Con gran pesar, non por inesperado, recibín o pasamento de Víctor Blanco Freijeiro. Coincido con todas as apreciacións que nos días posteriores ao seu óbito se realizaron nas redes sociais.

Víctor levaba nunha lousa, mais con fachenda, de ser fillo e irmán de dous persoeiros de transcendencia histórica que lle levou nos últimos anos da súa vida exercer de valedor en manter o interesante legado familiar, entre elas como promotor das Xornadas de Historia “Blanco Freixeiro”.

Coñecino no seu traballo a finais dos anos 80, mais daquela non era consciente de quen era, até que anos máis tarde decateime do fondo lazo que nos unía.

Doulle as grazas por toda axuda recibida e sobre todo porque me transmitiu historias da miña familia que descoñecía, algunha tan entrañábel como aquela mañá tan tráxica do 12 de xullo de 1937 na que despois de ser fusilado o meu tío-avó Juan as primeiras persoas que se presentaron na casa dos meus bisavós foron o seu pai Blanco Porto e o galeguista Iglesias Vilarelle, nun intre en que acudir a unha casa de “rojos” era toda unha ousadía.

Persoa afábel, era un pracer poder falar de historia contemporánea e dialogar desde a equidistancia ideolóxica que tiñamos. Abur amigo!!! (agora si).