As partidas de cartas

22 de octubre 2024

Ai, como cambiaron as cousas! Aínda me lembro das vellas partidas na taberna de Carmen a da Rons, alá polos anos sesenta. Aquilo era un auténtico espectáculo!

Os homes, sempre os mesmos, viñan con ganas de xogar, pero sobre todo de falar, beber e, por suposto, discutir. Aquela era a época na que todo se resolvía cunha partida de cartas e un par de grolos de viño. O tute e a brisca de seis eran os reis do lugar, e quen non sabía xogar, aprendía, porque, total, non había outra cousa que facer; na taberna daquela aínda non había nin futbolín nin máquinas tragaperras.

A taberna estaba sempre chea, e Carmen tiña que andar entre a barra e as mesas coma se fose unha equilibrista. Nunha man, levaba o viño; na outra, as cuncas. E co terceiro brazo invisible, era quen de moderar as discusións que se montaban nas partidas. Porque claro, non era o mesmo xogar para pasar o tempo que xogar para gañar. E había xente que se tomaba aquilo demasiado en serio. Un simple erro no xogo, unha seña mal dada, e xa tiñas a bronca montada.

A cousa comezaba tranquila: viño vai, viño vén, risos e piques. Pero co paso das horas, o ambiente íase quentando, e os insultos en clave entre os xogadores facíanse máis creativos. Un dicía: "Non sei quen che ensinou a xogar, pero xa podía volver e rematar o traballo", e o outro, cun sorriso de medio lado, respondía: "Ti xoga e deixa de facer o parvo, que che vén o mal de ollo". E claro, así, con retranca e sen dicir nada directamente, as cartas ían repartíndose, pero tamén as liortas.

Pero o mellor de todo era cando a cousa remataba. Algún, perdido xa na madrugada, marchaba á casa cunha folla de bacallau ao lombo. Non sei se era para que a muller non lle dese un bo repaso por andar toda a noite de taberna ou para demostrar que algo fixera, ademais de beber. Un non volvía á casa de mans baleiras, home!

E agora... agora a cousa é ben distinta. Xa non hai tabernas cheas de fume, de farias, de arenques colgados nas paredes. Xa non quedan aqueles homes de café con gotas e copa de Soberano na man. Hoxe, se pasas polo Centro Social, quen están xogando ás cartas son mulleres. E non te penses que son calquera muller, non, non. Son verdadeiras estrategas, auténticas mestras na arte da brisca e do tute. Homes? Nin un! E cal é o segredo? Pois que agora, ao rematar, non hai discusións nin fume que cortar co coitelo, só risas e boa conversa, e non teñen que levar ningunha folla de bacallau ao lombo...

Mira ti como mudou o conto... Agora as que dominan as cartas son elas, e nós, os que antes tiñamos todo o poder na mesa, quedamos na casa, mirando como as novas xeracións de homes non saben nin coller un mazo de cartas. Ai, quen nos viu e quen nos ve!

-Dedicado ás mulleres de Cerponzóns que participan no Campionato de Cartas.