Un de outubro: memoria e gratitude

05 de octubre 2024
Actualizada: 07 de octubre

Tivemos que chegar a unha data, o 1 de outubro de 1931, hoxe hai 93 anos, para que fose aprobado o artigo 36 da Constitución de 1931 que dicía: "Os cidadáns de un e outro sexo, maiores de 21 anos, terán os mesmos dereitos electorais conforme determinen as leis". Conseguíase para as mulleres o dereito a participar no sufraxio

O camiño para recoñecer o dereito de voto ás mulleres foi longo, complexo, con perseveranza, coa loita colectiva, aínda que con frecuencia solitario e doloroso. Os antecedentes témolos nos ilustrados do século XVIII -cabe citar en España a Frei Benito Feijóo e o seu Teatro crítico Universal-, nos "Cadernos de queixas" das mulleres do Terceiro Estado previos á Revolución francesa, na Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá de Olympe de Gouges, nas sufraxistas británicas, ou xa no XIX Clara Zetkin, Rosa Luxemburgo e tantos e tantas que uniron este dereito á emancipación da muller e a xustiza. Movementos en demanda deste dereito  tamén sucederon no noso país, pero non foron escoitadas na monarquía liberal borbónica, agás na ditadura de xeneral Primo de Rivera na que na lei municipal se recoñecía parcialmente o voto á muller, maior de 23 nos, non tuteladas por ningún home ou polo Estado, e outros límites, pero ¡ollo non era por recoñecer un dereito!, senón por considerar conscientemente que o voto feminino tiña un aspecto moi conservador e así favorecería o réxime autocrático existente. En realidade nunca foi efectivo o voto activo, foi un simple anuncio ou espellismo. Sorprendentemente si podía ser elixida unha muller co voto pasivo, como tamén sucedeu nos comezos da 2ª República.

Tivemos que chegar a unha data, o 1 de outubro de 1931, hoxe hai 93 anos, para que fose aprobado o artigo 36 da Constitución de 1931 que dicía: "Os cidadáns de un e outro sexo, maiores de 21 anos, terán os mesmos dereitos electorais conforme determinen as leis". Conseguíase para as mulleres o dereito a participar no sufraxio.
 
Non foi un camiño de rosas como demostran as actas da sesión da Comisión do 30 de setembro, na que houbo un animado e áspero debate, nel destacou a postura comprometida e firme dunha muller, CLARA CAMPOAMOR, enfrontándose ao seu propio partido, o Republicano Liberal e a mulleres como Victoria Kent, do partido Radical Socialista, partidaria de aprazar o voto "por unha cuestión de oportunidade para la República" xa que ela e outros consideraban que darlle o voto as mulleres entrañaba un perigo para a recen conseguida República, argumentando que eran perigosas as influencias que podían exercer os que daquela clamaban "pais espirituais" da Igrexa católica desde os confesionarios e mesmo nos salóns da alta burguesía e da nobreza; outros opúñanse totalmente ao considerar ás mulleres seres inmaturos e menores de idade, que necesitaban a tutela dun home: pai, marido ou irma maior ou calquera outro varón. 

As numerosas intervencións de Clara Campoamor foron razoadas e acaloradas fronte a expresións como ¡coidado que todas son beatas!, ou cualificativos de "histéricas" ou calquera outra lindeza, e propostas como a do deputado Ayuso do Partido Republicano Federal que "concedía" o voto ás mulleres, pero aos 45 anos. Ante este clima a nosa protagonista apelou aos principios da Constitución, a á que consideraba "o arco de trunfo da República".

Sería moi longo reproducir todo o que alí sucedeu, polo que animo a quen teña curiosidade as consulte pois están a disposición da cidadanía.

Non tódolos homes, nin tódalas mulleres estiveron en contra ou a favor, nin tampouco polos mesmos motivos, algúns deles, desafortunadamente, o tempo o puxo de manifesto. Pero Clara Campoamor tiña unha visión de presente e de futuro, a democracia. O 1 de outubro conseguiuse, con dialogo previo e aceptando a liberdade de voto nos diferentes partidos, se aprobase este artigo 36 con 161 votos a favor (partido Socialista, coa excepción de Indalecio Prieto, grupos republicanos conservadores, catalanistas, galeguistas, vascos), 121 en contra (acción Republicana, Partido Radical e Radical Socialista), e 188 abstencións. En todas as posturas houbo homes e mulleres.

O 5 de novembro de 1933, en Eibar, no referendo autonómico de 1933, fíxose realidade o voto das mulleres por primeira vez. No resto do país fixérono nas eleccións xerais do 19 de novembro de 1933.

Despois unha "longa noite de pedra" no que non houbo voto para ninguén, porque o Golpe de Estado de Franco, a Guerra "incivil" e a ditadura franquista roubou este e outras moitos dereitos e conquistas democráticas, que non recuperariamos ata as eleccións xerais de xuño de 1977. Hoxe ese futuro que soñou a deputada Campoamor é unha realidade na Constitución de 1978, pero quedan moito camiño por andar, en dereitos, e ata en expresións faladas e escritas que feren á intelixencia.

Por todo o dito Pontevedra ten unha débeda con esta muller. Sei que o Concello ten dedicado rúas da nosa cidade a mulleres, que seguramente teñen o seu mérito, sen embargo non temos unha rúa co nome da muller a que lle debemos ser cidadáns de primeira categoría. Pódese emendar polo que espero que a Corporación actual, o teña en conta para que o próximo 1 de outubro os pontevedreses teñamos unha rúa, praza ou avenida co seu nome, e que se faga unha gran festa cos xoves para conmemorar a Historia e recoñecer a Dona Clara Campoamor Rodríguez, que teñamos todos o dereito ao voto como cidadáns que somos e recordar o que significa a democracia en dereitos e tamén en deberes e que temos que coidar con firmeza para que o conseguido non teña volta atrás.