Xornada semanal de 15 horas?

19 de enero 2024
Actualizada: 18 de junio

En 1930, o visionario economista J. Keynes previu unha semana laboral de 15 horas para 2030 e tamén prognosticou que as sociedades dos países desenvolvidos vivirían oito veces mellor que na súa época. É certo que dispoñemos de tecnoloxía suficiente para que se cumpran tales predicións. Porén, debemos ter en conta algunhas consideracións para achegarnos a ese panorama

A experiencia do teletraballo, o baile da flexibilidade laboral, a necesaria conciliación da vida persoal e profesional e a aparición da IA, mergúllanos nun remuíño laboral.

 

Agora, cun 5% máis no SMI e promesas de recortar as horas semanais de traballo, atopámonos ante unha reconstrución do escenario laboral. As novas tendencias desafían as fórmulas tradicionais, facendo fincapé na necesaria redefinición da nova era laboral.

 

En 1930, o visionario economista J. Keynes previu unha semana laboral de 15 horas para 2030 e tamén prognosticou que as sociedades dos países desenvolvidos vivirían oito veces mellor que na súa época. É certo que dispoñemos de tecnoloxía suficiente para que se cumpran tales predicións. Porén, debemos ter en conta algunhas consideracións para achegarnos a ese panorama.

 

- Menos horas, pero sen descontos! É fundamental que a redución de xornada sexa diaria, non semanal. Así, poderiamos conseguir unha mellora significativa da calidade de vida e unha mellor reorganización da atención diaria ás crianzas e aos maiores, que é preciso realizar todos os días e non só os fins de semana. Por outra banda, reducir a xornada, si, pero sen tocar os soldos.

 

- Repensar o mundo laboral,o que supón eliminar progresivamente aqueles traballos que o antropólogo D. Graeber denomina “traballos de merda”. Serían os que carecen de sentido, non aportan valor real á sociedade e son percibidos como inútiles ou prexudiciais, mesmo por quen os realiza.

 

Pero cales serían eses traballos? Só temos que imaxinar que sucedería se desaparecesen. Pensemos, por exemplo, nos fontaneiros, mecánicos, profesorado, persoal sanitario, traballadores portuarios, colectores de lixo, condutores... seguro que os efectos da súa extinción serían demoledores. Porén, son innumerables os traballos inútiles cuxa supresión permitiría vivir nun mundo máis soportable. Referímonos a aduladores, “asesores” que teñen como misión facer as tarefas do seu xefe, ou todo tipo de lacaios cuxa existencia só se xustifica para destacar a importancia doutras persoas. Seguramente tamén teriamos que incluír aquí vendedores de telemarketing, lobbystas, gurús do marketing, etc.

 É obvio que na actualidade a tecnoloxía permite que as máquinas realicen moitos traballos duros e tediosos, só temos que revisar a cantidade de trámites que realizamos hoxe a través dos teléfonos móbiles ou visitar unha fábrica de calquera tipo e observar. Non obstante, estes avances non parecen servir para reducir as 40 horas semanais, inventáronse un importante número de traballos inútiles para manter ocupada a xente en lugar de optar por unha redución drástica da xornada, mantendo os salarios.

Percibo que hai un medo enorme a avanzar cara a unha sociedade máis eficiente e produtiva pero coa poboación con moito tempo libre. En poucas palabras, traballar menos horas pode aumentar a produtividade por hora, reducir o estrés e mellorar a satisfacción laboral, o que é beneficioso para as empresas e para os traballadores e traballadoras. Supón aproveitar ese tempo adicional para o desenvolvemento persoal, gozar de momentos de máis calidade con outros seres, participar en proxectos colaborativos, explorar actividades artísticas ou simplemente recuperar a capacidade de non facer nada. Concibir a vida só en termos de traballo e entender a inactividade como un problema, debe transformarse. A inactividade non é unha forma de debilidade senón outra maneira de existencia intensa que hai que valorar.

 

- Renunciar ao consumismo desenfreado. É hora de afastarse do consumismo frenético. Moitos aínda ven o emprego como un fin en si mesmo, non como un medio para satisfacer necesidades e contribuír ao ben común. É urxente reflexionar sobre isto e explorar alternativas que reorganicen o traballo en prol do benestar.

 

Pero, optaremos por menos horas ou máis caprichos e praceres? A elección é nosa, e parece que, ata agora, optamos polos antollos. Graeber lanza unha proposta innovadora: a renda básica universal. Imaxina recibir un soldo sen requisitos, liberándonos da tiranía dos traballos inútiles para abrazar actividades máis relevantes. Parece utópico, non?

 

 - A gran pregunta: por que non traballamos só 3 horas ao día?

A pesar da nosa capacidade tecnolóxica, afrontamos un enorme reto, o da redución de xornada. A utopía de traballar menos parece distante, pero como dicía Carvalho Calero, “sen soños e utopías, a realidade tende a fosilizarse en formas esgotadas”.

 

Nesta revolución laboral, aferrámonos ao soño de Keynes: menos horas, máis vida. A era do traballo está cambiando, e quizais, en lugar de loitar contra ela, deberiamos abrazar a posibilidade de vivir mellor con menos traballo.