Os que queren converter Cerponzóns nun vertedoiro

20 de noviembre 2024
Actualizada: 10:07

Xa está ben, veciños de Cerponzóns ou de outros lugares! O que hai que aguantar! Non sei se temos xente que se cre que estamos nunha película de terror ou se o que lles pasa é que lles faltan educación, civismo e algo de sentido común.

 A parroquia xa non sabe onde meter as neveras vellas, as alfombras rotas e os restos de obras que algúns se empeñan en deixar onde lles pete, como se isto fose un vertedoiro público e sen control.

Hai algúns, e non poucos, que son tan descarados que tiran todo o que non lles vale directamente diante da nosa porta ou, se poden, no medio do monte, como se as montañas ou camiños foran un cubo de lixo sen fondo. E alí van, con esa cara de "non pasa nada", como quen vai a dar un paseo, e deixan a súa bazofia para que outros a vexan e, quen sabe, quizais se "inspiren" a facer o mesmo. Que pensan, que temos a parroquia para arranxarlles a vida? Aquí non somos recolledeiros de cousas vellas, nin tampouco queremos que Cerponzóns se converta no seu "lugar de descampado".

E que pasa coa xente que, como quen non quere a cousa, chega e bota todo nos contenedores de reciclaxe, sen ruborizarse nin un chisco? Non lles basta co que teñen, senón que se dedican a ver onde poñen as cousas para que ninguén lles diga nada. Se lles parece que non hai cámaras ou que non hai quen os vexa, non teñen ningún reparo. Aínda hai quen o fai descaradamente á luz do día, como se nada pasara, como fai uns días que o fixeron diante das miñas narices, por certo que o saiba, que se denunciou. Pois, por se non o sabían, nós tamén estamos atentos. E, se os pillamos, xa podemos estar seguros de que non quedara sen consecuencias. Quen tira as cousas como se estivéramos nun vertedoiro, que se prepare para pagar por elas. Veciño, veciña, a próxima vez que vexas unha neveira no medio do monte ou unha alfombra no camiño, non te quedes de brazos cruzados: denúnciao, porque isto xa pasou de castaño escuro.

Que, a seguir facendo isto, Cerponzóns vai parecer un depósito a ceo aberto. E xa está ben de vivir entre lixo!

Hoxe tocou no lugar do Vigario, que todo hai que dicilo, como nos outros lugares da parroquia de Cerponzóns, somos xente seria, respectuosa e con principios: reciclamos coma auténticos profesionais, compostamos nos nosos composteiros individuais, e mesmo reciclamos a imaxinación convertendo o que xa non nos serve en espectaculares espantallos que gardan as nosas colleitas co estilo que só nós sabemos darlle. E por se iso non chegase, cada ano participamos con orgullo no concurso de espantallos que organiza a asociación de veciños O Chedeiro. Aquí todo se aproveita, porque entendemos que a nosa terra merece respecto e coidado.

Agora ben, como en toda boa historia, non todo é perfecto. Sempre hai "un veciño" (ou algún parente afastado da civilización) que decide facer da nosa parroquia o seu vertedoiro particular. Mentres uns organizamos os residuos, el vai e tira os desperdicios sen bolsa, sen xeito e sen remordemento, coma quen lanza un feixe de herba para as vacas. Pero, claro, hai outros que van un paso máis aló na súa creatividade: "a quen non lle gustaría unha alfombra de poliéster en plena natureza"? Pois aquí o artista en cuestión non só a instalou, senón que se atreveu a deixar os restos de vellos trapos, plásticos e outros enredos polo vello camiño de carro. Agora parece unha pista preparada para o campionato de chin pin... pero para derrapar polo lixo!

Que pouca vergoña, compañeiro! Mentres os demais poñemos o noso grao de area por un lugar limpo e digno, algúns deciden converter o camiño nun desfile de residuos. Iso si, retranca non lles falta: igual pensan que están innovando e que no próximo concurso de espantallos tamén haberá unha categoría de "alfombras ecolóxicas". Pois non, meu amigo, aquí reciclamos con sentido, non con desidia.

Non che imos dar premio ningún, pero un consello vai de balde: hai uns contedores ben fermosos no lugar para que te fagas amigo deles. Se non, igual tes que acabar varrendo esa alfombra tí mesmo... que o persoal non perdoa!

Vertedura no Vigario
Vertedura no VigarioJuan José Esperón
Verteduras en Cerponzóns
Verteduras en CerponzónsAsociación de Veciños O Chedeiro
Veciñanza de Cerponzóns recollendo os refugallos
Veciñanza de Cerponzóns recollendo os refugallosAsociación de Veciños O Chedeiro

 

Juan José Esperón