Levaba un tempo que lle comentara a Juan que quería quedar con el un día para falar do seu ofício, a súa resposta foi que cando eu quixese, así que me propuxen ir canto antes, pero motivos alleos impedíronme ir cando xa o tiña previsto un par de ocasións. Á terceira foi a vencida.
–Juan, fálame do teu oficio, ti fuches un mestre no mundo da escaiola.
-Eu xa aprendín doutros, pasa, imos sentarnos.
– Juan, son todo oídos, conta.
– Na época da guerra civil e uns anos despois non había xente que se dedicara a traballar coa escaiola. Tamén teño que dicir que a construción era a base de teitos de barrotillo, despois comezaron a botar falsos teitos de resilla, pero…
Todo deu un xiro de 180º cando se fixo a Escola Naval de Marin, si, ahí comenzou todo.
Para realizar a colocación nas edificacións da escaiola veu unha empresa madrileña especializad en escaiola, daquela época en Pontevedra non había empresas que se dedicasen a iso, había algunha que outra en Vigo e tamén en Santiago, pero poucas, en Ourense creo recordar que tamén había un par delas.
Con dita empresa chegou un encargado que sabía muito do tema de escaiola, o señor era de Madrid, que segundo teño entendido estaba traballando e estudando á vez para arquitecto, polo que eu escoitei, non me fagas moito caso, pero creo que si, que foi así.
Non me digas como, Joaquín, Rafael e Pepe O Ucha, irmán de Manolo O da Boca, foron os seus primeiros axudantes, tamén Tino O Mineiro, tamén recordo que tivo uns cuantos aprendices, un era de San Andrés de Xeve, de nome Avelino Casalderrey, que foi precisamente con este señor onde aprendeu o oficio mais tarde o teu cuñado Gonzalo.
O encargado madrileño, de apelido Arcantún, necesitaba máis obreiros, Joaquin veu á miña casa a buscarme, eu daquela vivía na Bouza, pero o meu pai díxolle que non, que me necesitaba para botarlle unha man nas faenas do campo e da casa.
Así que pasado un tempo, cando cumprira 16 anos, fun buscar traballo, do que salira, o primeiro foi de albañil, foi na empresa de Porfirio Diz, era o ano 1962 si mal non recordo, pouco tempo estiven alí, era todo unha rapazada, ademais pagaban pouco é non te tiñan asegurado…así que marchei a traballar para xunto un tal Casalderrey de Lérez, por certo, avó da escritora Fina Casalderrey, pero o encargado que tiña tampouco me convencía e pouco tempo durei con eles.
Despois estiven cun tal Ángel García Arosa, con el xa estiven máis tempo e ademais asegurado, comecei traballando nun edificio que fixemos na rúa Sagasta, esquina coa avenida de Vigo, recordo que estiven de axudante dun albañil que era un lideiras, non habia quen o aguantase, pero bueno, eu fun levándoo como puiden, así foi como comecei a colocar ladrillo, dar llanas…daquela tiña 18 anos.
Pero resulta que un día, comendo un bocadillo de sardiñas que estaban en mal estado, segundo souben despois, collín unha infección á pel e comenzoume a saír un granizado polos brazos e ao andar co cemento facíame tal dano que tiven que deixar de traballar de albañil, picábame de tal forma que me rascaba tanto que sangraba polos brazos, era unha alerxia que collín ao cemento, así que entón funme a buscar traballo de pintor, pero non atopei traballo, perguntei en varias obras, pero nada, ata que me decatei que Joaquin, Rafael e Tino O Mineiro establecénrase en sociedade, habían collido un baixo preto de onde está o Hotel Madrid, nun carreiro que hai cara a dentro, alí puxeron o taller.
Fun xunto eles e pedinlle traballo e aí comezou a miña andadura de escaiolista, eles ensináronme, eu púxenlle interese e comezamos a traballar muito, o choio non faltaba.
O ensino do madrileño foi primordial, o señor ensínolles a realizar os moldes e a tallar, este señor por certo, vendo que aquí non estaba nada explotado o tema da escaiola, quedouse a vivir en Pontevedra, fixo unha casa en Mollabao e no baixo da súa casa tiña o taller.
Recordo aqueles primeiros anos que non tiñamos coche, para desprazar o material botabamos man dunha carreta, nela levabamos os andamios, escaleiras, os marcos etc., despois comezamos a ver que algún empresario xa podía contratar un isocarro, pero nós aínda botamos tempo coa carreta dun lado para outro. Co tempo xa chegaron as furgonetas e os desprazamentos eran outra cousa, pero mentres tanto moito tivemos que empuxar.
