Un concello mellor

20 de octubre 2017
Actualizada: 18 de junio 2024

Esta semana cumpríuse o primeiro ano da fusión que motivou, tras oito meses de trámites, a conformación do Concello de Cerdedo-Cotobade. Despois de anos de colaboración entre ambos territorios, de análise das posibilidades legais e de estudo dos incentivos cos que se están a impulsar as fusións tomamos unha decisión valente e nos antepuxemos a un futuro

Esta semana cumpríuse o primeiro ano da fusión que motivou, tras oito meses de trámites, a conformación do Concello de Cerdedo-Cotobade. Despois de anos de colaboración entre ambos territorios, de análise das posibilidades legais e de estudo dos incentivos cos que se están a impulsar as fusións tomamos unha decisión valente e nos antepuxemos a un futuro que, por separado, sería máis difícil. Fomos responsables cos veciños e hoxe estamos satisfeitos de ter subido aquel chanzo.

Este proceso de agrupación territorial baixo o paraugas dunha mesma administración saíu como prevíamos e anunciamos. No eido económico, o noso orzamento incrementouse nun 50% nesta andaina común e rolda os 5 millóns de euros grazas ao aumento dos ingresos de todas as administracións –incluso mantendo a contía da Deputación de Pontevedra malia as "advertencias" de recurtes– por ser un municipio máis poboado e de maior representatividade.

Ademais, somos un concello máis eficiente coa redución dos gastos de goberno, ao suprimirse unha adicación exclusiva, e doutras partidas que teñen minguado evitando duplicidades e permitindo que acabaramos con pasivo existente. O incremento dos ingresos e a redución de gastos, así como a óptima xestión desenvolvida, permitíronnos entrar no grupo de concellos con débeda cero. Hoxe non temos hipotecas, pechamos as derradeiras contas por separado con 493.000 euros de superávit e somos donos do noso futuro.

Tamén mantívose todo o plantel de traballadores, agás un funcionario nacional que permitiu aforrar un soldo duns 60.000 euros anuais, e aproveitouse todo o seu potencial xunto co das dúas sedes administrativas de Carballedo e Cerdedo. Imos aprobar unha Relación de Postos de Traballo (RPT) para buscar aínda unha maior eficiencia. A cidadanía ten máis atención, servizos e prestacións grazas a un cadro de persoal complementario que ofrece alternativas das que antes só podían gozar os veciños dun territorio.

Como dixemos, mantivéronse todos os servizos públicos e melloráronse moitos deles. En Servizos Sociais a partida de atención á xente que máis o necesita medrou un 30%, pasando de 55 a 72 euros por habitante ao ano; o impulso das infraestruturas educativas e sanitarias é un feito; e dispoñemos dunha brigada municipal de Obras de primeiro nivel que atende á perfección as infraestruturas e os bens municipais. Todo elo, achegando a nosa oferta de servizos públicos á das grandes vilas, tendo como referencia a cidade de Pontevedra, onde se atopa a nosa Axencia Tributaria e a Xustiza.

Os investimentos, aínda que sempre foron elevados pola nosa capacidade de xestión, incrementáronse polo peso que temos como municipio de 6.000 habitantes. Oito millóns de euros en 18 meses, entre Estado, Xunta e Deputación, aportarán novas infraestruturas, servizos e dependencias: o saneamento de Tenorio, o centro de fauna de Carballedo, a residencia de Cerdedo, a mellora da N-541, a estrada Augasantas-Ponte Caldelas, as vivendas de mestres de Cerdedo ou as humanizacións do Plan Hurbe, só por citar os máis significativos.

E todo elo, acompañado dunha cuádruple rebaixa fiscal, á que nos comprometemos ante notario diante de todos os cidadáns, porque as palabras –non no noso caso– din que as leva o vento. Os primeiros orzamentos rebaixaron a presión fiscal de 200 euros por habitante ao ano a só 186 e logo aprobamos unha pioneira supresión do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras e rebaixas do 10% nos tributos de vehículos e na taxa de documentos e servizos.

E así son as cousas un ano despois. Somos o municipio máis novo de Galicia e estamos cheos de forza e gañas de futuro. Somos un concello máis forte, o 31º por poboación dos 61 da provincia. Somos un concello con maior representatividade e importancia. Somos un concello ben xestionado e con máis recursos. Non somos un concello idílico, porque non existen, pero somos, sen dúbida e grazas a estar xuntos, un concello mellor.