A Xunta de Galicia abandona a xuventude ao suprimir animadores e animadoras socioculturais nos Espazos Xoves

23 de noviembre 2024
Actualizada: 01 de diciembre

Estes profesionais ofrecían apoio e recursos para actividades educativas, culturais e de lecer, fomentando a inclusión, a creatividade e o desenvolvemento social tanto en espazos urbanos como en zonas rurais

A Xunta de Galicia dá un golpe á mocidade galega coa recente decisión de eliminar os postos de animadores e animadoras socioculturais nos Espazos Xoves, espazos fundamentais para o desenvolvemento e integración da mocidade en moitas vilas e cidades galegas.

Esta medida, que priva aos mozos e mozas dun apoio esencial, revela unha falta de compromiso claro coa xuventude e co futuro da nosa comunidade.

A decisión foi adoptada pola nova Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, baixo a dirección do conselleiro José López Campos.

Os Espazos Xoves, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, eran puntos de referencia para a formación, dinamización e participación xuvenil, onde o labor dos Animadores Socioculturais resultaba crucial.

Estes profesionais ofrecían apoio e recursos para actividades educativas, culturais e de lecer, fomentando a inclusión, a creatividade e o desenvolvemento social tanto en espazos urbanos como en zonas rurais.

Ademais, colaboraban estreitamente cos colectivos e asociacións xuvenís, xerando redes de participación que resultaban esenciais para unha xuventude activa e implicada.

A eliminación destes postos non só deixa sen traballo a profesionais cualificados, senón que tamén deixa á mocidade sen ferramentas para un desenvolvemento persoal e social enriquecedor en espazos seguros.

A Xunta argumenta motivos económicos para xustificar esta decisión, mais a realidade amosa que a eliminación destas figuras ten unha intención política e prexudica gravemente o tecido social e comunitario que se viña formando a través dos Espazos Xoves.

Demandamos que a Xunta recapacite e reforce, en lugar de debilitar, as políticas de apoio á xuventude.

É fundamental que se devolvan os postos de Animadores e Animadoras Socioculturais e se asegure que os Espazos Xoves continúen sendo lugares de encontro, crecemento e participación para a mocidade galega.

A xuventude é o futuro de Galicia. Sen políticas adecuadas de apoio e desenvolvemento, o porvir desta comunidade corre orisco de quedar sen raíces.

 

Animadoras e animadores de Espazos Xove da Xunta de Galicia