Cando Joaquin e os seus socios puideron contratar o isocarro tiñamos que achegarnos á estación, alí era onde estaban os vehículos dedicados ao transporte, chegabas e alí dicíaslle onde tiñan que recoller o material e a donde levalo.
Era unha época que comezaron a ter moito traballo e moito diñeiro naqueles tempos, eran novos, tiñan sobre 20 anos, aínda non habían ido ao servizo militar.
Eles tres comezaron sendo os oficiais e empezaron a coller uns cantos axudantes, colléronme a min, despois a Rufino, seguiulle Valentín e así seguiron chegando uns cantos máis.
Ao ter que ir á mili Joaquin, a cousa cambiou, mentres Rafael podía seguir traballando, pero cando a Rafael tocoulle ir a mili tivo que irse fóra, foi destinado á Marina, e as cousas xa foron cambiando. Así que logo de vir da mili Rafael propúxose establecerse por si só, recordo que comprou daquela unha furgoneta da marca Siata. Rafael colleu uns cantos rapaces, entre eles a Ricucho e a Lito O Ramallo, despois colleu a un rapaz de Campolameiro e comezou xa a outro nivel, con outras ideas.
Eu seguía con Joaquín, pero por pouco tempo, tocoume a min ir á mili.
Naqueles tempos , por poñerche un exemplo, as cornisas non viñan prefabricadas, tiñamos que nós facer os moldes e despois fundilos e había que facer unha grasa con xabón Lagarto, tamén o Teide valía, botábaselle un pouco de aceite de xirasol, quentábase o xabón, ás veces facíalo en frío tamén pero mellor era quente, deixabámolo arrefriar un pouco e mesturabámolo co aceite, despois iso había que batelo ben, había quen lle botaba unhas pingas de gasóleo e despois dáballe cunha brocha, tamén nos moldes faciamos o mesmo, facíanse eses corridos e para que se despegase dábaselle grasa, ás veces aínda estando frescos, si tiñas pouco tempo e apurábanche o choio claro, porque mellor era deixalo secar, despois pasábaselle cunha brocha un verniz e seguidamente a grasa, quedaba perfecto, todo liso e despegaba do molde de marabilla.
En canto ás planchas outro tanto, encima dunha mesa, como esta que teño aquí, facíanse a base dun emparrillado de canas, anos despois comezaron a vir os moldes de goma e xa era moito máis cómodo, eran moldes de sesenta centímetros por un metro, eu aínda gardo algunha.
Ao principio víñanche uns vendedores a vendelas polas empresas, logo dun tempo comezou a industrializarse o tema que xa comezaron a vir camións e camións de planchas que servían aos almacéns, era a principio dos anos setenta.
Ao finalizar o meu servizo militar comecei a traballar con Construcciones Malvar.
Había outras empresas que tamén puiden ir traballar nelas, pero moitas delas tiñan man de obra sen experiencia, e os traballos non os deixaban como tiña que ser.
A min gustábame que quedase perfecto, eu sempre fun moi curioso, non me gustaban os traballos que quedasen mal rematados, así foi que co paso do tempo fomos tendo máis traballo porque sabían que o faciamos ben, ese era o meu sistema, agora últimamente o que eu facía xa pasou de moda, todo faise ás presas. Eu sabía a que hora entraba a traballar pero nunca sabía a hora en que ía acabar a xornada, moitas veces o meu xefe botábame a bronca e dicíame que non me parase tanto, eu non lle facía caso, o meu traballo tiña que quedar planchado. Eu traballaba unha hora máis pero o choio deixábao ben.
–Juan, que traballos recordas que fixeses nalgún lugar coñecido?
– Recordos teño moitos, a pena que teño é que algúns deles desfixéronos.
– Conta, conta.
Pois por exemplo, a escaiola do Liceo Casino de Pontevedra fixémola nós, eu fixen na entrada do Casino, onde están situadas dúas columnas redondas que dan ás escaleiras de subida á primeira planta.
Naquel entón a directiva que levaba as rendas do Casino pediulle ao decorador que fixese algo orixinal na entrada, o diseñador comezou a darlle voltas ao asunto e decidiu facer nas columnas a forma dun paraguas pero colocado ao revés.
