Violencia de xénero, vulnerabilidade, Nadal e saúde mental

14 de diciembre 2024

Chegou Decembro, e con el, un auténtico inferno para moitas vítimas de violencia de xénero, e en xeral para todas as persoas en situación de vulnerabilidade, que, por diferentes circunstancias, fai que acusen aínda máis a súa xa precaria e delicada situación habitual, que se lles presenta cunha crueza que é certamente moi difícil de soportar e que as pon ao borde do abismo.

Hai xa moito tempo que eu adquirín a tal vez non moi politicamente correcto, pero creo que prudente costume, de non preguntarlle a ninguén como van pasar estas festas, nas que semella que hai que ser moi feliz por decreto lei, nin con quen, nin onde, porque sei que facelo é, en moitos casos, como botar sal nunha ferida aberta.

Se lles apetece contalo espontaneamente, perfecto, do contrario, é un tema que non toco, porque sei o que facelo pode chegar a doer, e abondo teñen, ou temos, porque, quen máis, quen menos, gardamos os nosos pantasmas, con soportar toda a posta en escena de felicidade absoluta, de consumismo desenfreado, de "familias de anuncio" que, despois de non amosar nin o menor interese uns polos outros ou, directamente, non soportarse o resto do ano, de súpeto, adóranse, porque hai que amosarlle ao mundo, principalmente a través das fotos nas redes, que son, como sempre din, "unha piña", que é a expresión de rigor, que comparten lagostinos, turrón, champán e panxoliñas.

Mesmo aqueles que se declaran ateos convencidos e non respectan para nada as crenzas alleas entran nunha especie de fervor de Nadal que non lles impide celebrar todo aquilo do que renegan ata novembro.

E que dicir cando nos contan os centos, centos e máis centos de euros que lapidan, ou din lapidar, nestes poucos días en agasallos, banquetes e demais?

O certo é que, por moito que un desexe abstraerse do que, nunha gran maioría dos casos, é puro teatro, é complicado facelo, e, cando se está a vivir ao límite, económica e emocionalmente, sen apoios, sen, en moitos casos, un núcleo familiar, e sen ver saída por ningures, son uns días moi difíciles de superar. Moito.

Eu mesma estou moi farta de soportar o "terceiro grao" ao que me somete, ou tenta someterme, moita xente, preguntándome unha e outra vez onde vou pasar estes días, con quen, como... ou, o que é peor, dicíndome como tería que facelo. Afortunadamente, xa hai tempo que aprendín a bregar con todo isto, e, malia que procuro ser todo o educada que a miña paciencia me deixa, corto de raíz co tema e fago, obviamente, o que considero máis oportuno.

É a miña vida e a ninguén lle importa como a vivo, soa, acompañada, vestida de gala ou cun pixama de felpa, comendo lagostinos ou un par de ovos fritidos que ben bos que están, e non lle debo explicacións a ninguén, ata aí poderíamos chegar.

Non obstante, todo isto, que pode soar mesmo un chisco irónico, pode carrexar consecuencias xa non tristes, senón mesmo tráxicas, en persoas que, como dicía, están a pasalo francamente mal.

E non podo deixar de observar, ou máis ben de comprobar, como moitos e moitas deses defensores de tantas causas, que tanto festexan as datas D, se unen a este comportamento no que a sensibilidade e a empatía brillan pola súa ausencia, e entre eles están os que non hai tantas semanas reclamaban atención e recursos para a saúde mental, que, nestas semanas, para moitas persoas, se vai ver seriamente comprometida.

Curiosamente, ata o 7 de xaneiro, esquecen esa causa pola que tanto din loitar e para a que reclaman recursos, cando eles non son quen de utilizar os únicos que son gratis, e que máis se agradecerían: discreción, tacto, un mínimo de sensibilidade e, por suposto, non meter os fociños onde ninguén os chama.

A soidade, o desgarro, e neste caso estou a falar das vítimas de violencia de xénero, de ter que deixar marchar aos fillos co proxenitor que as maltratou, o saberse desprotexidas cando máis perigo corren, porque así van estar, desprotexidas, as tensións que van xurdir nos fogares, ou, mellor dito, nas casas, porque realmente fogares non son, daquelas que aínda conviven cos seus agresores, as xuntanzas con familiares que, lonxe de axudar, o único que fan é aumentar a tensión que xa existe habitualmente, o non poder mercar nin un triste agasallo para os seus fillos e fillas no caso de tantas e tantas persoas sen recursos económicos... e un longo etc. fan que as depresións, a angustia, a ansiedade, sexan os seus únicos compañeiros nestes días, e poden conducir a un final tráxico.

Onte mesmo, escoitando a unha muller das que tentamos axudar en "Si, hai saída", que choraba porque estará, coma tantas outras, soa, xa que os seus nenos teñen que ir co seu pai, que non conta con recursos, e, aínda por riba, ten que soportar todas esas faltas de tacto ás que me referín, non sabendo xa moi ben que dicirlle para consolala, agás que non é a única e que eu mesma, sen ir máis lonxe, tamén teño as miñas, algo que, por certo, lle causou moito asombro, xa que di que non dou para nada esa imaxe, optei por entrar no Facebook e contarlle, en referencia a 2 ou 3 persoas ás que coñezo, que levan xa semanas provocándonos "hiperglucemia navideña", cales eran realmente as súas circunstancias reais, alomenos en canto a relacións familiares, e que é máis, sospeitaba que os lagostinos, turróns e demais eran de plástico e que, despois de sacalos nas fotos en redes sociais, os gardaban nun caixón cando as festas remataban, para facer o mesmo en anos vindeiros.

Ademais, recordeille: "Mira o lado positivo, nestes días ninguén nos vai reclamar as posibles débedas, así que, se non nos dá para champán, sempre nos queda a socorrida auga con gas, e a liberdade, dentro das nosas limitadas posibilidades, de facer o que nos pete, mesmo o de poñer o pixama, como dixen antes, e fritir os ovos, e xa, de postas a meternos en gastos, unha pataquiña, e malo será que non atopemos unha canle de TV na que sigan botando culebróns turcos, que son moi malos, si, pero tampouco fan pensar".

Cuestión de saber adaptarse, e de exercitar iso que tanto nomean algúns dos que se preocupan tanto pola saúde mental o resto do ano: a resiliencia, algo no que moitos e moitas somos, e perdoade se soa pedante, auténticos virtuosos.

Gustaríame poder axudala, a ela e a moitas máis persoas, mellor e dun xeito máis práctico e eficaz, pero, alomenos, conseguín, iso si, arrancarlle un sorriso e unha risa despois. Mellor dito, rimos xuntas.

Non teremos un Nadal de Facebook, pero momentos así pagan a pena.

Asociación Si, hai saída