Taxinomía da ultratumba: a Pantalla e o seu valor simbólico

09 de octubre 2024
Actualizada: 10 de octubre

Abríndolle camiño á celebración do X Roteiro da Pantalla (Pardesoa, novembro de 2024)

A Pantalla, Compaña ("Santa" é eufemismo ou apotropismo), Antaruxa, Reste, Hoste, Rolda ou Visión son denominacións dun ente mitolóxico complexo, comúnmutatis mutandisá inmaterialidade celtoatlántica (Fairy Host en Irlanda, Sluagh en Escocia, toili en Gales...) e adoito concibido na Galiza e nas súas zonas de influencia (a antiga Gallaecia) como aglutinación ou amálgama de fenómenos afíns ou achegados; sáibanse: as xans, as xas, a Sociedade do Óso, As da noite, A boa xente (pantasmas de vivos, ánimas en pena, comitivas nocturnas...), a Estadea –que ás veces a encabeza–, a Estantía, a Ánima soa, o Urco, o Veto, a Raposa das Moreiras, o Can sen dono, o gato Niquitates, a Cabra cega, o paxaro Piú, as sombras etc., etc.; ríspetos e temíbeis, arautos en por xunto do pasamento propio ou alleo: Memento mori.

No eido da ultratumba, convennos de primeiras diferenciar os entes "embridados", asumidos polos vivos, dos entes indómitos, inopinados, aqueles que escapan ao noso control.

Contacontos de medo á luz das candeas.
Contacontos de medo á luz das candeas.

A ultratumba cotiá e interiorizada intégrana os defuntos de estimación, as pantasmas familiares, os antepasados venerados (deuses lares e manes: "Dis manibus sacrum"). Mantéñense vixentes en tanto son lembrados; a verdadeira morte é o esquecemento. Equipáranse en xerarquía aos santos. Algúns transcenden o ámbito familiar e acadan o comunitario (v. g.: o Varelo de Limeres). Operan de intermediarios coa divindade. Dedícanselles no fogar altares e gloriñas con ou sen retrato, acéndenselles candeas, fánselles rogativas ("Voulle pór unha veliña a arder á túa avoa –dioladescanse–, pra que te axude coa selectividade"), pídeselles consello (v. g.: na Portalén solsticial). A eles –mentres se risca en cruz a masa do pan– encoméndaselles a coza ("Benia a quen todo nolo deixou!"). Na noite de ánimas, acoden propicios á mesa para se alimentar dos sobexos ("Esta migalla déixolla prás ánimas"); tamén se suman á lupanda da Noiteboa (v. g.: o Xan Fiz); gárdanselles cadeiras e cubertos. Aparécensenos, mainos, ao pé da cama (v. g.: os chantóns). Acadan corporeidade ou son intuídos a través das visións, as aparicións, os agoiros, os avisos (v. g.: as avelaíñas, a Cobra marza, o Bieito)... Ofrécenselles misas para acougalos; faise por satisfacer as súas demandas sen demora. Están suxeitos ao arbitrio da ritualidade: o Día de Defuntos prégase polos propios e polos da parroquia extensa. As ánimas do purgatorio –a cuxa salvación se lles erixiron templos, cruceiros e petos– vanse redimindo paseniño, á calor do lume purificador (lume mol) avivado polo rezo e a esmola ("Vai polas ánimas!"). O destino final das ánimas purgantes é sempre o ceo...

Por outra banda, os entes imprevisíbeis, insondábeis, refractarios á domesticación; os que non se atopan nun estado beatífico nin se avirán a unha virtuosa progresión son: a Pantalla e os análogos xa citados (xans, xas, Sociedade do Óso, Estadea, Ánima soa...) e outros activos funestos (o cabalo do Misiegho, o dedo solto, a mosca da morte, o cabalo de Picón, as vellas de Piúz, visións/aparicións hostís (repertorio da Tía Caniza))...

En 2016, a comitiva da Pantalla pousou un ataúde ás portas do Concello de Cerdedo.
En 2016, a comitiva da Pantalla pousou un ataúde ás portas do Concello de Cerdedo.

En Cerdedo (Terra de Montes), o crisol da Pantalla arrequécese con todas estas influencias ("cousas da Pantalla"). A aqueles que falan ou se interesan por ditos asuntos se lles apón a condición de "pantalleiros". Sospéitase que moitos estean "empantallados" ou "antaruxados"; "anda coa/na Pantalla".

