Volven os fielatos e, seguramente, o estraperlo

14 de abril 2025

Agora volve o fielato mundial, en vez de vilas son países. Ganou Donald Trump cunha construción de ideoloxía. A campaña baseada na mentira (Os inmigrantes comen os cans e os gatos dos norteamericanos)

Que levas en esa saia//que tanto valor lle dás?//Levo garavanzos e fabas //para ir estraperlar. (Popular cantada por Fuxan os Ventos)

Souben do fielato por miña avoa, Pepa A Chicha. Íamos no Castromil a Santiago, chegado o Camiño Novo dicíame: "aí estaba a caseta do fielato". Casetas nas que cobraban taxas, arbitrios ou impostos no trasfego das mercadorías. Estaban nas entradas das vilas e cidades. De xeito oficial era unha estación sanitaria por exercer as funcións de cobro e, tamén, de control sanitario. Daquela as cousas ían en carro polos camiños e corredoiras, era moi fácil o seu control. Os vendedores, das aldeas, intentaban eludir a vixilancia para meter os produtos nas vilas, en moitos casos esas ganancias eran o sustento da familia. Así apareceron os "matuteiros" que levaban as cousas ao lombo por camiños alternativos. Máis adiante o nome de "matute" foi cambiado polo de "estraperlo". Sempre poucas cantidades de bens que estaban sometidos a taxas ou a racionamento. En Pontevedra foi sonado o motín do 25 de xullo de 1892 no fielato da Ponte do Burgo. Unha vendedora de leite que non estaba de acordo co imposto, empezou a discusión, xuntáronse máis, a cousa complicouse. O gobernador civil González Besada e o alcalde Cobián Areal non conseguiron controlalo e declarouse o estado de sitio. Pontevedra foi tomada por sete compañías do Regimiento de Infantería Murcia, Carabineros e Garda Civís, de Santiago, a cabalo, 900 efectivos para controlar 400 vendedoras. Aos dous días levantouse o estado de sitio, mais conseguiron que se baixaran os impostos.

Agora volve o fielato mundial, en vez de vilas son países. Ganou Donald Trump cunha construción de ideoloxía. A campaña baseada na mentira (Os inmigrantes comen os cans e os gatos dos norteamericanos). Apoiado polas redes sociais sen controis, dispostas a difundir as mensaxes . Para eles todo ía mal, non había liberdade. Sabemos que nunca houbo tanto desenvolvemento de dereitos, avances sociais, sanitarios, industriais ou tecnolóxicos como agora. Convenceu a 77 millóns de persoas que os EEUU foron maltratados polo resto dos países do mundo. Estendeu o Make America Great Again (Fai ao EEUU grande outra vez). Ven cargado de odio e rancor. Desprende hostilidade ao que non sexa americano, branco, e rico. Comeza a imposicións de aranceis "urbi et orbi". Viña avisando do que ía facer, mais Europa (os dirixentes) pensaban que non se ía atrever a facelo. Fíxoo.

Levamos máis de 80 anos confiando que o pastor (EEUU) protexía ás ovellas (Europa) do lobo (Rusia e antes URSS), ao final vemos que quen quere comer ás ovellas é o pastor. Todo por non querer ser pastores do noso. Leo, vexo e escoito opinións de todo tipo ao respecto. Non son capaz de ter nada claro. O que sei é que o cambio de paradigma, desaparición da globalización, está en mans dun abusón de recreo, prepotente e vingativo, resumindo: en mans dun mafioso.Trump non é un tolo, como din algúns, el e os seus teñen un plan. Comezou unha cruzada colonialista para estrangular as nosas economías. Trump acabou, ou está a acabar, co bloque occidental. Temos, agora unha moratoria de 90 días, inventou os aranceis yo-yó. Os arbitrios dos fielatos son "pataca menuda", que diría Caneda, comparada con estes aranceis. A idea de Trump é eliminar o que representa a Unión Europea nos termos de igualdade, regulación e normas. Vese nas incursións de Elon Musk na política Europea e a quen apoia .

O premio Nobel Paul Krugmandixo nun artigo : "Trump Is Stupid, Erratic and Weak" (Trump é estúpido, errático e débil), para engadir a continuación, "calquera que pense que as políticas de Trump están a axudar debería manterse afastado de obxectos afiados e prohibirlle operar maquinaria pesada". Asústame, que lle vou facer, dáme medo que isto acabe como o motín das leiteiras na Ponte do Burgo e teñamos un "estado de sitio". Para aliviar este medo teño o consolo de que os EEUU é o país máis endebedado do mundo e esa débeda está en mans doutros países como se ve estes días en Wall Street e tamén sabemos que en todos os lados cando os multimillonarios perden moito diñeiro piden papas.