(Juan nese momento foi a coller un paraguas e foime explicando como tivo que idearselas para poder facer a obra)
-Tiven que facer unhas “U” e despois un corrido…
(Juan seguiu describíndome punto por punto todo o proceso, para levar a cabo o traballo dos paraguas ao revés Juan botou quince días , pero como me dixo : levei tempo, pero o choio quedoume ben)
– Ese traballo de escaiola no Casino creo recordar que foi preto das trescentas mil pesetas, a pena foi que a seguinte directiva que entrou ao pouco tempo non lle gustaba os paraguas e decidiron tirar con todo.
Anos máis tarde volvín polo Casino, esta vez traballei na zona onde está a barra da cafetería, na decoración tiven que facer a forma dun peito de pomba, esa obra aínda se conserva, pódese ver hoxe en día, as pezas da barra da cafetería fíxenas eu todas. Tamén estiven na Casa de Cultura de Monteporreiro, contactou comigo o arquitecto Jesús Fole, parece ser que preguntou quen podía facer ese traballo e fichoume a min, fixeran unha claraboya de cemento e querían facerlle un remate de escaiola e tiven que facer uns moldes especiais, en forma redondeada, aos poucos fun colocando as pezas unha por unha, non é por gabarme, pero foi un traballo que non todo o mundo era capaz de facelo, recordo que había outro escaiolista de Campañó que tamén era bo niso, pero non había moitos máis.
Outro traballo que recordo foi un que fixen na rúa Michelena, o contratista era sobriño de Esperón o de Poio. Esa decoración está aínda alí, era un traballo para un negocio que ía montar un matrimonio e querían unha decoración que chamase a atención, creo que era un establecemento dedicado a xoguetes ou cousas de agasallo, acórdome ben porque precisamente era cando comecei a traballar enfaixado debido a un pinzamiento, estiven once anos traballando así, cunha faixa.
Ese traballo non era que fose moita cousa, o decorador deume un plano cunhas medidas e con elas tiñan que realizar a forma dun chedeiro. Alí vesme a min rompéndome a cabeza como ía facer iso, mira…
Juan levantouse e foi a outra dependencia donde garda as cebolas e as patacas, alí, colgado da parede desengauchou un pau en forma de curva…
Con este barrote de carballo que teño gardado foi como fixen as marcas, aos poucos eu só fun facendo as marcas e despois tiven que facer un tabique.
Este barrote serviume para facer muitas obras, entre elas a bóveda do altar do Asilo de Ancianos, un traballo tamén que foi arduo, eu sempre ideaba, barrenaba a miña maneira, a min sempre me gustaron respetar as medidas xeométricas e iso que non puiden ter boa formación. Recordo que unha vez o meu fillo ensinoume como quitar unhas medidas, moito máis sinxelo de como eu sacábaas.
(Juan comezou a explicarme que si unha escuadra, que si a tangente, que si a prolongación, que si sacas o punto…)
– Eu tiña que usar o cordel para realizar o traballo, pero cando vin ao meu fillo como nun momento sacaba as medidas, joder ! estaba chupado ! Serviume de muito ! pero bo, hoxe en día esas cousas xa non se fan, hoxe en día manda o pladur, pero co pladur iso non se pode realizar. Tamén estivemos na Sala de Festas Brais, hoxe La Luna, fixemos o traballo de escaiola todo.
– Juan, volverá nalgún momento a realizarse de novo esas obras que ti facías?
– Para falsos teitos non. Iso será cousa dalgún caprichoso, ou unha restauración dunha igrexas ou dalgún local ou como no Colexio dos Salesianos de Cambados, que na súa capela ten unhas columnas cadradas cunhas canles cara arriba, recordo de ir reparar aquilo sendo eu moi novo.
Esperemos que haxa cidadáns que sigan querendo ter obras artesanales nas súas casas ou establecementos, realizadas por escaiolistas da nosa parroquia, xa que aínda segue habendo bos profesionais, entre eles está o noso veciño Tino Abal.
NOTA : O ESPARTO
Co esparto había que ter coidado, para traballalo había que desfacelo para ir mollándoo e mesturándoo, pero non se debía facer isto cando había lúa de forza, porque refervia, hai a quen lle fixo moito dano o polvillo que soltaba, producía un virus e despois co tempo chegouse a falar da enfermidade do esparto.
Efectivamente, a neumonitis por hipersensibilidad ao esparto (estipatosis) foi a causa de enfermar algún dos nosos veciños que traballaban de escaiolistas.