É alucinante comprobar como cada ano medra máis o oportunismo, o postureo descarado, que se xera co gallo do 25N, que transforma unha lacra tan letal nun espectáculo para lucimento dos e, o máis doloroso, das de sempre, que ven coma os seus petos e as súas arcas se enchen máis e máis, mentres moitas vítimas da violencia machista non poden saír dela por, entre outras razóns, non poder contar cos recursos máis elementais para poder sobrevivir elas e os seus fillos e fillas nos casos de que os teñan.
E xa non falemos do eido político. De todo hai, certamente, coma en todas as partes, pero a evidente utilización que fan, se trate da cor que se trate, da violencia de xénero, é, sinxelamente, escandalosa.
Claro que isto é algo que a ninguén sorprende, que se aceptou e normalizou xa hai moito tempo, e que os sentimentos das propias vítimas non é algo que pague a pena ter en conta. Se os seus espectáculos, as súas postas en escena, lles molestan ou fan medrar a súa dor, alá elas. A quen lle importa?
Un exemplo ben patente disto foi o que se escoitou o pasado mércores no Parlamento Galego.
De todos é sabido que, desde Si, hai saída, levamos case 11 anos, que xa son anos, reclamando unha revisión do sistema Viogén, o test de valoración de risco que se fai ás vítimas que acoden a denunciar, e das medidas de protección adoptadas posteriormente, se é que se adoptan, pero que, á vista está, de pouco ou nada serven, como demostra claramente o cada vez máis elevado número de mulleres que, malia estar incluídas neste sistema e ter ordes de afastamento ou de protección en vigor, son igualmente asasinadas.
Pois ben, o pasado mércores, como dicimos, foi como se, de súpeto, todas as cores políticas descubriran tan grave eiva e, en case todas as intervencións, puidemos escoitar como se reclamaba enerxicamente a revisión do Viogén e a súa reforma, como se os seus evidentes fallos foran algo novo.
E, desde Si, hai saída, "ojipláticos" perdidos, entre asombrados e indignados, non podiamos deixar de preguntarnos se esta xente sabía do que estaban a falar (pregunta retórica, por suposto) porque, escoitando os seus argumentos, soaba como se a solución pasara por modificar algúns aspectos do programa, e punto, todo arranxado e a outra cousa.
O que ninguén mencionou ou todos "esqueceron", como sempre sucede, é que de nada serven cantas reformas se fagan se non se comeza por abordar a auténtica raíz do problema: a protección ás vítimas e o seguimento a elas e aos seus agresores.
Porque, señoras e señores políticos, pensemos coa cabeciña, se non é demasiado pedir. Deixen por un só intre de pensar no seu embigo e empreguen o sentido común.
O Viogén non vai deixar de ser un programa informático, por moito que se reforme e se perfeccione, e de nada vai servir se a resposta dos encargados de vixiar e protexer as vítimas non responde do xeito correcto, ou, directamente, non o fan.
O mesmo se pode dicir con respecto aos dispositivos electrónicos que se lles dan a aquelas que presentan un nivel de risco extremo e aos seus agresores.
De que lles vale ás vítimas que o dispositivo soe ata acabar cos seus nervios, se ninguén acode ante esa alerta? O Viogén e os dispositivos non van, obviamente, facer o traballo dos axentes encargados de acudir a esa alerta para protexelas. Ningún test, nin ningún aparello, teñen nin a máis mínima efectividade se falla o factor humano, e falla, falla moito, estrepitosamente.
Outra cousa é que se corra unha cortina de fume e se tente tapar.
Non escoitamos a ninguén reclamar, por exemplo, que, cando xa temos o Nadal cerca, as UFAM non queden baleiras, coma sempre sucede, precisamente nunhas datas cando o risco de episodios de violencia machista aumenta de xeito máis que notable, algo que tamén reclamamos e sobre o que alertamos desde Si, hai saída ano tras ano, e ao que se fai caso omiso. Ía dicir sen que se tome medida algunha, pero mentiría. Hai unha que si se tomou e que se leva á práctica escrupulosamente: quitarnos a nós do medio para que non incordiemos nin con este nin con ningún outro asunto que deixe en evidencia que as cousas non se están a facer ben.
É por isto polo que, ao comezo deste artigo, digo que de non ser por tratarse de algo tan doloroso como a violencia de xénero, as "demandas" dos políticos serían para rir, porque falan do Viogén coma se se tratara dun aparello ao que se lle cambia unha peza e, a partir dese momento, fora a solución a todos os males.
Vaia, e con todo o respecto o digo, que é evidente que todos aprenderon a teoría para soltala no Parlamento, nos actos institucionais ou onde consideren oportuno, pero que de coñecemento da realidade andan máis ben escasos, por non dicir que, nalgún caso, son practicamente nulos.
Estes días, co gallo do 25N, sucederanse os actos institucionais, as manifestacións, as aparicións públicas de colectivos que din traballar para erradicar a violencia machista, e que cobran, ademais, por isto, pero, un ano máis, o auténtico problema, a raíz da que nace, seguirá sen abordarse.
Para o equipo de Si, hai saída son días difíciles, moi difíciles, porque como ben é sabido, o noso contacto coas vítimas é diario, coñecemos as súas dolorosas circunstancias de primeira man, e, porén, tamén o que pensan deste tipo de actos.
É unha burla ver, algo que non é tan difícil, a algún representante institucional que, no seu día a día, claramente demostra que considera a violencia de xénero coma un delito claramente secundario, de menor categoría, ou mesmo o ignora, aparecer nos eventos que se suceden nestas datas, cun estudado xesto de dor que está, e todos o sabemos, moi lonxe de sentir.
As "reivindicacións" feitas no Parlamento Galego son unha das mostras máis evidentes do seu descoñecemento do auténtico alcance do problema, e mal imos, moi mal, se as vidas de tantas mulleres, de tantas nenas e nenos, están nas mans daqueles que dan por sentado que modificar un programa informático, por si só, vai axudar a salvalos.
E, para iso, polo momento, non se albisca ningunha vontade. Moi cru, pero real.