porque iso tamén xera actividade económica. Pontevedra ten un número de lombos excesivo. Hai que racionalizar o seu número e o seu tamaño. Non podemos crer que todo o que fixemos está ben porque o tempo e a dinámica vai demostrando que hai cousas que hai mellorar e corrixir, sen perder nunca o concepto de cidade que temos agora.
E dentro dese concepto que papel xoga a A-57?
É unha cuestión de sentimentos encontrados. Por un lado, a necesidade de que Pontevedra teña unha circunvalación que lle permita desafogar parte do tráfico pesado da cidade. Pero tamén é certo que os veciños sofren con esta estrada, porque por algún lado hai que metela. O que lles pediría é que ante a situación que hai, o que temos que facer todos é procurar que a obra que se faga sexa o menos daniña para o medio ambiente, que afecte o menos posible aos veciños e arrancarlle máis melloras o ministerio. Nunha obra tan importante, creo que é posible negociar que o impacto sexa o menor posible.
Ata hai catro anos, o rural era unha competencia socialista. Como o vedes actualmente?
Os cambios notáronos os veciños do rural. Pasouse dunha política de saneamento e alumeado a unha política de petanca. O que temos no rural son moitos lugares para xogar á petanca, pero non se avanzou nin un só metro en saneamento do rural, nin se fixo un plan realmente estratéxico. Houbo un parón inmenso e unha política de escaparate que non callou entre os veciños. Nós tiñamos unha política moito máis próxima, relacionada cos problemas reais da xente. Iso é o que pretendemos rescatar.
E é posible afrontar o saneamento ante a falta de entendemento coa Xunta?
Eu creo que é posible chegar a entendementos con todos. Hai que ter vontade para iso, Aquí se utilizou moito o enfrontamento co inimigo exterior para tapar vergoñas políticas. O labor dun alcalde non é estar a queixarse de se o reciben ou lle poñen atención, senón tender pontes con calquera administración. Creo que aquí o que hai é unha utilización perversa do enfrontamento para non dar explicacións das súas propias deficiencias. Eu estou convencido de que a Xunta se sentará a falar cun alcalde socialista.
"Hai unha liña vermella clara. Nós non imos pactar co PP. Somos as antípodas (...) Non favoreceremos en ningún caso que poida chegar a gobernar, baixo ningún concepto"
Nesa relación entre Pontevedra e a Xunta, que papel ten o voceiro do PP na cidade?
Eu creo que o voceiro do PP se caracteriza por ser o primeiro que non traballou para Pontevedra. Converteuse nunha carga para os seus, porque se dedica a defender os intereses do seu partido e non os dos cidadáns. Iso vaille pasar unha factura tan terrible que o PP vai sacar o peor resultado da súa historia e ademais o descarta como alternativa en Pontevedra. O votante serio e sensato de centro en Pontevedra ten que saber que a única alternativa a Lores é un alcalde do PSdeG-PSOE.
Se iso se produce, cal sería a túa primeira decisión como alcalde?
Convocar con carácter de urxencia o Consello Económico e Social e constituír unha mesa local de emprego para que se faga un estudo pola vía de urxencia das necesidades laborais de Pontevedra. A seguinte medida sería aprobar unha modificación de crédito moi importante para lanzar un plan de emprego e medidas de choque contra o paro. Iso faríase xa entre xuño e xullo deste ano.
Iso si, as enquisas non prognostican nada bo para o PSdeG-PSOE...
A nosa situación é complicada, hai que recoñecelo, porque vimos de ser unha forza minoritaria nun goberno e os que son maioría tenden a fagocitar o teu labor. Pero dende a anterior enquisa, alá polo mes de novembro, o único partido que mellora en intención de voto é o PSOE. BNG e PP veñen caendo e iso fainos pensar que co tirón da campaña, sacaremos un gran resultado. Somos tremendamente optimistas.
E chegado o momento pactariades con calquera partido?
Hai unha liña vermella clara. Nós non imos pactar co PP. Somos as antípodas. Fixo un estrago sistemático da clase media traballadora en España e non favoreceremos en ningún caso que poida chegar a gobernar, baixo ningún concepto. A partir de aí, nós esperamos a ser primeira forza. Aspiramos a gañar as eleccións e só despois falaremos de pactos. Pero reitero, o que temos claro é que non favoreceremos a chegada do PP ao poder. E menos en Pontevedra, onde non teñen proxecto ningún.