Se de verdade teñen vostedes dignidade, marchen

02 de noviembre 2024

Se de verdade a Xustiza é igual para todos, que actúe en consecuencia

Quixo a casualidade, tráxica casualidade, que se leva cobrado xa máis de 200 vidas, da DANA máis devastadora que se recorda en España (e, aproveitarmos, desde aquí, unha vez máis, para trasladar, desde Si, hai saída todo o noso agarimo e apoio aos afectados) que se desviara, polo momento, a atención do deplorable e noxento caso Errejón, algo que, nun máis que triste paradoxo, hai que admitir que beneficia a todos os implicados, que non son poucos.

Non obstante, en Si, hai saída, malia que somos conscientes de que temos a mesma importancia que unha pinga de auga no océano, seguimos moi atentos e non o perdemos de vista, porque se calquera caso de violencia sobre a muller é sanguento, o certo é que neste se dan unhas connotacións que, para ben ou para mal, van deixar constancia do que hai realmente detrás desa suposta loita contra a violencia de xénero que desde os eidos políticos, especialmente desde algúns deles, nos queren facer ver e crer, e da enorme mentira que é.

Unha auténtica estafa moral e unha aldraxe ás vítimas, aos seus fillos e fillas, cuxa dor desprezan totalmente en favor dos seus intereses. Isto é o que agochan a maioría de proclamas políticas e as arengas dos seus líderes e acólitos, que, aínda por riba, se lucran dunha das maiores lacras, e que máis vidas cobra.

Temos, por unha banda, ao, polo momento, non o esquezamos, aínda presunto culpable, o propio Íñigo Errejón.

Pola outra, a "líder" deste penoso asunto, a Sra. Fallarás, que un bo día decatouse de que isto de ser cada vez máis anónima non lle ía en absoluto, e que, ademais, os petos que se van baleirando precisan "combustible", con independencia da culpabilidade ou non de Errejón, polo que decidiu utilizar esa bomba de reloxería que, segundo ela, tiña agochada no faiado desde hai moito tempo, en forma de mensaxes anónimas de moitas mulleres que acusaban o político de toda clase de aberracións sexuais, e facela estalar, pero non toda de golpe, non, senón en diversas detonacións, que lle vaian garantindo atención e ingresos, e cunha gran habilidade, iso hai que recoñecerllo, para maquillar o seu oportunismo de implicación.

Seguimos coas dúas, ata o momento, denunciantes, e non vou incidir máis neste punto, porque para iso está a xustiza. Eu teño, como é lóxico e sempre digo, a miña opinión persoal, pero é, xustamente, iso, persoal. Deixemos que as leis e a xustiza fagan o seu traballo.

E, para rematar, temos a parte máis importante deste elenco de protagonistas, máis importante mesmo que o propio Errejón, que é a de toda a súa contorna política, os seus compañeiros e compañeiras de fatigas, de Más Madrid, de Sumar, coa mesmísima vicepresidenta segunda do goberno á fronte, eses mesmos que utilizan a violencia de xénero cando e como lles interesa, cando lles beneficia e cando cren que lles vai axudar a conseguir votos.

Todos eles, do primeiro ao último, Dna. Yolanda Díaz incluída, por suposto, son, ademais de cómplices de Errejón, autores dun delito máis que obvio, evidente, e que, de feito, están confesando. Todos eles poden ser responsables penais, todos incorreron nun delito de omisión de socorro.

De feito, a retornada ao periplo televisivo, Cristina Fallarás, é a punta do iceberg, un iceberg dunhas dimensións e dunha profundidade algo máis que considerables, por máis que os e as enfervorizadas fans da primeira se obstinen en ver o contrario.

Porque unha cousa é cumprir coa obriga como cidadán, de denunciar, e, posteriormente, dar voz ás mulleres presuntamente afectadas, e outra moi diferente obviar a primeira parte, a máis difícil e molesta, para pasar directamente á segunda, que é a que a beneficia, e, aínda por riba, saír impune e obter ganancias.

E outro tanto se pode dicir do resto de actores. Pero claro, estamos a falar das "altas esferas"... Quen lle pon o cascabel ao gato?

A Sra. Díaz dixo na súa comparecencia de hai uns días que, ata ese momento, descoñecía a existencia de denuncias... Obvio, porque non había ningunha, ou é que ela tampouco coñece a diferenza entre mensaxes en redes e denuncias? Pero si era coñecedora, se non de todos, si dalgúns dos delitos que, presuntamente, cometera o seu compañeiro, e calou, e dixo recoñecer que "os mecanismos de detección e prevención fallaron"... Que mecanismos, Sra. Díaz, que detección, que prevención?

Os que fallaron foron todos vostedes, comezando por vostede, e deliberadamente, ademais, co seu silencio noxento e cómplice, evitando que os salpicara o escándalo e seguir así ocupando as súas cadeiras, enchendo os seus petos, e ocupando despachos.

E xa, no colmo do descaro e do oportunismo, a Sra. Vicepresidenta segunda, que tan ben se acomodou ao cargo, vén agora vendéndonos a moto de que, desde o seu partido (ela ao seu, facendo campaña caiga quen caiga) van levar a cabo un programa de formación sobre violencias machistas, acoso e violencia sexual, que será obrigado para dirixentes e cargos públicos e no que segundo ela, vaia casualidade!, xa se estaba traballando. Igual pensa esta señora que isto vai, sinxelamente, de facer un cursiño e recoller un diploma.

A solvencia moral, a integridade, e outras moitas características que deberían ser básicas para todo o mundo, pero especialmente para aqueles que teñen tan grandes responsabilidades nas súas mans, non se aprenden "no libro", nin en horas de bla, bla, bla, con todo o respecto... Se ten ou non se ten, así de sinxelo. A pedagoxía non cura a maldade, nin a mala fe, nin tampouco a ambición desmedida.

E pregaría que ninguén me interprete mal. A formación é moi importante, por suposto que si, pero de nada serve se quen a recibe non ten dentro máis que lixo, así de claro e así de rotundo.

Se todos vostedes, Sra. Díaz, tiveran un mínimo de dignidade, despois do que levan soltado polas súas bocas sobre violencia de xénero, sobre feminismo, sobre igualdade, collerían agora as caixiñas coas súas pertenzas, os seus portafolios e maletíns de marca, e marcharían para as súas casas.

É, se de verdade a xustiza é igual para todos, esta é unha ocasión perfecta para demostralo.

Non sei se se decatan, por certo, tanto vostedes Sres. e Sras. políticos, e Sra. Fallarás, que, de ter denunciado e falado cando tocaba, poderían ter evitado moitas desas agresións, pero, que máis ten, non si?

E isto lévame a facerlles outra pregunta: Que é o que lamentan realmente, o sucedido, os delitos presuntamente cometidos por Íñigo Errejón, ou que os pillaran a vostedes co carriño do xeado?

E, xa de posta a preguntar, dúas cuestións máis para rematar. A primeira: Van ter vostedes os "bemoles" de encabezar e formar parte dos actos do 25N, así, cun par? (No fondo, esta non deixa de ser unha pregunta retórica, porque todos coñecemos a resposta).

A segunda, onde está agora ese "feminismo" tan radical, que decide quen o é e quen non, e cales de nós merecemos formar parte das súas "selectas filas"? Estarán, como os políticos, preparando as pancartas, as camisetas e pintando o pelo de lila para o 25N, que xa está aí, á volta da esquina, e non teñen tempo para nada máis.

Si, iso vai ser.

Asociación Si, hai saída