Na comarca, o traballo de campo desenvolvido verbo da Pantalla dende os anos 90 até a actualidade permíteme estabelecer unha dupla tipoloxía de informantes: as testemuñas directas (é dicir, aqueles que seica a viron) e aqueles que oíron falar dela.

Os que bateron coa Pantalla din ter enxergado na noite unha fileira de luciñas, máis ou menos ordenada, encarreirada, procesional; ou unha luciña (ou luciñas) quedas, boiantes, na agarda do camiñante que avanza ou recea. Tamén, sen albiscar luminaria ningunha, obrigados a botar porta fóra por mor dos labores noitevos (moenda, torna da auga...), confesaron percibir ruídos estraños e desacougantes (renxer de cadeas, zunidos, murmurios, rezos apagados, ladaíñas...), sentir friaxe ou cheiro a cera ardente. Precedendo os fenómenos, a natureza silencia ou entra en pausa.

Quen oíu falar da Pantalla ou –xa nos nosos días– quen leu sobre o asunto prodígase en detalles: fileira penitente que avanza vagarosa a unha cuarta do chan, encarapuchados, rostros escurecidos ou irrecoñecíbeis; visten sabas, camisóns, saións, hábitos (mormente, o franciscano), sotanas: atavíos esfarrapados; béldragos rachados, negros, grisallos, brancos luxados... Tamén a compoñen procesionantes descubertos, atilados coa mortalla (o fato de gala, o traxe da festa, o das viaxes): pucha, chaqueta fendida polas costas, camisa branca, gravata, dengue, mantelo; sudarios, queixadas; roupaxes empoeiradas; facianas esvaídas. O súmum do prodixio é a chamada "misa de ánimas", oficiada por un crego cadáver ou antaruxado.

Fileira de antaruxados.
Fileira de antaruxados.

No tocante á súa parafernalia, disque a fúnebre procesión pode portar un cadaleito (un só); amais: cirios e farois esmuxicados, soan campaíñas, arrástranse cadeas ou esporas, alcatreo de ceras e aceites quentes; o vivo –recoñecíbel e esmacelado– encabeza o cortexo e terma dunha luz máis intensa ou dunha cruz guieira (tamén, pode soster un caldeiro de auga bieita e hisopo); non é raro que participen ministros da Igrexa (e poden ir de a cabalo); ás veces, un can ("o cadelo da Pantalla") fai de pechacancelas.

Os informantes que a viron e moitos dos que oíron falar dela por boca de vedoiros (v. g.: o señor Lino de Pedre) consideran: "que non é cousa boa; non son ánimas do purgatorio, non están á espera de nada; non son os nosos defuntos, non precisan das misas nin das nosas pregarias; son cousa do demo; son mortos pero non son os nosos –vínculos co mito xermánico da Cacería salvaxe–; son mortos que non teñen quen lles chore; son ánimas en pena; todo o mal está en cruzarse no seu camiño: cómpre desandar ou buscar agocho (v. g.: o muíño das Raposeiras (Meilide), en cuxa porta se tallaron tres pentalfas); un debe gardarse de coller a cruz que che ofrecen: cruzar os brazos; abaixar a cabeza; retrucar: "Cruz xa teño!" –co raiar do día, a cruz vólvese tibia chamuscada de defunto–; un debe valerse de "cousas boas" –amuletos e talismáns–: rillar unha codia de pan, acomodar no peto ou na faldriqueira a cruz do Santísimo ou o óso ou a cinza dun defunto –amuletos neutralizadores–, facer no chan o risco de Salomón (cingulum Salomonis, pentáculo), o risco de a oito ou armar unha cruz con garabullos –talismáns–; deitarse decúbito prono, subir os chanzos dun cruceiro; de cadrar o avistamento no magosto, absterémonos de apañar as castañas do chan... Ao parecer, as choronas de Presqueiras (antigas carpideiras) eran inmunes.

Se non actuarmos co debido respecto ou precaución, correremos o risco de levar unha malleira ("Non sabes de onde che caen!"), de que nos recruten ("Lévante canda eles!") ou de ficarmos antaruxados de por vida ("perder o rello") (v. g.: o Batuquiñas).

Os vedoiros, persoas que posúen a capacidade de "ver cousas" (v.g.: anticipar o finamento dos máis), contemplan ou intúen de acolleito o paso da Pantalla, e mesmo permiten que a través deles calquera de nós poida dar testemuño (mormente, os incrédulos), así nos collen da man esquerda ou nos pisan o mesmo pé. A condición de vedoiro e vedoira adquírena polo xeral os benxamíns de sete irmáns, os que de cativos foron lambidos na face polo lobo ou polo Can sen dono, os albinos, os concibidos no Venres Santo ou os que na pía de batear foron unxidos –por engano do crego– co óleo dos defuntos.

