Unha morea de mariachis in the ghetto

28 de agosto 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

Entrabábamos xa no luscofusco. Preparaba a documentación para escribir o artigo da semana que ven. Ía escribir sobre a grande cantidade de festivais de música que se celebran durante o verán, de xuño a setembro. Pi. Pi. Soa o teléfono da miña muller. Entrou un wasap. Era do seu irmán que estaba no Porto do Son. Leuno, acercouse a min e dime: morreu Dany!. Que Dani? Pregunteille, xa que coñezo a varios Dani. Moure, o rubio – díxome. Berrei a palabra máis escatolóxica

Entrabábamos xa no luscofusco. Preparaba a documentación para escribir o artigo da semana que ven. Ía escribir sobre a grande cantidade de festivais de música que se celebran durante o verán, de xuño a setembro. Pi. Pi. Soa o teléfono da miña muller. Entrou un wasap. Era do seu irmán que estaba no Porto do Son. Leuno, acercouse a min e dime: morreu Dany!. Que Dani? Pregunteille, xa que coñezo a varios Dani. Moure, o rubio – díxome. Berrei a palabra máis escatolóxica. Quedamos con cara de parvos, con cara de asombro, non dabamos creto. No desfile da Batalla das flores estivéramos con el. Deixo o escrito que estaba preparando, non me dou centrado. Non o dou quitado da cabeza.

Escoitara a Dani por primeira vez nun dos concertos que se organizan na Boa Vila. Non me lembro cal. Logo vino actuar máis veces. Gustábame a súa voz fonda e rachada. Era difícil esquecerse del. O pelo rubio, as patillas longas. Dende fai uns anos víao polo barrio. Tomando cervexa na de Leo. Máis adiante no Ero. Era a súa sede oficial. Si querías velo sabía que por alí andaría. Xunto a el, con patillas iguais aínda que esas eran morenas e ían deixando o paso a cor branca encanecida, estaba sempre Eusebio. O seu amigo, e en moitas cousas mestre e conselleiro. Ao velos, coas súas camisetas negras, pensabas nuns rockeiros (o que fan os estereotipos). Logo íaselles sumando Serxío, Enma, Oscar e Rafa, e, por suposto Katia. Comezaba a xuntanza- tertulia. Sempre con sorrisos. Ao mesmo tempo Dany non deixaba de falar - saudar a toda a xente que concorría no local ou na rúa.

Non sei cando foi a primeira vez que falei con el. Pola música seguro. Nomeadamente o blues. Fun coñecendoo pouquiño a pouco. Fun sabendo das súas experiencias musicais. Do que levaba feito pola música, e tamén polos músicos en Pontevedra. Por xente que o coñecía souben que tivo parte na maioría dos festivais que se organizan aquí. Non vou poñer o que levaba feito porque levaría moito espazo, e, seguramente, non son eu a persoa máis acaída para falar de música en Pontevedra, hai expertos e moi bos e eu quero falar da persoa. Fai pouco vino cunha chaqueta vaqueira, guitarra e barba longa, saudámonos, contoume que quedara con Demetrio para presentar o Local Pop-Rock. Peloteando a Demetrio, eh!, díxenlle eu. Respondeume que el non sabe dicir que non, e en cousas da música nunca. Sorrimos os dous e marchou cara o centro.

Concerto de Odiosos 5 con Dany Moure o 29/07/23. (Foto do autor)

 

Dany era un home de barrio. Era onde máis lle gustaba estar. No "ghetto" como el lle chamaba, e si o barrio é o "ghetto" o Ero era o "ghetto no ghetto". Alí tiña as complicidades de María ou Alba cando nos poñían as cañas de EG1906. O saudar a todas e todos. Grande e pequenos. Maiores e novos. Sempre cunha palabra amable, cun sorriso. Sin coñecerte falábate. Ao seu carón a súa garda pretoriana co sorriso retranqueiro de Eusebio. Somos un barrio ecléctico, hai PTV, xente doutros lugares de Galicia, emigrantes retornados de Europa, xente da Lama, Pontecaldelas e Fornelos que estivo en México, e novos emigrantes, de Sudamérica, de África e de Asia. Convivimos ben, todos aportamos algo á súa riqueza. No "ghetto", nun radio de cen metros temos de todo. Somos os máis beneficiados da Boa Vila. Loureiro Crespo, San Antoniño e 12 de novembro é o "ghetto", non temos que saír a fora a nada. Só nos falta unha sala de concertos. Dany en Madrid fora o Rei de Malasaña, aquí no "ghetto" recreaba ese reinado. Sentíase Feliz.

A xente ten "personal shopper", ou "personal training". Eu con Dany tiña un "personal bluesman". Discutíamos de blues. Realmente non discutíamos, eu aprendía del. Aínda que lle levaba máis de vinte anos aprendíame. A miña derradeira fala de blues con el, estaba tamén Katia, foi sobre o son que deixaban as baquetas metálicas no tambor nunhas pezas de Norah Jones.

Pero si algo era Dany. E que non tiña que ver coa música é que era un amante da liberdade. Un antifascista nato. Nas eleccións do 23X andou toda a campaña animando á xente a que votase. Non quería que o PP gobernase con Vox. Poñíao dos nervios. Gustáballe usar unha frase que eu puxera nun do meus artigos de Pontevedra Viva: "vota a esquerda que máis te guste ou que menos te desguste". Preocupáballe que moitos socialistas, que el coñecía de vello, dicían que non ían votar porque lles caía mal Pedro Sánchez. Eu explicáballe que se fixe como é o PSOE en Pontevedra, é unha cousa parecida ao PP, hai moitas familias de toda a vida que ao final sempre conseguen posto, de concelleira ou concelleiro ou de deputada ou deputado. Xente con pouca ideoloxía e que lle acabou comprando ao PP a mensaxe de que "España se rompe". Non se daban conta que España é diversa. Dáballe ánimos para dicirlle que non ía a pasar nada. Era igual, el non paraba de falar coa xente para que votase. Ao final xa sabemos o resultado. Gozouno.

A Dany despedímolo no tanatorio os familiares, as amigas e amigos, os coñecidos e coñecidas. Moitas camisetas negras, moito pantalón negro. O mundo da música víase e sentíase alí. Moitas amizades. Acto emotivo. Unhas e outros contiñan as bágoas cos ollos arroibados. Xente mirando ao chan. Outros e outras, simplemente, chorábamos. Moita xente con tatuaxes, para os que hai que aguantar a dor cando se fan, con bágoas nos ollos. A dor do amigo que se vai.

Contábame Eusebio que facía unhas semanas que xunto a Dany leran unha necrolóxica na que o finado poñía que a xente que o coñecía tomara unhas cañas ou uns viño na súa memoria. Dany díxolle que a el tamén lle gustaría iso pero que tamén lle gustaría que houbera moitos mariachis. Ultimamente andaba obsesionado cos mariachis, cos corridos. Falaba cunha muller que estivera en México que lle contara sobre os mariachis. Mesmo tiña pensado escribir un corrido en galego para cantalo cun dos grupos. Así era Dany, poliédrico.

Di un dito popular que "Ninguén morre definitivamente mentres a súa lembranza permaneza na memoria de alguén". Por todo penso que Dany debe ser lembrado, nomeadamente no mundo da música, por todo o que el lle dou. Gustaríame que na cantidade de festivais que se organizan na Boa Vila houbese un día dedicado a Dany Moure. Porque como di o himno, Dany era bo e xeneroso. Que os ventos lle sexan leves.