Agustín Fernández promete o remate da rede de saneamento durante a visita a Santa María de Xeve
Por Redacción
"Non se peatonalizará un metro cadrado máis do centro antes de finalizar a rede de saneamento", así de concluínte mostrouse Agustín Fernández, candidato á alcaldía de Pontevedra do PSOE na súa visita á parroquia de Santa María de Xeve durante este domingo 3. E engadiu que no próximo mandato a prioridade será finalizar a rede de saneamento do rural.
O cabeza de lista dos socialistas engadiu que é necesario negociar forte coa Xunta de Galicia para que se cumpra o protocolo de saneamento do rural, asinado polo ex-conselleiro Pachi Vázquez e paralizado polo actual Goberno galego. Fernández afirma que a Xunta recada 4 millóns de euros ao ano dos petos dos pontevedreses no canon de saneamento, destinado a financiar este tipo de obras. Neste sentido, indicou que resta por acometer un investimento de 10 millóns de euros, dos que o 70% debe achegalos a Xunta.
Segundo o candidato socialista, os veciños do rural pontevedrés non entenden como hai máis de 400.000 euros de fondos municipais para unha "suposta praza pública ante o Hospital e non hai partidas para completar a rede de saneamento".
Os socialistas pontevedreses presentaron o Plan de Acción para as 15 parroquias de Pontevedra, que se centra en ofrecer aos veciños do rural a mesma calidade de vida que aos do centro da cidade. Fernández recordou a necesidade de aprobar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para racionalizar a construción nos núcleos rurais e avanzou a posibilidade de declaralos como Áreas de Rehabilitación Específica, que permita contar con axudas públicas similares ás das Áreas de Rehabilitación Integral.
Atender o resto dos servizos públicos, mellorar a limpeza, a seguridade viaria, as actividades socioculturais e a atención sociosanitaria son outras das propostas do candidato do PSdeG-Psoe.
Relacionadas:
-
Besteiro (PSdeG-PSOE): "O binomio Rajoy-Feijóo foi absolutamente letal para as políticas sociais"
Por Alejandro Espiño |
-
Un portal de transparencia e orzamentos participativos, medidas do PSdeG-PSOE para un “bo goberno”
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Fernández avoga polo diálogo coa Xunta para retomar a ampliación do Hospital Montecelo
Por Redacción |