Luciñas na noite.
Luciñas na noite.

Na parroquia de Cerdedo, os paseos da Pantalla circunscríbense a tres itinerarios consuetudinarios e a un calendario non pautado (a Hoste ten querenza pola noite de Defuntos e pola de San Xoán):

–A comitiva parte do adro da parroquial de San Xoán (antigo camposanto), descende pola Torrente, atravesa o río do Castro pola ponte medieval (escenario do "enxembramento") e esvaece no adral de Santo Antonio (capela e cruceiro de ánimas).

–O cortexo parte do antigo camposanto de Cavenca (O Salvador), baixa pola corredoira do Rapenlo (ou avanza polo camiño dos defuntos de cara á Cavadosa) e se some nas chamadas Veighas das Almas (Os Portamuíños), na beira esquerda do río do Seixo).

–A rolda arrinca do antigo camposanto de Arén (San Miguel) e atravesa o río do Castro polos pasos do Souto (un dos peares riscouse coas letras "JF" –marca de canteiro–, interpretado polo pobo como "Juicio Final") até acadar a Pontapiñoa e Os Peghos.

Todas tres poden, por arte de birlibirloque, plantarse á porta dalgún fregués, anunciando o seu óbito próximo.

Faise evidente que malia os escenarios experimentaren cambios ou transformacións ao longo da historia (desacralización, traslado, desaparición), a Pantalla, a hoste antiga, segue considerándoos como puntos de referencia. Cando menos, até o de agora; non sei como tomará a Pantalla atravesar o "fermosismo" dunha área de autocaravanas –a enésima ocorrencia dos estrategas municipais.

O colectivo Capitán Gosende desexa reivindicar o valor simbólico da Pantalla, metáfora redentora que o propio Castelao empregou no seu discurso "Alba de Gloria" (25-7-1948), pronunciado no exilio bonaerense. O Consello da Cultura Galega cualificou "Alba de Gloria" como "cimeira da oratoria galega" e "cerna do relato identitario da Galiza", cadrando coa exposición homónima celebrada en Compostela en 2018 e comisariada polo profesor Manuel Gago.

Encabezan a Pantalla de Castelao un fato de individuos notábeis, ben definidos e identificábeis: os galegos inmortais, persoeiros que representan a Historia do país –non é acaso que a lidere o decapitado heresiarca Prisciliano. Deseguido, unha multitude de luciñas, persoas anónimas: o pobo, que representamos a Tradición: "Esa moitedume de luciñas representa o pobo, que nunca nos traizoou, a enerxía colectiva que nunca perece, a esperanza celta que nunca cansa. Esa infinda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.".

En Capitán Gosende pregoamos que a forza identitaria da tradición debe ser arrebolada contra os que ousan negala, desvirtuala, minorizala; contra os que agreden decontino, taimada e teimosamente, o noso patrimonio material e inmaterial (Altri, parques eólicos, minaría; couto á nosa lingua...). Canto mal perpetrado!! Canto tempo perdido!!

O colectivo empregou e emprega o símbolo da Pantalla para honrar o noso rutilante legado cultural e, ao tempo, denunciar o estado de prostración de Cerdedo e da Galiza. "Esperta do teu sono, fogar de Breogán!", e por máis que se cante para avivecernos, o himno semella arrolo. A comitiva espectral da Pantalla depositou en 2016 un cadaleito ás portas da casa do concello de Cerdedo, desafiuzado por obra e desgraza do enmedoñado continuísmo. A Pantalla dos Gosende volve camiñar cinco anos despois (2010-2019: unha década de roteiros, interrompida pola pandemia); reactívase pois, dende Terra de Montes, unha actividade cultural pioneira e inspiradora. Cantas Pantallas non se teñen botado a andar polo país adiante des aquel mes de Santos de 2010! Non obstante, os actos que non teñen por obxectivo afianzar o noso feito diferencial fican en insulsos, manseliños e inútiles xogos florais. Canto máis feble sexa o noso espírito máis fascistas atravesarán ouveando a Porta do Camiño.

A noite do sábado 2 de novembro, a Pantalla percorrerá as congostras de Pardesoa, invocada pola lareira acolledora dos veciños do Samarco e o apoio do concello de Forcarei. De novo, deixaremos testemuño de que, malia as tebras circunstantes, o pobo segue a camiñar reclamando o futuro que se lle nega. Anda de día que a noite é miña. En diante as dez, deixa a noite pra quen é.