Yolanda Díaz e o salario mínimo: Unha estratexia necesaria ou unha obsesión perigosa?

15 de marzo 2025

Nos últimos anos, o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) converteuse nunha das pezas centrais da acción política e da promoción de Yolanda Díaz.

A vicepresidenta do Goberno, que na teoría ten fondo arraigamento sindical, defendeu con firmeza a suba constante do SMI como ferramenta clave para mellorar as condicións laborais da clase traballadora.

Ata aquí, nada que obxectar: un salario máis digno para os traballadores é sempre un obxectivo lexítimo e unha necesidade de converxencia con Europa.

O problema xorde cando este enfoque se converte nunha obsesión que esquece e aparta á negociación colectiva. Desarma ós sindicatos no día a día das empresas e non favorece o dialogo coa patronal.

As subas do SMI son necesarias, si, pero deberían estar acompañadas dun mecanismo que permita a súa incorporación máis progresiva e equilibrada nos convenios colectivos, garantindo un impacto sostible no tecido empresarial.

A política laboral de Díaz ten unha tendencia preocupante cara a unha uniformización do mercado de traballo, como se todas as empresas, sectores e territorios puidesen asumir o mesmo incremento sen consecuencias. Non é así.

A realidade da produción e a competitividade require flexibilidade e capacidade de adaptación. A sobre intervención estatal neste eido corre o risco de asfixiar a negociación entre empresarios e traballadores, que debe seguir sendo a verdadeira base do diálogo social e foi sempre unha fortaleza no noso Estado.

A suba do SMI, aplicada sen unha estratexia máis ampla, pode converterse nun problema serio para a competitividade das pemes, especialmente nun contexto de inflación e incerteza económica e coa presión do Trumpismo. Hoxe os profesionais de nivel case están no SMI e son os que aportan calidade e cualidades a nosa tan frouxa competitividade.

Ademais, o obxectivo de Yolanda Díaz parece ser levar o mercado laboral a un esquema case lineal, reducindo as diferenzas salariais entre traballadores cualificados e non cualificados. Isto des incentiva o esforzo, a formación e a innovación, elementos clave para o progreso económico.

O diálogo social é fundamental para construír un mercado laboral xusto e eficiente, e iso implica darlles espazo aos sindicatos e ao empresariado para negociar de maneira realista e sostible.

A política do BOE e os anuncios grandilocuentes dende o Goberno poden traer titulares favorables, pero non sempre constrúen unha economía forte a medio e longo prazo.

Subir o SMI si, pero con cabeza e co consenso de todos os actores sociais. Calquera outra cousa é populismo de curto percorrido, con custos que non se perciben.