Vaipolorío volve ao Gafos

12 de septiembre 2020

Dicía Galeano: "Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo". 

Outro ano máis, e xa van vinte, homes e mulleres comprometidos coa conservación da natureza convocados pola asociación Vaipolorío, despois do parón con motivo do confinamento da Covid, saíron con novos alentos para acometer outro ano a limpeza do río dos Gafos que entre todos emporcamos a miúdo.

É un labor digno de encomio que fan desinteresadamente, roubándolle ao seu tempo de descanso e lecer para que moitos podamos presumir de ter un río limpo e descontaminado.

Alí estaban na madrugada dun domingo de festa un grupo de homes e mulleres sen medo ao coronavirus, poñéndose os traxes de auga, botas e luvas e extremando as medidas de precaución, coas incómodas máscaras e xeles desinfectantes.

Mentres a maioría de nós aínda durmía ou estaba a se preparar para pasar o domingo no campo ou na praia, eles enseguida preparábanse para mollarse polo río. 

Neste ano o inicio da campaña colleume de viaxe, con todo o meu corazón estaba á beira dos homes e mulleres que no canto de estar a gozar do seu día de descanso e lecer estaban empapados na auga limpando o meu río dos dourados días da infancia . 

Ano tras ano choven as verbas para render homenaxe a Vaipolorío, sobre de todo neste ano difícil para todos, sen primavera. Despois do que pasamos, eles non se esqueceron de limpar o río de todos. 

O río das beiras cheas de narcisos e lirios, onde arrecende a mentrasto e loureiro e crecen as mapoulas de cores e cantan o merlo e o cuco, e que a luz dos vagalumes nas noites co escintilar das estrelas pódense ver as avelaíñas e os morcegos. 

Tamén outro ano máis temos que agradecer aos entusiastas mozos e mozas da Asociación Xoan XXIII dedicada a formación e promoción integral das persoas con discapacidade intelectual que se mollen polo río dos Gafos, neste ano asustados do comportamento dalgúns pois ata máscaras sacaron do río. 

Eles son un exemplo para todos nós polo entusiasmo e compromiso que poñen. 

Vaipolorío e a Asociación Xoan XXIII son un exemplo de solidariedade nestes tempos da pandemia que merecen todo o recoñecemento e parabéns de todos.

Ánimo e forza compañeiros e compañeiras. Que cante o merlo que despois do verán chega o inverno.