Quenes temos fillas e fillos sabemos ben da dificultade do comezo dun novo curso na escola: Máxima reciclaxe do material do curso anterior, novos libros, noites pegando forros de plástico, moitos propósitos de traballo e roupa que xa non hai maneira de aproveitar. Aínda que sone incrible, os cursos políticos no Parlamento de Galicia non son moi distintos: Reciclaxe das iniciativas do período anterior, novas demandas ao Goberno galego, noites en vela preparando intervencións e tamén previsión de moito traballo.
Ata nos pasa que hai roupa que xa non nos serve, que nos queda tan pequena que ninguén nos pode enganar dicíndonos que segue a ser da nosa talla. Non nos poden enganar cando, en Pontevedra, o Goberno de Galicia non se ten preocupado pola Política Social. Por esas familias que teñen que acudir a un Punto de Encontro Familiar nunha edificación doutro século e que non garante as relacións de familia, nin o benestar nin a seguridade. Polas mulleres vítimas de violencia machista que teñen que agardar nunha sala do Xulgado sen as mínimas condicións de intimidade e benestar. Polas persoas maiores que malviven na "Residencia de Campolongo" sen ter, por exemplo, tomas de osíxeno nas habitacións ou sen poder saír respirar aire libre. Por eses nenos do "Avelino Montero" que se contaxian de sarna sen que ninguén activase o protocolo. Polas persoas que agardan máis de dous anos polo recoñecemento da súa discapacidade porque o número de equipos definitivos de valoración é ridículo.
Non nos poden enganar máis tempo cando se lles enche a boca de "sanidade pública" con ese proxecto power point dun Gran Montecelo virtual, mentres no Hospital Provincial os doentes se cocen -literalmente- cando vai unha vaga de calor. Un novo hospital do que descoñecemos o plan director, o plan funcional, o modelo de financiamento e ata se o aparcadoiro vai ser ou non gratuíto.
Xa non é crible que nos prometan unha estación intermodal entre as estacións de trens e autobuses para a cidade cando na lei de orzamentos da Xunta de Galicia para 2017 só se destinan 100.000 euros (para toda a obra?). E Pontevedra fóra do transporte metropolitano, cunha planificación do transporte ferroviario máis que discutible, sen horarios nin billetes únicos. E Pontevedra sen proxecto para a rexeneración da ría e o dragado do seu fondo cando así é imprescindible medioambiental, marisqueira, pesqueira e deportivamente. E Pontevedra cun edificio xudicial que agarda a súa ampliación dende hai case unha década e agarda unha desculpa do Vicepresidente da Xunta, que prometera que o novo Xulgado entraría en funcionamento antes do verán que xa ten pasado.
Por último, non nos poden enganar cando se poñen a coraza de defensores do patrimonio cando a Xunta de Galicia non ten desenvolvido nin unha soa obra no Pazo de Lourizán, deixando que se desfaga pouco a pouco mentres o Goberno mira cara a outro lado.
Isto é un resumo do material do curso anterior que só demandamos os Socialistas no Parlamento de Galicia. Neste novo curso que comeza, reciclarémolas e pasaremos noites sen durmir preparando moitas novas máis. O traballo socialista está asegurado. O do Goberno non o cre xa ninguén.