Xosé, irmán, amigo, compañeiro, boa viaxe!
Gastou os mellores anos da vida como escolante no IES FREI SARMIENTO de Pontevedra.
Tamén nos deleitou na corda de tenores da Coral Polifónica de Pontevedra.
Xosé Ayán Díaz sufriu o ataque mortal do adenocarciloma de páncreas.
No longo postoperatorio tivo vagar para dicir.
E díxome, con naturalidade, que lle chegara a hora de facer a viaxe, de subirse na barca e de cruzar o río para a outra insua.
E faloume dos que o agardaban do outro lado. Recreouse recordando: o Ledo, o cuñado; o Xesús, un irmán; a Cecilia e o Xoán, os seus pais; a Neves, a madriña-tía; o neno Xesus-Manuel, un sobriño; e o Xosé, un tío falecido de quen leva o nome. De todos eles relatou cousas graciosas e dramáticas. A vida dá para todo.
Despois foivos nomeando a todos vós, amigos e compañeiros. (Uso o masculino porque a linguaxe está construída así. Nas súas amizades contaban as persoas, non o xénero das persoas). A un por un. E foi compartindo comigo as cousas do vivir e traballar con vós. Era algo así como se me estivese outorgando o testamento dos seus quereres e depositando en min os tesouros das súas amizades, para que, chegado o momento, volo entregase da súa parte.
Este Nadal cantou para a familia un fermoso florilexio co mellor do seu repertorio.
Sentimos que algo noso se foi co Pepiño e tamén que algo del sigue palpitando en de nós.
Os familiares e amigos convocámonos, para celebrar a súa amizade e despedilo na súa viaxe:
A un acto relixioso, na igrexa de S. Bartolomeo, o mércores día 9, ás 18,30 horas.
E a un banquete, que será cando as circunstancias o permitan.