Un transporte público intermunicipal, eixe principal das propostas de mobilidade de Marea Pontevedra
Pontevedra é a "gran rareza" entre as capitais españolas, segundo Marea Pontevedra, pola súa carencia de transporte público. De aí que os membros da candidatura cidadá situasen esta cuestión como eixe central do seu Plan de Transporte e Mobilidade para Pontevedra, presentado aos medios de comunicación este xoves e que se pode consultar de forma íntegra na súa páxina web.
Para Luis Rei, candidato de Marea Pontevedra á Alcaldía, a cidade ten un problema "importante" en materia de transporte público, ao que os "partidos da casta" non atenden. Este colectivo entende que contar cunha rede intermunicipal é "decisivo" nun concello como o pontevedrés, con 83.000 habitantes -moitos deles residentes na periferia- e os dos municipios limítrofes que acoden a el como cabeceira de comarca.
Pensando en emendar esta carencia, Marea Pontevedra propón crear unha rede de transporte intermunicipal, xestionada por unha empresa pública do Concello, que coordine as liñas existentes e explotadas por compañías privadas. Estaría baseada fundamentalmente en crear un circuíto circular que conecte as parroquias co centro e, á súa vez, que asegure a comunicación entre os diferentes puntos do rural.
Ademais, esta aposta polo autobús urbano -que debido ás dimensións da cidade se realizará mediante microbúses ou lanzadeiras- completaríase, segundo o plan deseñado por este colectivo, con áreas de aparcadoiro gratuíto nos catro puntos cardinais da cidade e na implantación de plans de transporte para todas as empresas de máis de 100 traballadores e para o polígono do Campiño.
Marea Pontevedra insta tamén a impulsar un tren de proximidade que unha as cidades de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía en franxas duns quince minutos, ou a liberalización total da autoestrada AP-9 para que actúe como "verdadeira" circunvalación. Tamén cren necesario un centro intermodal autobús-tren, unido á mellora de información aos usuarios, ou estudar a posible recuperación dun tranvía a Marín.
Por outra parte, o coordinador de Transporte e Mobilidade de Marea, José Antonio Ramírez, destacou que o Concello debería apostar polo coche eléctrico e dar exemplo" incorporando estes vehículos ao seu parque móbil e instalando electrolineiras. Ademais, tamén reclaman ampliar a frota de eurotaxis ou recuperar un servizo público de préstamo de bicicletas, ao estilo do falido 'Pilla Bici' pero cunha "mellor" distribución territorial.
Por último, Marea Pontevedra propón crear unha mesa de accesibilidade, formada por técnicos, usuarios, institucións e colectivos interesados, para consensuar as actuacións que realicen nesta cidade sobre esta materia.
Relacionadas:
-
As mareas de Pontevedra e Marín apostan por unha xestión conxunta e pública do lixo
Por Diego Espiño |
-
Marea Pontevedra financia a súa campaña coa venda de obras de estudantes de Belas Artes
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Luís Rei presenta a candidatura de Marea Pontevedra reivindicando o "republicanismo cívico"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
César Portela: "Cal é o modelo de cidade? O que nos levou ao actual caos urbanístico?"
Por Oskar Viéitez |
-
Marea propón un plan de emerxencia para as 17.000 persoas en risco de exclusión social de Pontevedra
Por Elsa Juliá Sánchez |