Agustín Fernández avoga polo diálogo coa Xunta para retomar a ampliación do Hospital Montecelo
Por Redacción
O candidato socialista á alcaldía de Pontevedra, Agustín Fernández, formula un gran pacto pola Sanidade pública na área de Pontevedra e volver apostar por retomar o proxecto do Hospital único en Montecelo, evitando o proxecto do novo hospital en Monte Carrasco que promove o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Fernández afirma que do mesmo xeito que a Xunta de Galicia e o Partido Popular cambiaron de postura en relación co futuro de Ence, o caso do Hospital resulta moito máis claro xa que, afirma, había un gran consenso social e político. Nese sentido, aposta polo diálogo e, se é necesario, pola mobilización cidadá.
Acompañado polo coordinador do programa socialista en materia sanitaria, o doutor Víctor Pedreira, o candidato do PSOE sinalou que o Hospital de Monte Carrasco foi prometido no ano 2009 e aínda non se presentou o seu Plan de Viabilidade. Agustín Fernández indicou que ampliar montecelo creando un Hospital único resulta máis económico.
Por outra parte, os socialistas apostan porque o Hospital Provincial se converta nun gran centro de consultas externas de todas as especialidades e un hospital de crónicos. Ademais, a Casa do Mar transformaríase nun ambulatorio que aliviaría ao Virxe Peregrina e ao da Parda.
Fernández lamentou a ausencia de investimentos por parte da Consellería de Sanidade en Pontevedra e puxo como exemplo a situación na que se encontra o Centro de Transfusión de Galicia situado na entrada de Urxencias do Hospital Provincial. Os socialistas denuncian que se trata dunha caseta de obra cun espazo ridículo para recoller as doazóns de sangue.
Víctor Pedreira tamén lamentou a política que desenvolve o Sergas ao reducir o cadro de persoal dos centros sanitarios públicos nun 6% durante os últimos anos.
Relacionadas:
-
Sanidade non renuncia ao hospital de Monte Carrasco e anuncia que "volveremos falar co Concello"
Por Diego Espiño |
-
Un portal de transparencia e orzamentos participativos, medidas do PSdeG-PSOE para un “bo goberno”
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Fernández promete o remate da rede de saneamento durante a visita a Santa María de Xeve
Por Redacción |
-
O PP asinará o convenio co Sergas para o hospital de Monte Carrasco se chega á Alcaldía
Por Redacción |
-
Agustín Fernández invita á Xunta de Galicia a retomar as obras sanitarias en Pontevedra "agora que o Sergas é rico"
Por Redacción |